Xornaliista de formación, Helena Maleno afirma que a desilusión pola profesión fixo que se reciclase como investigadora social. Traballou como consultora independente para o Defensor del Pueblo español, Women’s Link Worlwide, Save the Children e a Comisión Española de Ayuda al Refugiado (CEAR). Canaliza a súa militanza a través dun pequno colectivo chamado Caminando Fronteras, que se organiza de maneira horizontal coas comunidades migrantes. Hai catorce anos que vive en Tánxer (Marrocos) e loita por facer efectivo o acceso aos dereitos das poboacións en movemento na Fronteira Sur.

Vives en Tánxer desde o ano 2002. É nesa altura cando comeza o percorrido do colectivo Caminando Fronteras?

É. Eu venho dun concello, El Ejido (Almería), que se converteu en fronteira. Unha fronteira pobre convertida nunha fronteira rica, onde aparecen outros migrantes que son os internos. Desde alí plantéxome todo o proceso de externalización das fronteiras, por medio do cal a fronteira xa non se sitúa nas nosas costas, senón nas de enfrente. Este proceso culminou co acordo establecido coa Turquía, mais o Estado español foi pioneiro cos acordos asinados co Marrocos. Os acordos bilaterais teñen máis peso que as convencións internacionais e as leis nacionais. Foi posíbel frear moitas vulneracións graves grazas ao activismo e a través das loitas conxuntas coas comunidades migrantes. Démonos conta que elas tamén teñen estruturas que poden ser utilizadas para facer un traballo de empoderamento para accederen aos dereitos.

Neste sentido, a vosa perspectiva de traballo non é asistencialista

Non. Nós estivemos na Turquía e na Grecia e ficamos bastante horrorizadas. Hai moitísimos medios e moitísimo diñeiro -o que nunca aconteceu na Fronteira Sur-, mais non vin ningúen cun discurso e unha focaxe con perspectiva de dereitos humanos, da responsabilidade dos estados. Rescataron persoas, mais, despois, non pensaron o que facer con elas, que garantías ofreceren. Na Grecia, quen identifica os menores son as organizacións sociais, con métodos pouco garantistas. Perdéronse 10.000 menores porque non había normas de dereitos humanos. Perdéronse no asistencialismo, que move moito diñeiro, moita boa fé e que é interesante… mais o que facía falta era outra cousa.

No caso da crise das refuxiadas, foron destinados unha serie de recursos humanos e materiais que non se dedicaron á Fronteira Sur durante todos estes anos?

Hai moito que denunciamos o racismo. Na Fronteira Sur, houbo moitas imaxes como a de Aylan Kurdi [o neno curdo que apareceu morto nunha praia da Turquía en setembro de 2015], mais eran crianzas pretas e cunha vestimenta máis pobre. Afixémonos ao feito de que as persoas negras morran. Agora mesmo, ninguén se move polas persoas que morren no Mediterráneo central coa mesma intensidade coa que son impulsadas as mobilizacións polas persoas que morren no Exeo; porque xa nos afixemos ás primeiras vítimas. Os movementos de esquerdas non asumiron a parte da negritude. Onte, cando vin as imaxes da Guàrdia Urbana cercando os manteiros na Rambla, lembrei Ceuta, Melilla… Non podemos permitir iso; se estes mozos fosen sírios, reaccionaríamos doutra maneira, mais son o último elo da cadea. Non queremos ver o que pasa na nosa casa, nen afrontalo. No ano 2014, na praia de Tarajal (Ceuta), morreron quince persoas e un grupo de militantes españóis estaba implicado. Unha interlocutoria xudicial dixo que os migrantes non devían ser rescatados e non tiñan que ser activado o dispositivo de Protección Civil ou a Cruz Vermella porque foran eles mesmos os que se puxeran en perigo. Iso non é un estado democrático e a responsabilidade é nosa.

Como actúa o Marrocos cos migrantes en tránsito para Europa e que papel xoga o estado español á hora de decidir as políticas que se aplican?

