Hoxe vou contarlles algo sobre o Código Penal e a delincuencia en España.

Escoitamos, con frecuencia, que os delincuentes entran por unha porta e saen pola outra…, que a xustiza é moi branda…, etc. Pois ben: se se refiren aos delincuentes de colariño branco, que tanto dano causan á sociedade, coincido con vostedes.

Destes delincuentes, foron poucos os perseguidos, menos os condenados e ademais, xenerosamente indultados.

Con todo, en relación ás persoas normais, deben coñecer vostedes que temos un Código Penal que é dos máis duros de Europa.

Quizais non saiban que España é o cuarto país de Europa coa taxa máis baixa de criminalidade e que, a pesar diso, temos unha poboación reclusa das máis altas dos países da nosa contorna.

Iso si, os cárceres énchense cos pobres, porque o noso Código Penal é forte cos débiles e moi débil cos fortes.

Esta situación tentamos mudala coa reforma do Código Penal de xuño de 2010, que tratou de humanizar o durísimo Código e dotalo de instrumentos para perseguir os delitos de corrupción. Os resultados estamos a velos, mais resta moito por facer no combate contra a metástase de corrupción que alaga o noso país.

O Partido Popular, xa en decembro de 2012, volveu polos seus foros e criminalizó condutas de traballadores, desempregados e pensionistas, á vez que creaba novos espazos de impunidade para os delincuentes de colariño branco.

A última reforma do Código Penal de 2015 xunto á mal chamada Lei de Seguramza Cidadá, confirman que as teses máis conservadoras e inxustas, instaláronse de cheo no noso dereito punitivo e supoñen un grave atentado contra os dereitos e liberdades no noso país e á calidade da nosa democracia.

Estas pinceladas sobre algunha materia na que traballei bastante tempo, indican como, ás veces, a aparencia creada e estendida non ten nada que ver coa realidade. Os eslógans e as frases feitas triunfan e o rigor e a verdade non cotizan á alza.

A excesiva duración da estadia de persoas nos nosos cárceres, por delitos de escasa entidade, produce un enorme custo económico e de sufrimento familiar e persoal que debemos ponderar.

Iso si, contra a corrupción a loita debe ser sen cuartel, acabando coa longa impunidade que tivemos e prohibindo por Lei, que os condenados por delitos de corrupción poidan ser indultados.