“A liberdade inmediata das persoas encausadas polos delitos de rebelión e sedición que se achan en prisión provisoria en canto non se celebrar un xulgamento con plenas garantías e houber sentenza firme”. É a primeira recomendación que fai o Síndic de Greuges nun relatorio presentado nesta segunda feira, que aborda “a vulneración de dereitos fundamentais e liberdades públicas con ocasión da reacción penal ao 1-O e a aplicacíon do 155”. No documento, Rafael Ribó critica o uso “abusivo e desproporcionado desta medida cautelar.

 

 

O Síndic presentou o relatorio nesta segunda-feira pola mañá, despois de llo entregar ao presidente da cámara, Roger Torrent. Concretamente sobre este aspecto, considera “reprobábel” que o xuiz Pablo Llarena “argumente o risco de reiteración delitiva sobre a base do ideario político das persoas encarceradas e dunha parte da sociedade”. Tamén rexeita a limitación dos dereitos políticos das persoas que se encontran en prisión.

“A decisión de manter unha persoa en detención provisorio há de ser debida e suficientemente motivada, sobretodo cando se suceden demandas de liberdade condicional e decisión xudiciais denegatorias”, avisa o relatorio.

Por outra parte, no apartado das recomendacións, Ribó insta todas as partes a iniciar un “diálogo construtivo para conseguir unha solución política ao conflito” e demanda “fortalecer as garantías democráticas” garantindo o exercicio de dereitos como o de expresión. tamén interpela a Procuradoría Xeral do Estado e o poder xudiciario no seu conxunto a “recuperaren os principios democráticos de mínima intervención penal e proporcionalidade”.

Dereitos políticos

Polo que di respecto aos dereitos políticos das persoas privadas de liberdade, o Síndic de Greuges reitera que é “preocupante” que persoas que foron elexidas e están en pose dos seus dereitos politicos non podan ser candidatas á presidencia da Generalitat. Neste sentido, denuncia “a irregularidade que supón que o TC, antes de decidir se admite a trámite un recurso do Goberno estatal, adopte unhas medidas cautelares que impeden de facto que Carles Puigdemont poda ser presentado como candidato á presidencia da Generalitat diante do Parlament“.

Por outra parte, tamén rexeita a adecuación do delito de rebelión. “Fixemos unha análise sobre a rebelión e o tribunal alemán nos dá a razón dicindo que o delito está fora de lugar”, sinalou durante a conferencia de prensa no Parlament. Ribó tamén defendeu a necesidade de restablecer completamente o autogoberno da Catalunya.,

Liberdades fundamentais e 1-O
O relatorio presentado nesta segunda-feira tamén fai unha panorámica da situación dos dereitos e as liberdades. E lanza unha advertencia: “Os ataques ou regresións non se circunscriben ás expresións ou manifestacións de carácter independentista en Catalunya, senón que teñen un alcance máis amplo e están sendo aplicados a diferentes normas de protesto e disidencia”. Neste sentido, denunciou o caso de Támara Carrasco, membro dos CDR que tivo de declarar perante a Audiencia Nacional por terrorismo. Comparou esta vulneración de dereitos, amparada na aplicación do artigo 155, coa dun “estado de excepción” implícito.

Finalmente, o Síndic tamén reclamou unha “investigación obxectiva” sobre o 1-O. “O 1º de outubro houbo uso desproporcionado da forza policial e, como demandan o Consello de Europa e as Nacións Unidas, é preciso identificar os responsábeis”, defende Ribó. Xustamente este relatorio, precisou, será transmitido tanto ao Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos como ao Consello de Europa.

Diante das críticas que recibiu por parte do unionismo polos seus relatorios, lembrou que foi elexido por unanimidade no Parlamento. E avisou que non actuará con medo ao que podan dicir os diferentes grupos: “O día que un valedor do pobo actúe con medo, ten que demitirse”.

Nicolas Tomás 

Fonte: El Nacional