O mozo que agrediu a Rajoy, trala súa detención.                             O mozo que agrediu a Rajoy, trala súa detención. | Fonte: Mónica Patxot (pontevedraviva.com)

 

O mozo agrediu o presidente do Goberno o 16 de decembro de 2015 e, após pasar a noite nos calabouzos, o 17 de decembro foi posto a disposición xudicial e o Xulgado de Garda decretou o seu internamento preventivo no centro de menores de Monte Ledo, en Ourense. Seis meses despois, en maio de 2016, o Xulgado de Menores condenouno. Durante todo ese tempo e até agora permaneceu internado.

Fontes xudiciais confirmaron a PontevedraViva que o mozo agresor recobrará a súa liberdade, mais continuará durante un ano máis en situación de liberdade vixiada. Durante ese tempo, no caso de que cometa algún delito podería volver á situación de internamento ou poderán serlle aplicadas outras medidas. Na súa condena tamén vai incluído someterse a un programa de reeducación que, caso se comprobar que non dá resultado, implicaría que volva perder a liberdade.

‘Capi’ tiña 17 anos cando agrediu o presidente do Goberno na praza da Peregrina, mais fixo os 18 xa en marzo de 2016. Apesar da maioría de idade, seguiu internado nun centro de menores de réxime pechado até agora, pois o delito polo que foi condenado fóralle imposto sendo menor.

                                                                                                                       Rajoy despois da agresión © Mónica Patxot

O Xulgado de Menores de Pontevedra condenouno a dous anos de internamento en réxime pechado como autor dun delito de atentado á autoridade do subtipo agravado recolleito no artigo 550.3 do Código Penal, aplicabel nos casos en que a autoridade contra a que se atenta é membro do Goberno.

Esa condena é resultado dun acordo de conformidade entre o mozo e a Fiscalía de Menores de Pontevedra. A fiscal de Menores pedía inicialmente que lle fose aplicada a circunstancia agravante de responsabilidade criminal de “extrema gravidade”, mais finalmente alcanzouse un acordo polo que el recoñeceu os feitos e mostrou o seu arrepentimento, de modo que se rebaixou a petición.

Mariano Rajoy non chegou a exercer ningunha acción contra o menor, de modo que el non tivo que pagarlle ningunha indemnización nin foi condenado tampouco a pagar responsabilidade civil polos feitos. Ademais, nestes últimos dous anos transcendeu que a familia e o propio menor pediron desculpas a Rajoy, que naquel momento era presidente do Goberno en funcións.

Aquel 16 de decembro de 2016 o mozo achegouse a Rajoy simulando que quería facerse un ‘selfie’ con el e, nun momento dado, golpeouno con forza na cara, tirándolle as lentes ao chan e deixándolle a fazula morada. Inmediatamente foi inmobilizado polos escoltas e detido polos axentes da Policía Nacional que integraban o dispositivo de seguranza.

Ramiro Espiño & Natalia Puga

Fonte: pontevedraviva.com