Imagen de la fachada del Tribunal Supremo. /EFE

A sentenza foi ditada pola Sala do Penal e confirma a condena de 1 ano e medio de cárcere que a Audiencia Nacional impuxo a Andeka Jurado García, por publicar no Twitter, entre 2014 e 2015, un vídeo composto por diferentes imaxes sobre ETA e os seus integrantes, en ocasións armados; por rechiar unha foto do militante falecido Josu Uribetxeberría Bolinaga xunto co lema “Adeus e honra” en euskara; e chiar dúas mensaxes sobre este membro de ETA, condenado no seu día polo secuestro do funcionario de prisións José Antonio Ortega Lara.

O acusado recorreu ao Supremo alegando que as imaxes e vídeos reproducidos na súa conta de Twitter non eran expresión dunha mensaxe ou argumentación súas, senón que existían previamente nos medios, xa que o termo retuitear significa reproducir o que preexistiu.

O Supremo contesta que o tipo penal non require que o acusado asuma como propia a mensaxe ou a imaxe, ou que as creou, senón que basta que teñan acceso a elas e as divulguen.

Tamén alegaba que non era delito mostrar unha foto tomada por unha terceira persoa, nin tampouco reproducir un vídeo en que aparece alguén danzando durante o funeral de Uribetxeberria Bolinaga, porque o acusado non era quen bailaba, nin gravou o vídeo, nin o subiu a internet.

Para o Supremo tampouco importa que a foto sexa tomada por unha terceira persoa se quen a recolle e lanza á rede pública é o acusado: “Mostrar determinadas fotos, e máis con mensaxe engadida, constitúe un engrandecemento da conduta e persoa e constitúe unha incitación á imitación, se o terrorista é presentado como un prohombre, modelo a imitar ou modelo de virtudes, cando a súa fama procede unicamente de ser terrorista”.

Acerca da danza -a danza de honra do “aurresku”- e outros encomios a Uribetxeberría nun vídeo, o Supremo destaca que “non precisa a lei penal que sexa o acusado o que dance ou grave o vídeo. Este aspecto non o impón a tipicidade, chegando con publicitar o gravado con posibilidade de que terceiras persoas se decaten de que enaltecen a traxectoria persoal e os “méritos” de alguén cuxa fama procede dos actos terroristas executados”.

Ademais, a mención “Adeus e Honra”, que isoladamente podería ser insuficiente para ser delito, foi acompañada da reprodución da homenaxe póstuma a un membro de ETA mediante o aurresku e póndoo como un modelo a emular (“A túa dignidade o noso modelo”) e coa mención de que a mellor homenaxe é seguir loitando.

O Supremo rexeita que o acusado exercese a súa liberdade de expresión, xa que as condutas de apoloxía ou enaltecemento dos actos de terrorismo ou dos seus autores non están amparadas por ese dereito constitucional.

Fonte: Público