Había trece días que o Llarena Solitario ou Cid Llaneador (dito con moito amor e respecto, como non podería ser doutro xeito) estaba reunido consigo mesmo moi forte meditando que día o diría. Trece días pensando: “Mañá? Non, mellor pasadomañá! Ai non, definitivamente que sexa o outro…”. Total, que ao final díxoo hoxe.

Hoxe o home que reparte xustiza como a repartían Terence Hill e Bud Spencer nos seus filmes, colleu o cartafol catalán e fixo “pam”. E este “pam” é o ruído de a fechar.

Hoxe acabou a instrución feita polo home que algún día terá que responder perante a xustiza internacional pola súa actuación. E iso implica que, xustamente hoxe e porque unha cousa vai ligada coa outra, ficou decretada a suspensión de funcións dos deputados cataláns elixidos polos cidadáns (e as cidadás) e que están en prisión preventiva grazas ao llarenismo (constitucional). Portanto, Carles Puigdemont, Oriol Junqueras, Jordi Turull, Raül Romeva, Josep Rull e Jordi Sànchez foron cesados das funcións e cargos públicos que ostentaban e agora a Mesa do Parlament terá que decidir se obedece ou non a decisión.

Mais entretanto iso chega, aquí o grande tema son estes 13 días e por que, habendo unha marxe de dúas semanas, a decisión coñecémola precisamente hoxe, o día seguinte á reunión Torra-Sánchez. E, sobretodo e por cima de todo, por que o Supremo tivo interese en filtrar os motivos polos cales a decisión apareceu hoxe e non onte ou na sexta feira.

Si, porque o tribunal se preocupou onte de explicar aos xornalistas especializados que non quixera dar a coñecer a resolución antes para non obstaculizar o inicio do diálogo entre Goberno e Govern. Ou sexa que todo aquilo de que a xustiza vai pola súa banda e a política pola súa, ten días de todo. E hai días como o de hoxe en que a xustiza actúa segundo o calendario da política e, ademais, quer que o saibamos.

Facendo o que fixo, o Supremo recoñece, descoñezo se conscientemente ou non, dúas cousas: 1/ que non estamos a falar de xustiza senón de política e, portanto, 2/ que Oriol Junqueras, Jordi Turull, Raül Romeva, Josep Rull, Jordi Sànchez e tamén Dolors Bassa, Carme Forcadell e Quim Forn e Jordi Cuixart son presos políticos. E Carles Puigdemont, Toni Comín, Meritxell Serret, Lluís Puig, Marta Rovira e Anna Gabriel non son turistas senón exiliados políticos.

Graciñas señores do Supremo! Graciñas señor Llarena! Graciñas por dicir a verdade, aínda que talvez foi sen querer. Facelo non serve de moito, porque nin saca ninguén do cárcere nin fai voltar ninguén a casa, mais que che dean a razón reconforta moito. Moito! Sobretodo que o faga quen causou o despropósito tuneando a lei.

E o máis bonito de todo é que iso pase e non pase nada.

Lu Forn

Fonte: El Nacional