Mentres  o Goberno insistía na importancia de cumprir e facer cumprir a lei en Catalunya, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) condenaba o Reino de España por violar as leis internacionais. E non só iso, ademais deitaba por terra a tentativa do Goberno de dar encaixe xurídico mediante a figura do “rexeitamento en fronteira” na Lei de Estranxeiría a unha práctica que viola os Dereitos Humanos e que leva 15 anos realizando: as devolucións en quente de inmigrantes en Ceuta e Melilla.

O Executivo introduciu en 2015 a figura do “rexeitamento en fronteira” na Lei de Estranxeiría a través da ‘lei mordaza’ para tratar de dar encaixe xurídico ás devolucións en quente de inmigrantes. A última sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condena a España por estas prácticas en 2014 e bota por terra o intento de legalizalas.

Una de las devoluciones en caliente en la valla de Melilla por las que Estrasburgo ha condenado a España, el 13 de agosto de 2014.- EFE

“Non hai devolucións en quente, é un concepto que está cuñado xornalística e coloquialmente, mais non as hai. Se atravesado o primeiro valo xa tivese que ser cumprida a lei de estranxeiría, para que habería un segundo valo e a seguir a Garda Civil? Esas persoas tentaban entrar ilegalmente no noso país e o que fixo a Garda Civil foi impedirlles a entrada ilegal, que non consumaron, e que se consumaría cando atravesasen todo o terreno entre os dous valos”. Así de seguro explicaba o anterior ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, as devolucións realizadas pola Garda Civil durante os intentos de entrada de persoas migrantes a través do valo de Melilla en maio de 2014.

Cinco meses despois, Fernández Díaz non estaba tan seguro. “O que fixemos agora é, á vista dalgunhas situacións que se produciron, poder precisar con maior seguranza xurídica ese concepto de rexeitamento en fronteira que vén realizando ininterrompidamente a Garda Civil desde hai dez anos, de tal maneira que teñamos todos máis seguranza xurídica”, dicía en outubro de 2014 para xustificar unha disposición adicional á Lei de Seguranza Cidadá que o PP presentara após varias denuncias por estes feitos.

Un ano máis tarde, en 2015, a coñecida como lei mordaza entraba en vigor e, con ela, esa disposición adicional que modificaba a Lei de Estranxeiría e recoñecía o “réxime especial de Ceuta e Melilla”. “Os estranxeiros que foren detectados na liña fronteiriza da demarcación territorial de Ceuta ou Melilla mentres tentaren ultrapasar os elementos de contención fronteirizos para cruzaren irregularmente a fronteira poderán ser rexeitados a fin de impedir a súa entrada ilegal en España”. Con este parágrafo, o Goberno pasou a chamar “rexeitamento en fronteira” ás expulsións automáticas de inmigrantes.

Mais o TEDH despexou calquera dúbida a respecto diso. A súa sentenza da pasada terza feira, pola que condena ao Goberno a indemnizar con 5.000 euros dous demandantes de orixe subsahariana que devolveu automaticamente en 2014, afirma que as coñecidas como “devolucións en quente” violan o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos que España ten subscrito. En concreto, o Tribunal de Estrasburgo sentencia que España violou o Artigo 4 do Protocolo 4 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos, que di claramente: “Quedan prohibidas as expulsións colectivas de estranxeiros”.

Tamén deixa claro que España incumpriu o Artigo 13, que recoñece o dereito a un recurso efectivo a toda persoa “cuxos dereitos e liberdades foren violados”. No texto, os maxistrados ven probado que o 13 de agosto de 2014, antes mesmo de o “rexeitamento en fronteira” entrar en vigor, os inmigrantes que demandaron a España, após horas subidos no valado, foron alxemados e entregados ás autoridades marroquís en “contra da súa vontade” e “sen ningunha medida administrativa ou xudicial previa”. “Hai un vínculo claro entre a expulsión colectiva e o feito de se lles impedir accederen a un recurso que lles permitiu presentar a súa queixa a unha autoridade competente e obter unha minuciosa revisión das súas solicitudes antes da súa devolución”, di o texto.

Hai que mudar a lei?

