O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha sentenza contra a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) por vulnerar o dereito a folga durante o 8 de marzo deste ano. A CUT foi a central sindical que interpuxo a demanda.

 

Instalacións da CRTVG

 

“Declaramos vulnerado o dereito a folga da CUT como central convocante da folga xeral de 24 horas en Galiza”, di o primeiro punto das conclusións xudiciais, “ao minorizar a empresa o efecto da folga mediante a substiución dunha traballadora folguista”. Foi o caso do programa Galicia Noticias Mediodía, cuxa presentadora secundou a convocatoria feminista pero foi substituída por un traballador.

Na argumentación da sentenza, a Sala do Social do tribunal afirma que a emisión do programa “supuxo a substitución da traballadora folguista e coa redución da consecuente presión que o sindicaro CUT, único convocante de 24 horas en Galiza, pretendía realizar no exercicio lexítimo dun dereito constitucional”.

“O referido programa”, continúa o documento, “é un dos de máis audiencia da TVG, e a súa emisión está, na súa maioría, fóra da franxa horaria de paros parciais convocados por outros sindicatos, e a súa cara visíbel é unha traballadora muller, e non un varón. Do que se trataba en definitiva, como sinala o sindicato demandante, era visibilizar a consecuencia da ausencia das mulleres traballadoras nos seus postos de traballo, consecuencias que non son visíbeis se a ausencia de dita traballadora fémina é suplida por un traballador varón”.

Segundo a Central Unitaria de Traballadores, que deberá ser indemnizada polo ente público por 15.625 euros, a sentenza “estabelece un criterio xurídico innovador. Por primeira vez un tribunal maniféstase sobre as folgas feministas do 8 de marzo”.

O TSXG declara ademais, nun ditame contra o que cabe recurso de casación no Tribunal Supremo, “nula a decisión empresarial de substituír a traballadora e manter a emisión do programa Galicia Noticias Mediodía”.

Seguimento do 80%

A CUT, na nota de prensa que comunica a sentenza xudicial, lembra que a CRTVG “foi unha das empresas de Galiza nas que se obtivo maior seguimento [da folga feminista], arredor do 80%, dando as traballadoras do ente público unha mensaxe de dignidade ao conxunto da poboación”. A Secretaría de Mulleres do mencionado sindicato “manifesta a súa satisfacción por esta vitoria de todas” e “agradece especialmente o papel das valentes traballadoras da CRTVG”.

Fonte: Sermos Galiza