Segundo fontes do Departament de Justìcia de Catalunya, o ano pasado suicidáronse 8 persoas nos centros penitenciarios de Catalunya e, desde principio de ano, 5. Cada ano suicídanse unha media de entre 7 e 8 persoas internas segundo datos da última década. Ademais, calcúlase que preto do 40% delas son españolas que padecen problemas mentais. Unhas cifras que, ademais, van en aumento. Falamos con Irene Santiago, psicóloga de Irídia Centro para a Defensa dos Dereitos Humanos e membro do GAC (Grupo de Acción Comunitaria). Santiago traballou durante máis de 10 anos en América Latina facendo tarefas de acompañamento psicosocial a poboación afectada pola violencia extrema en diversos contextos como o penitenciario.

A proporción de suicidios dentro dos centros penitenciarios é moito máis alta que a de fóra das prisións. A que se debe esta diferenza?

O feito de que unha persoa se encontre en isolamento social xera unha serie de efectos. Se a isto engadímos que se trata de isolamento penitenciario isto esaxérase aínda máis. Os seres humanos para construírmos ‘o noso eu’ necesitamos interacción social. Ao non a termos, deixamos de estar retroalimentadas e de reconstruír a nosa identidade, xa que esta identidade constrúese grazas á interacción. Por tanto veremos moi rapidamente os efectos a nivel fisiológico: menos capacidade de memoria, axilidade mental, concentración… En isolamento isto acentúase moito máis e, se ultrapasa os 15 días, xéranse secuelas que poden chegar a ser permanentes. Os efectos son devastadores deseguida porque se xera unha desconexión social e un isolamento social moi grande, sen contacto interpersoal, que poden traer consecuencias como trastornos psicóticos, esquizofrenia, personalidades máis isoladas, paranoias…

Por tanto, polo feito de entrar nunha prisión, unha persoa pode desenvolver problemas mentais?

Si, claro. O trastorno mental é moi complexo. Hai moitos estudos sobre como un ambiente integrador, positivo, que reforce o desenvolvemento social pode previr e mitigar os efectos dos trastornos mentais. O mesmo acontece cando hai unha deprivación. O isolamento xera condicións que poden facer precipitar trastornos mentais. O dano psicolóxico está sempre, agora ben, o tipo de dano e o grao de afectación xa dependerá doutros factores como o tempo de estadia, se a persoa padece técnicas opresivas ou de tortura e tamén de factores individuais. Tamén acontece que persoas que non sufriron un trastorno psicótico, cando saen do cárcere poden ter graves dificultades para manter relacións sociais normais e para estar en sociedade. Afixéronse a estar en soidade e sen contacto humano.

O equipo de psicólogos e psiquiatras dos cárceres, fan un control real da saúde mental e a evolución das persoas?

Os servizos penitenciarios contan cun equipo de psicólogos e psiquiatras cun sistema ben regulado canto á saúde das persoas. Por exemplo, en termos de suicidio, hai un protocolo de prevención mais isto contrasta cun índice de suicidios moi elevado e preocupante. Hai toda unha serie de factores de risco que deben ser indicadores de que algo acontece. Desde o Síndic de Greuges de Catalunya e a Coordinadora para a Prevención da Tortura publicamos un informe onde se reivindica a aplicación do protocolo de Istambul. O Reino de España é país asinante mais non o aplica. Por iso pedimos que se incorpore o protocolo de Istambul como mecanismo de prevención da tortura. Permite facer unha avaliación psicolóxica, determinar o grao de malos tratos, de trato vexatorio e de tortura en prisión. Este é un mecanismo moi importante. É necesario que os profesionais da saúde estean formados e saiban incorporar dentro dos mecanismos normais da saúde mental en prisións.

 

Hai pouco fíxose público que a Generalitat desestimou a reparación patrimonial no caso de suicidio dunha presa, Raquel, en Brians I. No informe médico do caso explicábase que as feridas autolesivas eran de carácter manipulativo e non cunha verdadeira finalidade suicida. No informe tamén dicían que o 80% dos casos de autolesiones son con fins manipulativos.

Que a Generalitat centre os seus argumentos en si Raquel tiña unha intención manipulativa ou realmente suicida é ir moi mal. Estamos a pór o peso do suicidio nunha persoa que non está ben, focamos o problema de forma errónea. No caso de Raquel está claro que houbo un diagnóstico erróneo, porque finalmente se suicidou. Isto é moi grave e debe facernos repensar moitas cousas. É necesario que nos expoñamos se se está construíndo unha relación de axuda real dentro dos cárceres e como abordamos os casos de suicidio. A Organización Mundial da Saúde sitúa o suicidio como unha problemática central nos servizos penitenciarios. É indiferente a intención da persoa, é moi difícil saber onde está a liña vermella nestes casos. O que está a facer a persoa é expresar que sofre un malestar moi grave e faino dunha maneira autodestrutiva. O problema é que unha persoa con problemas de saúde mental en prisión está nunha situación de indefensión grave se os equipos sanitarios non toman a serio os seus malestares e sinais. Para as Nacións Unidas, o feito de ter condutas autolesivas previas, intentos de suicidio, telo comunicado… todo iso son factores de risco que deben facer pensar aos equipos de saúde mental que hai un risco que debe abordarse.

Que tería que facer a Generalitat diante dos casos de suicidio? Debería recoñecer as súas responsabilidades no caso de Raquel?

Iso seguro, mais non unicamente. Hai que recoñecer as responsabilidades mais desde a perspectiva de repensar o sistema penitenciario para previr novos casos. Non podemos reparar ao 100% o que pasou porque Raquel se suicidou e agora está morta, mais temos que facer unha reparación focada á familia e tamén ao resto de poboación penal en xeral. A administración ten responsabilidade do que pasa dentro das prisións, absolutamente de todo o que pasa. Hai que repensar o sistema mais para reparalo e melloralo desde a oportunidade de reparación a todo nivel, cunha perspectiva positiva. Hai que facer un exercicio de reflexión profunda sobre os protocolos de prevención de suicidios, que pasa cando temos uns números tan elevados de suicidios e como traballamos a saúde mental dos internos.

Que desafíos de saúde mental hai nas prisións?

O principal é a aplicación do protocolo de Istambul. Despois hai que traballar na liña de políticas preventivas e o primeiro que hai que facer é xerar máis contacto social. Hai que facer máis actividades, traballar temas culturais e artísticos como a música a pintura, potenciar a linguaxe artística. Así as persoas presas mellorarán, non só a nivel mental, senón tamén relacional. Tamén é chave para xerar espazos de contacto facer deporte. Atopamos aspectos así tanto a nivel internacional como nacional. En Chiapas (México) hai un cárcere de mulleres onde se dan clases de economía, sociedade e cultura e ensínan a desenvolver diferentes oficios. Isto fixo que moitas mulleres cando saen creen o seu propio negocio. Por tanto, traballar a saúde mental afecta directamente na redución do índice de reincidencia. O problema disto é que implica expornos o nivel de cociente entre presos e psicólogos ou psiquiatras, así como a calidade, o tempo e a frecuencia das visitas. Entón poderemos levar a cabo proxectos en grupo, traballar o corpo, potenciar actividades deportivas e vincular proxectos culturais a terapia. Debe ser traballado un plano de saúde mental preventivo que incorpore olladas psicosociais comunitarias, facer role playing, con teatro, simulacións de como buscar traballo e como adaptarse á sociedade. A sociedade muda, mais para a persoa interna o tempo está conxelado.

Sònia Calvó

Fonte: el diari de la sanitat