As organizacións que traballan con persoas refuxiadas en Hungría temen polo seu futuro despois da reelección do líder ultranacionalista, que xa anunciou que a lei que restrinxe o seu labor será aprobada logo após a formación do Parlamento “Após o desmantelamento completo do sistema de asilo e tres anos de propaganda xenófoba, o Goberno quer silenciar os que denuncian estas prácticas inhumanas”, sinalan desde a ONG Comité Helsinqui. Apesar de acumular anos de restricións, as organizacións anuncian que seguirán adiante co seu labor: “É máis necesaria que nunca, moitos refuxiados só poden contar con nós”

 

 

Preocupadas polo seu futuro, mais en pé para resistir. Após anos de escollos ao seu labor no medio dun pulso gobernamental contra a inmigración, as ONG que traballan en Hungría aínda tentan asimilar que Viktor Orban seguirá á fronte do Executivo. “Estamos tristes vendo até que punto unha absurda campaña gobernamental pode fomentar medo e odio. Seguir adiante require máis perseveranza que nunca”, sinala Gábor Gyulai, director do programa de asilo da ONG Comité Helsinqui Húngaro, nunha conversa con eldiario.es.

“Seguimos resistindo, estamos tan preparados como podemos para ultrapasar os obstáculos e temos a intención de ficar”, engade Stefania Kapronczay, directora executiva da Unión Húngara polas Liberdades Civís (HCLU), especializada en dereitos humanos.

Ao irresistíbel triunfo do líder ultranacionalista nas eleccións xerais do pasado domingo, seguiu un anuncio na súa primeira comparecencia pública despois da reelección: a polémica lei que restrinxe a actividade das organizacións que traballan con migrantes e persoas refuxiadas seguirá o seu curso e será aprobada logo de formarse o Parlamento nas próximas semanas.

Mais ás ONG, que levan tempo denunciando os planos do Goberno, non as pilla por sorpresa. “A primeira decisión será aprobar esta lei, que é unha ameaza existencial para as ONG”, alerta Kapronczay. “É un compromiso serio, non se trata, en absoluto, dunha argucia electoral. Existe unha ameaza grave e inminente contra a sociedade civil independente, un dos poucos contrapesos que restan ao Goberno. O que se pretende conseguir é, nin máis nin menos, aniquilar, dunha vez, as voces críticas”, esgrime Gyulai.

Primeiro, din, veu a retórica xenófoba, as férreas medidas antiinmigración e o rexeitamento ao acollemento de persoas refuxiadas. Despois, os ataques contra quen defende os seus dereitos, centrados en responsabilizalos da súa chegada e acusalos de socavar a seguranza nacional. “É difícil imaxinar como podería deteriorar a política de refuxiados aínda máis, mais até agora non faltou creatividade. Despois do desmantelamento completo do sistema de asilo e tres anos de propaganda xenófoba, o Goberno quere silenciar os que denuncian sen cesar estas prácticas inhumanas e antidemocráticas”, indica o especialista en asilo.

“Se o consegue, será non soamente unha grande contrariedade para os refuxiados que ficarán sen asistencia, senón tamén para a UE, que se mostrou incapaz de parar este proceso”, prosegue.

A “operación matar de fame e esganar”

As organizacións sociais húngaras refírense aos impedimentos de Orban como a “operación matar de fame e esganar”. O primeiro paso deuno o parlamento en xuño do ano pasado, cando aprobou a lei que obriga todas as ONG que reciben ao redor de 24.000 euros de doantes non húngaros a rexistrarse como “organización financiada desde o estranxeiro”, e indicalo nas súas publicacións e as súas páxinas web.

Segundo os activistas, esta normativa “ataca a reputación” e deriva na “estigmatización” de quen denuncia a corrupción ou loita pola protección do medio ambiente e os dereitos humanos. A Comisión Europea iniciou unha demanda contra Hungría por esta lei ante o Tribunal de Xustiza da UE, ao considerar que restrinxe “desproporcionadamente” as doazóns e viola a liberdade de asociación.

 

El conservador nacionalista Viktor Orbán logra su tercer mandato consecutivoO conservador nacionalista Viktor Orbán logra o seu terceiro mandato consecutivo – EFE

 

Agora, o que está en xogo é o futuro da ONG especializadas no traballo con refuxiados e migrantes. “Os húngaros decidiron que son eles que pode determinar con que quer convivir”, dixo esta terza feira un Orbán fortalecido pola maioría nas urnas. A mesma forza que o levou a prometer que así que se constitúa o novo parlamento, onde contará previsibelmente con dous terzos da cámara, será aprobado o paquete lexislativo ‘Stop Soros’, denominado así polo multimillonario estadounidense George Soros, a quen Orbán acusou en reiteradas ocasións de “fomentar a inmigración” e que verteu numerosas críticas contra o Goberno húngaro.

