El exministro de Educación, José Ignacio Wert, durante su comparecencia este martes en la Comisión de Educación del Congreso de los Diputados / EFE

Wert, ex ministro de Educación

 

O Tribunal Constitucional avalou o financiamento público das escolas que segregan o alumnado por sexo. O pleno do TC, de maioría conservadora, rexeitou o recurso presentado polo PSOE en 2014 contra a Lei Wert.

O pleno, por maioría de oito votos, acordou desestimar o recurso de inconstitucionalidade. Entre outros preceptos, os socialistas recorrían os concertos a centros que separan o alumnado por sexo, a relixión avaliábel ou o adianto dos itinerarios formativos ou a falta de participación dos pais nos consellos escolares ou a selección de alumnado por centros.

Os socialistas presentaron o recurso en marzo de 2014 e o Alto Tribunal admitiuno a trámite xusto hai catro anos, o 10 de abril dese mesmo ano, xunto aos presentados por Catalunya, Andalucía, Asturias e Canarias.

A sentenza, de que foi relator o Maxistrado Alfredo Montoya, ademais de desestimar o recurso de inconstitucionalidade interposto por máis de cincuenta Deputados do Grupo Parlamentar Socialista do Congreso, inadmite a solicitude de adhesión do Parlamento de Navarra.

A resolución conta co voto concorrente da Vicepresidenta do Tribunal, Encarnación Roca, e anunciaron voto particular discrepante os Maxistrados Fernando Valdés Dal-Ré, Juan Antonio Xiol, Cándido Conde-Pumpido e a Maxistrada María Luisa Balaguer.

O texto integral da sentenza, así como os votos particulares, serán feitos públicos unha vez sexan notifícadas as partes, a que por agora se comunicou unicamente o fallo.

O PSOE argumentou en máis de cen páxinas o seu rexeitamento á ‘Lei Wert’. No seu texto, afirmaba que a LOMCE permite unha educación que “segrega por sexo” ao blindar os concertos aos centros de educación diferenciada; e produce unha “redución e desnaturalización” do dereito da participación de pais, alumnos e profesores nos centros escolares, recollido no artigo 27.7 da Constitución.

Outro dos motivos de inconstitucionalidade expostos tiña que ver coa implantación de dúas materias -Relixión e Valores Cívicos- que se pon “ao mesmo nivel”, apesar de ter “raíces e contidos moi distintos”. Tamén consideraban que vulneraba a Constitución a separación do alumnado en itinerarios, como a Formación Profesional Básica e os Programas de Mellora do Aprendizado.

Fonte: Público