O Comité de dereitos económicos, sociais e culturais de Nacións Unidas (Comité DESC) recoñeceu “o impacto profundo que tivo a crise financeira internacional na economía e no goce efectivo dos dereitos económicos, sociais, e culturais (DESC) no Estado español” e instou os poderes públicos españois a adoptaren as medidas necesarias para garantir o pleno exercicio destes dereitos.

 

Resultado de imagem para comite direitos economicos sociais culturais onu

 

 

A Plataforma DESC España acolle con satisfacción as recomendacións realizadas

Os días 21 e 22 de marzo España rendeu contas sobre o grao de cumprimento, protección e defensa dos DESC entre os anos 2012 a 2016. O Comité escoitou o goberno español e as organizacións da sociedade civil, entre elas á Plataforma DESC que presentou un relatorio apoiado por máis de 150 entidades. Após unha exhaustiva análise os membros do Comité aprobaron o 29 de marzo as observacións finais ao sexto relatorio periódico do Reino de España.

O Comité DESC mostrou a súa preocupación por como a drástica redución do gasto público no ámbito social e “a prolongación da aplicación dalgunhas medidas de austeridade” afectan a garantía de todos os dereitos do Pacto e “desproporcionadamente os grupos e persoas máis desfavorecidos e marxinalizados”, en especial “as mulleres, os nenos, as persoas con discapacidade, os xitanos e romanís, así como os refuxiados, os solicitantes de asilo e os migrantes”. Subliñou que o índice da poboación que está en risco de caer na pobreza e exclusión social é alto, afecta de maneira significativa estas persoas.

Ademais, mostrou inquietude polos altos índices de abandono escolar temperán que continúa “a ser o segundo máis alto da Unión Europea e afecta de maneira desproporcionada estudantes pertencentes a estes grupos”.

 

Resultado de imagem para nacions unidas comite dereitos economicos sociais culturais reino españa

 

Tamén mostrou preocupación pola disparidade entre as Comunidades Autónomas e polo obstáculo “que certas decisións do Tribunal Constitucional” supoñen para que “as Comunidades Autónomas poidan outorgar, cos seus propios recursos, maiores proteccións aos dereitos do Pacto que as previstas a nivel nacional”.

Con relación ao dereito ao traballo, mostrou especial preocupación polo persistente “foxo salarial entre homes e mulleres”, así como as altas taxas de desemprego que continúan afectando especialmente a poboación nova e as repercusións que as políticas laborais están a ter nas condicións laborais, aprofundando a precariedade e a carencia dunhas condicións de traballo equitativas e satisfactorias.

Xunto con estas preocupacións, as observacións finais recollen un conxunto de recomendacións para que o Reino de España adapte a súa lexislación nacional aos Tratados Internacionais de dereitos humanos entre elas:

a) Garantir que os DESC conten co mesmo nivel de protección que os dereitos civís e políticos e promover a súa aplicabilidade en todos os niveis do sistema xudicial, inclusive mediante o recurso de amparo, o que implica unha mudanza constitucional.

b) Adoptar unha lei integral de non discriminación que garanta protección suficiente, incluíndo explicitamente todos os motivos de discriminación prohibidos; defina a discriminación múltipla, así como directa e indirecta; prohiba a discriminación tanto no ámbito público como no privado; e incorpore disposicións que permitan obter reparación en casos de discriminación, inclusive por medios xudiciais e administrativos.

c) Derrogar o artigo 315, párr. 3 do Código Penal a fin de evitar a persecución penal de traballadores que participaron en greves.

d) Elaborar e adoptar unha estratexia nacional de prevención e loita contra a pobreza e a exclusión social 2018-2020.

e) Regulamentar o mercado privado da vivenda e modificar a Lei de Arrendamentos Urbanos para facilitar a accesibilidade, dispoñibilidade e accesibilidade dunha vivenda adecuada para as persoas de baixos ingresos.

f) Adoptar un cadro lexislativo que estableza requisitos e procedementos adecuados para levar a cabo despexos ou desaloxos forzados, que entre outros incorpore os principios de razonabilidade e proporcionalidade, así como as debidas garantías legais e procesuais para as persoas afectadas.

g) Derrogación das disposicións do Real Decreto-lei 16/2012 que supuxeron retrocesos na protección do dereito á saúde e asegurar que os migrantes en situación irregular teñan acceso a todos os servizos de saúde necesarios.

j) A partir de agora os poderes públicos españois deberán articular as recomendacións realizadas polo Comité DESC para cumprir coas obrigacións do Pacto de dereitos económicos, sociais e culturais. Para isto, unha das recomendacións específicas realizadas nas observacións finais, é que “estableza un mecanismo nacional eficaz para a aplicación e o seguimento das recomendacións e os ditames do Comité” así como “a capacitación en DESC e en xeral en DIDH a xuíces, fiscais, funcionarios públicos e outros operadores da administración de xustiza”.

Vero Castañeda Blandón

Fonte: Coordinadora