Se tan complicado pono para xustificar 251 millóns, imaxinen que pasará o día que teñan que xustificar euro a euro os aproximadamente 11.000 millóns ao ano que nos custa a Igrexa católica a todos os españois, crentes ou non.

O 2 de marzo de 2006, pola calada, cun certificado do bispo da diocese e por apenas 30 euros, a Mesquita de Córdoba pasou a ser propiedade da Igrexa católica. Tan sixilosa foi a operación que os veciños da capital andaluza non se decataron até tres anos despois, en 2009. Coa mesma discreción, pinga a pinga, polo menos 4.500 templos, ermidas, casas parroquiais, cemiterios e leiras de todo tipo pasaron nun puñado de anos a mans da Igrexa.

Sen empecillos burocráticos, sen pagar impostos, sen estar sometida aos requisitos complexos que unha operación deste tipo ten para o común dos mortais. É o escándalo das inmatriculacións “rexistrar ante notario por primeira vez unha propiedade” á carta (con apenas un certificado do bispo) que unha físgoa na reforma da lei hipotecaria en 1998 (goberno de Aznar) deixou en exclusiva á Igrexa católica.

Así traballa esta santa institución cos diñeiros e as propiedades. Por iso non é estraño que se rebelen contra a posibilidade de que se lle pida que explique con transparencia en que gasta o diñeiro que reciben pola súa casa da declaración da Renda, 251 millóns no último exercicio. O Tribunal de Contas, controlado aínda polo PP, negouse a intervir, mais o Congreso, cos conservadores en minoría, vai esixir que o faga.

Se tan complicado lle resulta xustificar 251 millóns, imaxinen que pasará o día que teñan que xustificar euro a euro os aproximadamente 11.000 millóns ao ano que nos custa a Igrexa católica a todos os españois, crentes ou non.

Un relatorio de Europa Laica debulla partida a partida de onde sae esta cifra aparentemente tan avultada. E aínda que non é fácil calcular, dado o obscurantismo con que opera a institución, ofrézolles un resumo: os xa referidos 251 millóns veñen da casa exclusiva do IRPF. Outros cen arrecádaos da outra casa, a de fins sociais. As exencións e bonificacións tributarias (non paga IBI, nin impostos de patrimonio, sociedades, obras, etc.) afórranlle a ela, e cústannos a nós, ao redor de 2.000 millóns. No ensino, 4.900 millóns (dos que 600 van en pagar docentes de relixión). Hospitais, 900 millóns. Funcionarios capeláns militares (si, leron ben), 50 millóns. Mantemento do patrimonio, 600 millóns. Subvencións diversas, 300 millóns… Así até os 11.000. O máximo non? Sobre todo se está fóra do control e a transparencia que si se esixen, loxicamente, a calquera asociación ou fundación do tipo que for, máis aínda se recibe diñeiro público.

Hai uns días, Fernando Giménez Barriocanal, vicesecretario para asuntos económicos da Conferencia Episcopal, entrevistado por Pepa Bueno na Cadea SER, xustificaba por que non debían ser controlados polo Tribunal de Contas e defendía a vocación de transparencia da institución: faremos o que nos diga a Lei. Menos mal que aínda non se lles ocorreu declararse insumisos fiscais (aínda que o terían difícil, dado que viven no seu paraíso fiscal particular).

Por certo, Giménez Barriocanal é tamén presidente e conselleiro delegado da COPE e, desde hai pouco, presidente de 13TV, a tele da Igrexa, que desde que naceu en 2010 perdeu máis de 60 millóns de euros, que saíron, ano a ano da famosa casa do IRPF (é dicir, véxana ou non, gusten ou non, os seus números vermellos pagámolos entre todos). Unha tele con fortuna, por certo, o Goberno do PP, cinco minutos antes das eleccións do 20-D, adxudicoulles unha canle de TDT en aberto. Ai, Mariano, o que tes que facer para gañarche o ceo!

Orixinal aqui.