Esta quinta feira, segundo informou Associated Press, un semanario húngaro publicou máis de 200 nomes, tamén de membros de ONG e defensores de refuxiados que, din, forman parte dunha rede de persoas a que o primeiro ministro chama “mercenarios financiados” polo investidor. Varios gobernos da zona acusaron Soros, un dos maiores críticos de Vladimir Putin, de investir en proxectos para fortalecer a oposición e reducir a influencia rusa na rexión.

O magnate doa fondos a varias entidades da sociedade civil en Hungría, como o Comité Helsinqui. A súa web recolle que o 34% dos recursos da ONG proceden da fundación Open Society, creada por Soros. O resto provén doutros doantes como Acnur ou a UE. “A sociedade civil húngara depende de fondos externos ou de fondos gobernamentais, que poden facilmente comprometer a independencia dunha ONG. Os fondos externos son vitais para o funcionamento da sociedade civil forte e independente nesta rexión”, sostén o responsable do Comité Helsinqui.

“O pretexto de ‘querer máis transparencia’ é mentira: nós cumprimos xa con todos os nosos deberes e funcionamos con moita máis transparencia que outros actores”, acrecenta.

De se aprobar a nova proposta lexislativa, todas a ONG que traballan con refuxiados ou migrantes, financiadas con fondos estranxeiros ou non, terán que obter a autorización do Ministro do Interior para continuar estas actividades e pasaren un exame que determine se o seu labor implica ou non “un risco para a seguranza nacional”.

“É un proceso moi arbitrario e pouco transparente, sen posibilidade de recurso. Serán estigmatizadas actividades legais e normais, como o asesoramento xurídico, actividades educativas ou a asistencia médica ou psicolóxica”, explica Gyulai. Unha vez recibida a autorización gobernamental como ONG “que apoia a inmigración”, terán que pagar un imposto do 25% das doazóns recibidas do exterior.

A lei tamén abre a porta a que se decreten ordes de afastamento a oito quilómetros da fronteira, é dicir, pode restrinxir o acceso dos activistas ás áreas onde están os migrantes. “O obxectivo é evitar que avogados profesionais poidan dar asesoramento xurídico aos centos de solicitantes de asilo detidos arbitrariamente na fronteira serbo-húngara”, considera Gyulai. Estas restricións prodúcense, ademais, nun contexto de crecente criminalización contra os defensores de migrantes en todo o mundo, segundo denunciaron expertos da ONU.

“O noso labor xamais foi tan necesario”

Mais estas medidas, sosteñen os activistas, son só o último elo da cadea de ataques que levan anos soportando. “O ataque sistemático do Goberno húngaro e a campaña de difamación contra a ONG comezou en 2013. Desde entón, as organizacións que se atreven a criticar o Goberno enfróntanse á estigmatización e a intimidación en moitas formas e a moitos niveis”, explica Aron Demeter, responsábel de comunicación de Amnistía Internacional Hungría.

 

La policía húngara arroja agua a presión contra refugiados en la frontera con Serbia, en el punto de Horgos, el 16 de septiembre de 2015. / Efe. A policía húngara lanza auga a presión contra refuxiados na fronteira con Serbia, no punto de Horgos, o 16 de setembro de 2015. / Efe.

 

As ONG foron albo de ataques desde os medios de comunicación, convenios rescindidos, impedimentos para organizaren actividades, por exemplo, en escola… “Algunhas recibiron chamadas e mensaxes de odio, ás veces ameazando a vida dos seus traballadores”, apunta Demeter. “Nós gañamos varios casos nos tribunais contra o Goberno por difamación”, agrega Gyulai. “Prohibiuse o acceso aos centros de detención de refuxiados e, no caso específico da Fundación Ökotárs, houbo rexistros domiciliarios da Policía”.

Apesar de todo, agora que Orbán foi elixido por terceira vez e a ameaza sobre os refuxiados “persiste”, os activistas reiteran que non se dan por vencidos. “Agora é o momento de continuar o noso traballo e cumprir o noso mandato máis firmemente que nunca. O noso labor xamais foi tan necesario como agora. Moitas vítimas de violacións de dereitos humanos en Hungría, entre eles refuxiados, só poden contar con nós. Encanto sigan buscando a nosa asistencia, nós continuaremos o noso traballo, mesmo baixo circunstancias difíceis”, sostén Gyulai.

“Seguiremos resistindo o retroceso de dereitos e contra os intentos de avivar a hostilidade cara aos refuxiados e migrantes, e seguiremos defendendo os grupos que os apoian e defenden”, sentencian desde AI.

Icíar Gutiérrez

Fonte: El Diario