O fallo foi saudado por ONGs, polo Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) e polo Defensor del Pueblo. Mais non supuxo ningunha sorpresa, xa que levan advertindo desta ilegalidade na fronteira sur española desde hai anos. Agora que se pronunciou un tribunal, esperan que o Executivo deixe de realizalas e elimine esa norma.

“A sentenza senta un precedente sólido e vai alén do caso particular dos dous demandantes porque entende que se realizaron expulsións colectivas. Di claramente que as devolucións automáticas son contrarias ao dereito internacional subscrito por España e, por tanto, obrigaría o Goberno español a eliminar a figura do rexeitamento en quente”, explica Gonzalo Boye, do despacho de avogados Boye-Elbal, que xunto con outro grupo de avogados alemáns levaron este caso a Estrasburgo. “Non hai lugar para máis interpretacións: co Convenio Europeo de Dereitos Humanos e esta sentenza na man, as devolucións automáticas na fronteira deben chegar ao seu fin. O TEDH deixou claro que o rexeitamento en fronteira é unha falacia que inventou España para dar cobertura ao que estaban a facer en Ceuta e Melilla”, resolve o letrado.

Para Boye, esta decisión xudicial, ademais “acaba coa inseguranza das fronteiras flexibeis que utilizou sempre o Goberno. A Corte considera que, desde o momento en que os demandantes subiron na barreira xa estaban sob control das autoridades españolas. Impide que os axentes decidan onde está a fronteira por criterios individualizados”, engade.

Coincide con el Noemí Alarcón, da Subcomisión de Estranxeiría do Consello Xeral da Avogacía Española, quen explica a Público que contra a sentenza aínda cabe recurso, aínda que o tribunal deixou “moi clara a liña pola que vai seguir”. A letrada ve moi complicado que a condena a España sexa revogada. “Unha vez sexa firme, España non só terá que indemnizar os demandantes, senón que deberá propor un plan de actuación para evitar que se repitan estas prácticas que se condenaron”, argumenta.

“É imposible realizar expulsións en quente e respectar ao mesmo tempo a normativa internacional”

Segundo Alarcón, unha reforma da lei sería o máis lóxico, xa que a normativa viola os dereitos humanos regulados tanto no Convenio Europeo como na Carta de Dereitos Fundamentais da UE. “Diso non tiñamos moitas dúbidas antes e agora, coa sentenza do TEDH, moitas menos”, argumenta. “España alegou no seu defensa que os inmigrantes non estaban en territorio español e iso é unha ficción xurídica que se inventa o Estado. Cando as autoridades interceptan estas persoas subidas aos valos enténdese que xa están no teu ámbito de actuación e xa estás obrigado a cumprir coa normativa internacional da que España é signataria. É dicir, ten que identificar individualmente a esa persoa, darlle acceso aos procedementos, e entre eles garantirlle a asistencia letrada”, engade.

Desde o ACNUR lembran que xa solicitaran a retirada desa disposición adicional á lei de Estranxeiría e que, apesar do intento do Goberno, ese texto “nunca avalou as devolucións en quente” porque especificaba que os rexeitamentos en fronteira sempre se farían “respectando a normativa internacional de dereitos humanos e de protección internacional da que España é parte”. “É imposibel realizar estas expulsións e respectar ao mesmo tempo a normativa internacional”, apuntan desde o organismo.

O que si confirma a sentenza, segundo ACNUR é que fai falta un “cadro procedimental para que as forzas de seguranza saiban de maneira clara como actuar” nestas circunstancias. Algo que xa propuxeron ao Goberno cando modificou a lei de Estranxeiría en 2015. “Propuxemos un mecanismo de identificación destas persoas rápido e individualizado tamén en Ceuta e Melilla para comprobar se teñen necesidades de protección internacional e identificar posibles solicitantes de asilo”, explican.

Mentres tanto, o ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, non dixo nin unha palabra sobre este puxón de orellas de TEDH, aínda que xa defendeu en varias ocasións no Congreso e no Senado que as devolucións automáticas levadas a cabo pola Garda Civil respectan a lei e os dereitos humanos. Nin sequera adiantou o seu ten previsto presentar recurso á condena.

Jairo Vargas

Artigo publicado en Público (07/10/2017)