Andreu Joan Martínez aplicou a lei Corcuera -precursora da lei Mordaza- a manifestantes pola sanidade pública, a un grupo de antifascistas que boicotaban un acto de Josep Anglada e contra un protesto de familiares do caso Ciutat Morta.

“Ha de acabar a represión, ha de acabar a represión”. Foi unha das afirmacións do actual presidente da Generalitat Quim Torra durante o pleno de investidura no Parlament de Catalunya, no 14 de maio de 2018. Unha vez tomou pose do cargo o conxunto do Govern o artigo 155 da Constitución española ficou sen efecto e o presidente Torra recuperou o control sobre os Mossos d’Esquadra. Á cabeza do departamento de Interior situou Miquel Buch, ex alcalde de Premià de Mar, mais as rédeas operativas da policía catalá ficaron en mans do tandem Brauli Duart e Andreu Joan Martínez, unha vez afastado Ferran López das tarefas de comisario en xefe.

Duart e Martínez teñen experiencia no ámbito da seguranza, xa fixeran equipo na demarcación de Tarragona, mais é Martínez quen cumula unha maior traxectoria no departamento de Interior, onde estivo ás ordes de Felip Puig durante os anos máis duros da represión contra o movemento do 15-M. Foi Director Xeral da Administración de Seguranza, en substitución do incombustíbel Joan Delort, e despois que o lloretense Xavier Crespo se vise forzado a renunciar ao cargo a consecuencia do estourido do caso Clotilde de corrupción.

Estivo presente na sala de mando da represión durante o despexo da acampada indignada da praza de Catalunya de Barcelona, ao lado do defenestrado Manel Prat, e agora volta ao departamento como Director Xeral da Policía, de onde caiu Prat despois das mentiras do caso Ester Quintana (posteriormente foi fichado como xefe de comunicación e marketing da cadea de supermercados BonPreu).

 

As dúas vagas máis multitudinarias de sancións chegaron no verán e o outono do ano 201, poucos meses despois da violencia policial do 27 de maio na praza de Catalunya de Barcelona

 

Andreu Joan Martínez foi nos anos 2011 e 2012 o encarregado de sancionar manifestantes. A súa asinatura aparecía en todas as multas administrativas que recibían activistas a quen os Mossos d’Esquadra aplicaban a lei Orgánica de Protección da Seguranza Cidadá, a antiga lei Corcuera e a actual lei Mordaza. A aplicación da doutrina de tolerancia cero de Felip Puig, que ficou inmortalizada coa frase ‘iremos até onde permite a lei e un pouco máis’, tomou forma nunha enxurrada de multas a todo tipo de entidades políticas, sociais, veciñais e sindicais. As dúas vagas máis multitudinarias de sancións chegaron no verán e o outono do ano 2011, poucos meses despois da violencia policial do 27 de maio na praza de Catalunya de Barcelona, que deixou 120 persoas feridas, algunhas delas hospitalizadas. Jordi Arasa, subinspector do ARRO Barcelona, foi condenado pola Audiencia de Barcelona pola brutalidade empregada -en concreto, polas pancadas de porra ao ex deputado da CUP David Fernández-. E, apesar diso, mantivo durante todos estes anos cargos e funcións. Dirixiu o operativo conxunto coa Garda Civil nas portas do departamento de Economía no 20 de setembro de 2017 e as cargas contra manifestantes que protestaban pola detención de Carles Puigdemont o 25 de marzo de 2018 no perímetro da Delegación do Goberno español en Barcelona.

Lei Corcuera a manifestantes pola sanitade pública e contra o fascismo

O primeiro grupo de manifestantes sancionados por Andreu Joan Martínez foi rodeado polos Mossos d’Esquadra o 21 de xullo de 2011, un dia despois da manifestación en Barcelona convocada polas asembleas de indignadas, na saída da estación de metro de Ciutadella Vila Olímpica. Foron 77 as persoas identificadas e xustificáronno dicindo que se celebrara ‘unha manifestación que non fora comunicada oficialmente e polos desperfectos causados no centro de Barcelona’. Os desperfectos facían referencia á colocación de autocolantes. A retención durou más de hora e media. A xornada do 21 de xullo comezou moi cedo, con cortes de tránsito na avenida Diagonal e a avenida Meridiana -onde foron identificadas 45 persoas máis, na rúa do Rio de Janeiro-. Despois os manifestantes baixaron até o Paseo de Gràcia e apañaron o metro para dirixirse a unha concentración contra o ERO no Hospital del Mar. Todas elas recibiron unha multa coa asinatura de Martínez.

 

A infracción tería sido cometida, segundo Martínez, pola desobediencia das e os manifestantes, xa que os Mossos aseguran que ‘se deu orde aos manifestantes de que se trataba dunha manifestación non comunicada e que lle puxesen punto final inmediatamente’

 

O segundo grupo multitudinario sancionado foi de antifascistas que se manifestaron, no 2 de outubro, contra un acto da xenófoba Plataforma per Catalunya de Josep Anglada na praza de Sant Jaume de Barcelona. Os Mossos tamén encurralaron as manifestantes cando estas estaban na rúa da Bòria. A retención e identificación durou máis de dúas horas, con inspeccións e dúas detencións. Unha, dun home que chamou ‘covardes’ aos Mossos. No documento de sanción Martínez expuña que ‘durante o percorrido os manifestantes impediron a normal circulación tanto dos vehículos particulares como dos servizos públicos, polo que foi preciso que a Guàrdia Urbana cortase a circulación. E tivo que desviar diferentes liñas de autobuses’ e aseguran que ‘por causa de dúas concentracións a manifestación non comunicada dificultaba a prevención e o mantemento da seguranza cidadá polos axentes e membros dos corpos de seguranza’. A infracción tería sido cometida, segundo Martínez, pola desobediencia das e os manifestantes, xa que os Mossos aseguran que ‘se deu orde aos manifestantes de que se trataba dunha manifestación non comunicada e que lle puxesen punto final inmediatamente’. E as manifestantes desobedeceron, continuando co protesto. A finais do mes de outubro foron 220 as persoas a que se notificara unha multa en aplicación da lei Corcuera.

No 4 de febreiro de 2012 tamén foi sancionada -polo agora Director Xeral dos Mossos- unha das amigas das vítimas da montaxe poilcial do caso Ciutat Morta, a quen aplicaron a lei Corcuera cando estaba recollendo asinaturas nas portas do Palu de Justicia de Barcelona. O argumento empregado naquela ocasión foi que o número de persoas que se concentraban alí era superior a 20 e o acto non fora comunicado.

A lista de colectivos afectados pola represión foi longa, asembleas do 15-M e da PAH, sindicatos alternativos (IAC, CGT, CNT, Intersindical-CSC), colectivos anarquistas, antifascitas, asembleas de centros sociais e organizacións da esquerda independentista, con sancións que oscilaban entre os 300,52 e os 30.050,61 euros.

Jesús Rodríguez | @albertmartnez

Fonte: Directa