O Marrocos sempre xogou a carta do diñeiro e do Sahara. Abriu e fechou as fronteiras cando necesitaba negociar sobre determinados aspectos coa UE ou o Estado español. O papel do Estado español foi introducir diñeiro, armar os militares marroquinos, levantar postos de vixilancia e pór concertinas. Todo isto foi feito con orzamentos da época de Zapatero. As compañías migrantes teñen moi claro que son unha mercadoría: negóciase con elas, buscan diñeiro e as mafias e os estados sempre gañan. Despois das primaveras árabes, só ficaba o Marrocos como socio privilexiado. Agora, hai tres leis no Parlamento: a reforma da lei de estranxeiria, a lei de asilo e a lei contra a explotación de persoas. Estamos agardando que sexan aprobados, porque son máis garantistas e substituirán a normativa de 2003. Naquela época, os estados europeos exerceron presión sobre os países norteafricanos para que aprobasen leis de estranxeiría que impactaron as súas sociedades.

Que grao de racismo hai na sociedade marroquina a respecto das persoas subsaharianas? Tes a sensación de que aumentou despois destas políticas migratorias?

Aumentou, si. O racismo e a xenofobia aumentaron moitísimo. O fenómeno é máis intenso nas zonas de fronteiras, como Tánxer ou Nador, pola presión que exerce España. E o acceso aos dereitos tamén é máis difícil que en Rabat ou Casablanca. O titular de El País de hai dez anos, “Trinta mil migrantes esperan saltar a valado”, seguía a mesma liña que os títulos publicados no Marrocos, que falan dos negros como “unha praga”. Os meios de comunicación locais usaron as mesmas estratexias que aquí, vincularon os migrantes coas drogas, a prostitución e o álcool e dixeron que eran malos musulmáns.

Que papel xogan os medios de comunicación na creación dunha opinión pública favorábel á asunción de determinadas medidas?

Cando se produce un salto no valado, a Garda Civil pon unha mesa, como cando desmantela unha rede, e indica: “Material confiscado no asalto ao valado”. Son os ganchos e pinchos que levaban nos zapatos, porque o valado ten unha malla para evitar que trepen por el e teñen que levar moita roupa para non cortarse, e luvas e ganchos para subir. Non son ferramentas de agresión. Mais, diante dos medios, as imaxes son presentadas como se se tratase de armas. Moi poucos medios tratan o tema migratorio con respecto e usan a terminoloxía adecuada.

Hai uns meses, as forzas marroquinas queimaron moitos acampamentos de fronteira nas inmediacións de Ceuta e Melilla e expulsaron os migrantes. Cal é a situación dos asentamentos próxmos á fronteira de Melilla, na zona montañosa do Gurugú? Continúan a existir?

Antes, en Ceuta, había un asentamento moi grande que xa non existe. Agora, hai grupos de persoas que se van movendo e están alí para tentar pasar ao outro lado cunha toy [pequena barca de xoguete inchábel] ou nadando. Agora, a xente ven desde Rabat, Fes, Tánxer ou outras zonas para tentar pasar en grupo. Hai acampamentos pequenos e provisorios que se van movendo, porque saben que as batidas son moi fortes. No Gurugú, fica pouca xente porque os saltos ao valado de Melilla están bastante bloqueados. A maioría de migrantes viven noutros acampamentos próximos a Nador, como Bolingo, que significa amor en lingala, unha das línguas da República Democrática do Congo (RDC). Esta xente espera pasar coas balsas que saen para Almería, Málaga e Granada, onde hai moitas mulleres e crianzas. No asentamento de Nador é onde hai máis xente -creo que entre 1.600 e 2.000 persoas- mais a cifra muda rapidamente porque os militares destrúen os acampamentos e a xente torna a facelos. Ora, compre ter en conta tres cousas na Fronteira Sur. A primeira é que , segundo a ACNUR, máis do 60% de migrantes son refuxiados potenciais que, despois, non peden asilo porque, en España, as garantías non son boas. En segundo lugar, a maioría das mulleres que hai, condicionadas pola dureza da zona e polo forte control migratorio, chegaron alí a través das redes de explotación de seres humanos ou utilizaron estas redes como estratexia migratoria e de supervivencia. En terceiro lugar, cada vez hai máis nenos, nenas e adolescentes.

Os medios falan das mafias da migración. Conceptualmente, cal é a diferenza entre as redes de explotación de persoas e as mafias do tráfico?

