Ás 12 da mañá do pasado 22 de setembro, oito policías nacionais presentáronse na casa de Daniel Morales. O ciberactivista valenciano está acusado de clonar a páxina web do referendo do 1 de outubro en Catalunya que, por vía xudicial, o goberno español ordenara fechar. “En ningún momento pensei que podería darse esta situación. Comezou a rondarme pola cabeza a posibilidade cando vin as dimensións da represión do Estado, mais sempre a descartaba por absurda”, explica Morales.

Dani Morales, ciberactivista valenciano, está encausado por partillar o código fonte do web do referendo. Falamos do seu caso e da situación de represión e censura na Internet que desenvolveu o goberno español durante os días previos ao 1-O

 

Ainda que non esperaba que o aparello represivo do estado español chegase até as portas -e alén delas- da súa casa na localidade valenciana de Burjassot, a Policía Nacional plantouse alí cunha orde xudicial. O ciberactivista relata que, apesar da sorpresa e a sensación surrealista de estar vivindo unha broma de mal gusto, mantívose tranquilo durante a hora e media que durou a actuación.

Os policías inspeccionaron o seu computador e pasáronlle unha chamada. “Chamáronme para pedirme información do funcionamento interno do web, e para pedirme axuda para unha posíbel colaboración para descarregar as bases de datos e proceder a decifralos”, detalla. Os policías querían coñecer a localización dos colexios electorais. Aliás, pensaban que Morales fora contratado pola Generalitat e que nas bases de datos estaban armacenados datos persoais, ambas as cousas falsas, comenta o activista.

Finalmente, confiscáronlle obxectos persoais (tres discos ríxidos e o móvel) e citáronno a declarar en comisaría. O ciberactivista, pola súa banda, denunciou publicamente que non lle deixaron ningún xustificante e que se escusaban dicindo que procuraban substancias ilegais e indicios de pertenza a organización criminal. “Son algúns dos erros que hai na acta -parece que debido a algún copia e cola de acto anterior ou modelo base”, explica Morales que así mesmo concreta que hai faltas ortográficas, erros a respecto da citación de artigos e sobre a solicitude da orde xudicial, que, segundo se manifesta no documento, tería tido lugar o 23 de setembro, un día despois de se producir a visita.

Actualmente, Morales está acusado, en calidade de investigado, de desobediencia, un delito que, segundo argumenta, tecnicamente non pode cometer, xa que non é funcionario público nin autoridade. Aliás, ainda non recuperou os obxectos que lle foron confiscados. O que si pudo restablecer, despois de os seus avogados lle daren via libre polas irregularidades no procedemento, foron as señas das súas contas de GITHub e dos servizos de Google que a policía, segundo afirma, mudou de forma irregular, subsituindo a súa identidade e facendo uso da función do seu navegador de lembrar señas. “Simplesmente reportei que foran furtadas -en certa medida  foi así- e recuperei o control. É moi importante que se saiba que son algunhas das ferramentas do meu traballo, xa que me dedico profesionalmente a desenvolver software”, explica Morales.

A xustiza española tamén citou declarar unhas quince persoas no resto de casos de diferentes poboacións da Catalunya. De feito, no atestado policial, acúsase o ciberactivista valenciano de dirixir, organizar e controlar todo este movemento de réplicas da web do referendo e de garantias.cat. Morales explica que, tecnicamente, el non replicou a páxina web, “simplesmente fixen posíbel a súa réplica partillando o código fonte con outras persoas”. Tamén denuncia que estas accións son unha clara violación dos dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de neutralidade da rede, como ditaminaron diferentes entidades internacionais, entre elas o OONI (Open Observatory of Network Interference).

Alén destas acusacións por vída xudicial, tamén houbo de sofrir como o xornal El País o relacionaba -e, en xeral, ao movemento ciberactivista que deu apoio loxístico ás webs relacionadas co referendo- co hacktivismo ruso ou pro-ruso. Nun artigo asinado por David Alandete, director axunto de El País, asegúrase que Morales ten un blogue dedicado aos hackers (howtoprotectmyserver.com), desde o cal, supostamente, publica contidos en favor da Rusia e de Vladímir Putin. Ante isto, a súa resposta foi a de facer unha denuncia pública desde a súa conta de Twitter (@GrenderG). “Non viera xamais o web do que, supostamente, son autor. A persoa que o leva asina como Daniel Morales, mais evidentemente non son a única persoa no mundo con ese nome. Se se tivesen dado ao traballo de investigar, teríanse dado conta, mais non lles interesaba”, afirma.

Despois de todo, agora fai unha valoración xeral para La Directa. Da súa perspectiva persoal como activista, afirma que sempre estivo involucrado no activismo, dentro e fora da rede e que non pode ficar quieto diante do que considera inxusto, por iso trata de aproveitar os recursos que ten para aportar o seu grao de area. As súas accións, asegura, están motivadas pola ética hacker, en defensa da neutralidade da rede, e cre que todas as sociedades avanzan mediante accións de desobediencia civil.

Ximo Colomina

Artigo publicado en La Directa (12/10/2017)