Após o xuíz do contencioso-administrativo José Yusty Bastarreche ter decidido suspender o debate do próximo domingo en favor do dereito a decidir, que ía producirse na Nave de Terneras, un espazo municipal cedido polo Goberno de Carmena, os organizadores, que tachan a decisión de inxusta por atentar contra un dereito fundamental, anuncian que manteñen o evento noutro local sumando agora a reivindicación á liberdade de expresión.

“En Madrid pola liberdade de expresión e a democracia e o dereito a decidir”. Baixo este novo título transfórmase o acto que aínda non conta cun espazo no que celebrarse. Como explicaron os organizadores nunha conferencia de prensa, están a buscar un lugar que poida albergar un aforamento dunhas 500 persoas, aínda que non descartan tampouco facelo ao aire libre.

Nuevo cartel del acto pro referéndum en Madrid

Intervirán deputados cataláns que apoian o referendo e representantes de organizacións de Madrid que tamén o apoian, aseguraron nesa mesma conferencia de prensa.

O maxistrado Yusty Bastarreche alega no seu auto que o evento suspendido “consiste en esencia nun acto de apoio á Lei 19/2017 do Parlamento da comunidade autónoma de Cataluña”, isto é a Lei para a celebración do Referendo que anulou o Tribunal Constitucional.

“A cesión do local indicado implica favorecer un acto de apoio a unha consulta convocada por unha lei que foi suspendida na súa eficacia polo Tribunal Constitucional e ademais diríxese claramente contra o disposto na Constitución Española”, en canto a que a soberanía nacional reside no pobo español e que o seu sistema de forma política é a monarquía parlamentar, alega o maxistrado.

Segundo expresou en rolda de prensa uno dos responsabeis que rexistrou a petición no Concello, Pedro Casas, o recurso dos populares quería prohibir a cesión do espazo municipal, mentres que o auto de Yusty prohibe o acto. “O recurso do PP cínxese a que se suspenda un acto administrativo; pídese que se paralice a cesión do local, mais o xuíz vai alén do que os propios demandantes pedían”, recriminou Casas.

Un xuiz ben peculiar

O curriculum do José Yusty Bastarreche aconsella pensar que non foi por acaso que a denuncia do grupo municipal do PP de Madrid foi caer no seu xulgado. Abertamente crítico coa “maldade” da lei de memoria histórica, asinante do texto fundacional de Libres e Iguales, defensor da águia de San Xoán como escudo español “autenticamente constitucional”, comentarista via redes sociais do aspecto pouco “presentábel” de determinadas figuras politicas  (“tropa” na súa definición), entre elas alcaldesa Manuela Carmena e de “personaxes tan sinistros” como a Pasionaria, Carrillo ou Companys, etc., o xuiz non se mostra publicamente como un exemplo da imparcialidade.