O pleno do Parlamento de Europa aprobou un texto (Relatorio Bergeron) en que se «insta a elaborar medidas que permitan o achegamento de todas as persoas reclusas internas en cárceres situados lonxe das súas casas, salvo se a autoridade xudicial se pronunciar en contra por razóns xustificadas do punto de vista legal». Considera que a medida de afastamento que aplican alguns estados membros «constitúe un castigo engadido para as familias dos reclusos» e vulnera o artigo 8 do CEDH.

Apartados 28 e 29 do Relatorio Bergeron

28. Anima os Estados membros a garantiren que os reclusos manteñen contactos periódicos cos seus familiares e amigos, permitíndolles cumprir as súas penas en centros próximos ao seu domicilio e favorecendo as visitas, as chamadas telefónicas e o uso dos medios de comunicación electrónicos, previa autorización do xuíz e sob a supervisión da administración penal, co fin de preservar os lazos familiares; lembra que a noción de familia debe ser interpretada en sentido amplo para incluír as relacións que non se formalizaron; considera que é importante prever unhas condicións adecuadas para o mantemento deses vínculos;

29. Condena a política penal de afastamento que aplican algúns Estados membros xa que constitúe un castigo engadido para as familias dos reclusos; insta a elaborar medidas que permitan o achegamento de todos os reclusos que estean lonxe dos seus lares, salvo se a autoridade xudicial se pronuncia en contra por razóns xustificadas do punto de vista legal; lembra que, segundo o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, recluír unha persoa nun cárcere situado tan lonxe da súa familia que as visitas dos familiares sexan moi difíceis ou mesmo imposibeis pode constituír unha violación do artigo 8 do CEDH (o dereito ao respecto da vida privada e familiar);

As prisións «nunca deberían ser utilizadas como arma do Estado».

Trátase dun relatorio non lexislativo, polo que os estados manteñen a competencia, mais a Cámara pronúnciase claramente contra o afastamento de persoas presas. Así, as gravemente doentes son consideradas «presas vulnerabeis», ás que outorga «maior protección ao seu dereito á saúde».

Dlxhffrwkaal88r

Neste sentido, o europarlamentar de EH Bildu Josua Juaristi lembrou que aínda son 314 as persoas presas políticas vascas, e que 21 delas están doentes. Juaristi subliñou que é o primeiro texto da UE que condena o afastamento. «É un primeiro paso, seguiremos traballando para mellorar os dereitos dos presos a nivel da UE».

A europarlamentar de EU, Marina Albiol, remarcou que o cociente de presos no Estado español é un 32% superior á media de Europa, mentres o cociente de delincuencia está por baixo.

A irlandesa do Sinn Fein Martina Anderson, sinalou que as prisións «nunca deberían ser utilizadas como arma do Estado».

Doutra banda, o texto tamén se refire a a necesidade de evitar as penas privativas de liberdade sempre que poida haber outra alternativa e a velar por persoas presas como menores, mulleres grávidas e persoas de idade avanzada.

Relatorio en español

Artigo publicado en Naiz (05/10/2017)