O Sergas ten orzamentada para 2018 unha partida de 658.664 euros destinadas a persoal relixioso, unha cifra levemente superior á que destinou á mesma finalidade en 2017 (652.000 euros). Neste 2018 son 52 as prazas de relixiosos orzamentadas: 41 a xornada completa e 11 a media xornada. Unha partida que ten a súa orixe no convenio que en 1995 asinara o Sergas coas dióceses galegas e polo cal o sistema público de sanidade sufraga salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos e concertados de Galiza.

 

Imaxe dunha sala destinada a uso relixioso nunhas instalacións sanitarias

 

A partida de case 659.000 euros para pagar salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia relixiosa católica nos hospitais públicos e concertados de Galiza figura como “servizos relixiosos” en “atención especializada”.

 

Son gastos que figuran como “atención especializada”. Ao longo destes anos, oposición parlamentar e colectivos en defensa da sanidade pública pediron sen éxito que esa partida fose a outros destinos máis necesarios. O PP defende contra vento e maré que, en virtude daquel convenio asinado cando Romay Beccaría era conselleiro de Sanidade, eses millares de euros de diñeiro público vaian para pagar relixiosos católicos.

As EXI (estrutura de xestión integrada: en Galiza hai 7 EXI que se encargan da xestión das 11 áreas sanitarias) con maior dotación ‘relixiosa’ son as de Compostela e Vigo: en cada unha, 9 capeláns: 7 a tempo completo e 2 a tempo parcial. 113.319 euros orzamentados para cada unha desas EXI.

A seguir, as EXI de Ourense, Verín e O Barco; e máis a de Pontevedra e O Salnés, con 8 capeláns cada unha. Partida de 106.000 euros para a primeira e de 99.000 para a segunda. A EXI da Coruña ten 7 prazas para relixiosos (92.000 euros), o mesmo número que a EXI de Cervo, Lugo e Monforte (outros 92.000 euros). Por último, e con 4 capeláns, a área de Ferrol, cunha partida de case 42.500 euros.

Contratación en función do número de camas

A contratación de capeláns, tal e como explicaba a xornalista Beti Vázquez, no nº32 do semanario Sermos Galiza (xaneiro de 2013), faise en función do número de camas. Así, por menos de 100 camas, un capelán a tempo parcial. De 101 a 250, un relixioso a tempo completo e outro a media xornada.

De 251 a 500, corresponderíalle 2 capeláns a tempo completo e 1 a tempo parcial. Entre 501 e 800 camas, 3 capeláns a tempo completo. De pasar das 800 camas, entre 3 e 5 relixiosos.

X.M. Piñeiro

Fonte: Sermos Galiza