Tráfico e explotación non é o mesmo. O tráfico é cometido por pasadores que facilitan a entrada nun país. A explotación é unha vulneración terríbel dos dereitos fundamentais, o segundo crime organizado que máis beneficios xera no mundo. Supón a captación na orixe, o transporte a explotación en destino dunha persoa que é utilizada como mercadoría. Hai un contexto de oferta, que costuman ser os países pobres, e un contexto de demanda, que somos nós, que demandamos estas persoas para consumilas. Estamos falando de escravos e escravas. A explotación non é migración, ainda que as redes se aproveitan dos controis que se levan a cabo para se postularen como as únicas que a poden posibilitar. Os controis ferreños da fronteira sul aumentaron o poder destas redes. E non esquezamos que unha rede de explotación de persoas non existe sen o funcionariado, sen a colaboración de algúns dos consulados que fan visados para que estas vítimas entren polo Prat ou por Barajas, que tamén son Fronteira Sur.

Óllase para outro lado con tal de alimentar o discurso de criminalización dos movementos migratorios?

Hai un discurso de bós e malos. As máfias son os malos e a policía son os bons que nos defenden. Hai raparigas das mafias rusas que veñen da RDC, ou da Costa de Marfín, chegan a Marrocos e son acollidas en Casablanca. De repente, teñen vistos e villete de avión para iren a Moscovo e finalmente chegan ao aeroporto do Prat. Por veces foxen porque saben o que as espera. Cando chegan cun pasaporte onde di que teñen 27 anos, mais parece que teñen 15 porque nin peito non teñen, pergúntaste como é posíbel que haxa controis migratorios tan ferreños e ningúen as vexa pasar polos nosos aeroportos. Ou, se as ven, lévanas á sala de persoas rexeitadas en lugar de protexelas. Estas meniñas veñen da Fronteira Sul. Temos a responsabilidade de ver o que pasa no Prat e en Barajas, por onde entra moitísima xente en condicións terríbeis que vai de cabeza á destinos de explotación.

Coa sofisticación dos valados e as fronteiras de Ceuta e Melilla, houbo un resurxir das balsas e da opción de chegar á península por via marítima?

Hai diversas rotas, unha é o estreito de Xibraltar con pequenas barcas de xoguete e a remo. Nós tamén nos ocupamos do que pasa no mar, temos un teléfono de atención as 24 horas desde o ano 2007. Cando a toy está na auga, a xente de alá chámanos e comentanolo. Daquela actívase Salvamento Marítimo de Tarifa e axudamos a localizar a barca e a dar información útil para o rescate. Hai outras balsas que entran en Ceuta, de madeira e a motor, que non chaman para ser rescatadas porque teñen medo de que a Garda Civil faga unha devolución en quente na auga. Consiste en cercar a balsa no medio do mar, asediala e agardar que chegue a mariña marroquina para que a leve. A mariña marroquina non é un servizo de salvamento, é unha embarcación militar. Durante os forcexos, moitas veces, hai xente que se perde e non é rescatada pola Garda Civil nin a mariña. Despois, hai a rota do Sahara ás Canarias, de onde saen moitas balsas de madeira, que desaparecen porque non levan capitáns, senón rapaces que tamén fan a rota migratoria. Pagan menos diñeiro porque só os treinan dous ou tres días antes para lles ensinaren a levar a embarcación.

Cal é a reacción institucional diante desta realidade?

Nas Canarias, as persoas que levan estas balsas son detidas sistematicamente. A fiscalía e a policía das Canarias saben que son rapaces captados para o facer, mais procésanos na mesma e impútanlles tráfico de inmigrantes. Moitas balsas pasan moitos dias na auga e hai xente que morre. Ainda así, cando chegan os superviventes, vítimas da traxedia, son transladados ao CIE, despois de ter atirado compañeiros mortos pola borda, teren bebido a súa propia urina e terense visto entre a vida e a morte. Presentamos un monte de queixas e, agora, o Defensor del Pueblo pediu se se faga un protocolo de asistencia. A rota con balsa que ía para Melilla está parada. Entendemos que non o tenten, a Asociación Uificada de la Guardia Civil (AUGC) fixo público un comunicado explicando que os axentes tiñan estrés porque o xefe que dirixía as patrullas obrigábaos a utilizaren material antidisturbios contra embarcacións moi precarias. Finalmente, hai outra rota que sae da zona de Nador, no mar de Alborán, e vai para Málaga, Almería e Granada. Por terra, están as tentativas de entrada polos valados de Ceuta e Melilla, que tamén diminuiu bastante.

