A presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, roubou nun hipermercado en 2011 cando era vicepresidenta da Asemblea de Madrid. A dirixente do PP viuse obrigada a esvaciar o seu bolso a petición do vixiante de seguranza do establecemento ante a sospeita de que tivese roubado produtos cosméticos. E, con efecto, subtraíra dúas cremas, aínda que, como aconteceu co caso do máster, negou os feitos até non ter outra saída que admitir o roubo e pagar os produtos.

 

 

 

Investigación de Protección de Datos

A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) anunciou que abrira actuacións de investigación en relación co polémico vídeo de Cifuentes. Segundo indicaron fontes do organismo estatal, a abertura das citadas actuacións prodúcese de oficio, e lembran que a propia Cifuentes podería presentar unha denuncia perante a axencia se considerar que se produciu unha vulneración dos seus dereitos.

A partir de agora, segundo detallan as fontes consultadas, terá que ser dilucidado quen sería a persoa responsábel da protección dos datos no caso da divulgación das imaxes, así como a sanción que teria de ser imposta caso constatar infracción da normativa de protección de datos persoais.

O pasado 17 de abril, a directora da AEPD, Mar España, xa anunciou que caso comprobarse que se producira un acceso indebido aos datos persoais relacionados co máster de Cifuentes, a axencia iniciaría as actuacións que foren pertinentes.

Consecuencias legais

O vídeo está datado no 4 de maio de 2011. Castellana de Seguridad S.A. (Casesa) é a empresa que brinda seguranza ao establecemento de Eroski. Algo fallou na cadea de custodia daquel vídeo -debía ter sido eliminado, como moito, un mes despois da gravación, 15 días segundo o garda privado que participou na operación- se as imaxes viron a luz en abril de 2018, sete anos despois do episodio.  O responsábel veríase na obrigación de pagar unha multa de até 300.000 euros.

De seren certas as palabras do garda de seguranza de Eroski, o vídeo -destruído pasados 15 dias- tivo de ser substraído por alguén que o tería armacenado durante todos estes anos. Neste caso, a persoa que armacenou -e posteriormente filtrou- o vídeo non só teria infrinxido a lei que regula o uso de imaxes de videocámaras, tamén pode ter incorrido en delito penal.

Para comprender as engrenaxes desta situación hai que coñecer, aínda que sexa minimamente, a Lei de Protección de Datos de 2006. A Instrución 1/2006 establece que todo vídeo gravado por unha cámara de seguranza terá que ser eliminado no prazo máximo dun mes se non hai unha denuncia ou investigación policial polo medio: “Os datos serán cancelados no prazo máximo dun mes desde a súa captación”. Evidentemente, ese protocolo foi quebrantado no caso de Cristina Cifuentes.

Que consecuencias legais pode ter o posíbel roubo, conservación e publicación deste vídeo? Que mecanismos se poñen en marcha desde o momento en que se coñece que imaxes que deberían ter sido eliminadas circulan abertamente sete anos despois do episodio?

Leandro Núñez, avogado de Audens e especialista en materia de protección de datos, ofrece as chaves: “A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) abriu unha investigación que seguirá unhas pautas moi concretas”.

A AEPD conta cun ano para elaborar unha investigación previa: “Nela aspira a comprender onde rompeu a cadea de custodia do vídeo. Hai moitos axentes que poderían estar implicados: a cadea Eroski, a empresa de seguranza (Casesa), algún policía que puidese ter requirido as imaxes… Hai moitas opcións”.

Pasado ese ano, a AEPD conta con seis meses para a elaboración dun expediente administrativo e decidir se sanciona economicamente quen rompeu a cadea de custodia. Unha infracción da normativa que comprende multas de entre 40.000 e 300.000 euros. Esa contía, en ningún caso iría destinada a indemnizar á persoa afectada, Cristina Cifuentes.

Fonte. República / El Español