Cal é a situación de Salvamento Marítimo?

O control migratorio na auga é responsabilidade do Ministerio do Interior e o de salvagarda da vida no mar do Ministerio de Fomento. Cando priorizas o control, a garantia de salvagarda da vida no mar é menor. Ainda así, noutras zonas está sendo privatizado. Cremos que Salvamento Marítimo de Almería é un exemplo de boas prácticas que habería que exportar ao resto dos países. E eu estou encantada, por exemplo, co buque Dignity de Médicos sen Fronteiras. Mais, ainda que a solidariedade está moi ben, hai responsabilidades que corresponden aos estados. Temos de os presionar para que as cumpran.

Como se xestou a Asociacón de Familias das Vítimas de Tarajal?

Cando morreron os compañeiros de Tarajal, no día seguinte xa sabíamos quen eran eles e as súas familias. Algúns eran amigos. Fomos ao depósito de cadáveres de Rincos e Castillejo, onde estaban os corpos para seren identificados, en Marrocos. En Ceuta non recolleron os corpos, deixáronos aboiando nas augas e as ondas acabaron por os levar á praia. Déronse conta que se transmitira unha imaxe horríbel e perversa das vítimas. O ministro do interior e o xefe da Garda Civil debuxáranos de tal maneira que parecía que merecesen morrer. Daquela, quixemos visitar as familias porque, nestes procedementos xudiciais, as organizacións sociais sempre están presentes, mais as familias non. Queríamos saber se querían asistir aos procedementos xucidiciais e démonos conta de que non sabían nada do que acontecera cos seus fillos. Tiñan moitas preguntas.

Que facedes nos obradoiros para transformar a dor en xustiza e reparación?

Co colectivo Caminando Fronteras, traballámolo a través dos obradoiros dun proxecto que se chama Transformar a dor en xustiza. Formámonos cunha organización que traballa con familiares de desaparecidos e asociacións de vítimas, na fronteira mexicana. A seguir, montamos os obradoiros por partes. A primeira consistía en relatar o que acontecera aquel día; aquí, surxía a dor. A segunda parte do obradoiro consistía en explicar o procedemento xudicial. Neste punto, emerxía a raiba e a vinganza, sobretodo dos irmáns. As nais eran as que contiñan a situación e só dicían: “Dígame quen matou o meu fillo, quero que sexa diante dun xuiz e que vaia a prisión”. Na terceira parte do obradoiro, mostrámolles a loita doutras familias para que esta raiba e este desexo de vinganza se transformase na idea de que a morte dos fillos ha de servir para algo. Finalmente comezamos a traballar o significado da xustiza nos seus idiomas e os seus escenarios culturais.

Este proceso de aprendizado conxunto materializouse en reivindicacións e accións concretas?

A xustiza leva á reparación. O primeiro que queren as familias é que se poña nome e apelidos ás persoas que están enterradas ao lado de Ceuta e que ninguén tivo a decencia de identificar. Presentáronse test de ADN e partidas de nacemento orixinais perante a xuíza para que iniciase os trámites. Non o fixo, en canto que o Marrocos as identificou inmediatamente. O segundo que desexan é poder visitar as tumbas e pasar o dó. E, finalmente, queren ver se, administrativamente, poden reclamar unha reparación de algún tipo. As familias van tentar implicarse no procedemento xudicial, mais a xuíza non llo permitiu. Pedimos os vistos para que viñesen ao estado español, para ir ao xulgado, para ver as tumbas, para que fosen recibidas e escoltadas polas administracións públicas, etc. Queríamos conseguir que se sentissen abrigadas e que, ainda que non se conseguise xustiza nos tribunais, sentisen que se pedía xustiza social. Crearon a asociación de vítimas, mais a denegación dos vistos xerou un grande desánimo. Dixéronlles que as razóns da viaxe ao estado español no estaban xustificadas. Imaxinai a dor que sentiron! Mais teñen toda a paciencia do mundo. Agora, presentamos un recurso, iremos ao contencioso administrativo. O proceso pode durar dous anos, mais esperarán para ver a tumba dos seus fillos. Nada as vai parar.

David Bou – Fotos: Vítor Serri

Orixinal aqui.