Joaquim Forn y los Jordis declaran a petición propia en el Supremo                                                                           EFE

 

Levo máis de seis meses preguntando, preguntándome: por que nos importa tan pouco que haxa políticos independentistas cataláns en prisión preventiva por orde xudicial?

Releo a frase: ‘políticos independentistas cataláns en prisión preventiva por orde xudicial’.

Así dito non conmove moito. Todo nesa frase nos desinteresa da súa sorte: ‘políticos’, en tempo de desprestixio da clase política. ‘Independentistas’ está só un chanzo por baixo de ‘terrorista’. ‘Cataláns’ escorrega sobre décadas de catalanofobia. ‘Prisión’ non impacta demasiado en días de populismo punitivo, cando calquera condena nos resulta pequena. Se en cima acrecentas ‘preventiva’ parece menos prisión. E ‘por orde xudicial’ é o fecho garantista, separación de poderes, todo legal.

Probemos a reconstruír a frase, a ver que tal.

No canto de ‘políticos independentistas cataláns’, podemos dicir ‘nove cidadáns’, ‘nove persoas’, ou mesmo nomealos: Jordi Cuixart, Jordi Sánchez, Joaquim Forn, Oriol Junqueras, Jordi Turull, Carme Forcadell, Josep Rull, Dolors Bassa e Raül Romeva.

No canto de ‘prisión preventiva’, que soa a pasar unha noite en comisaría, digamos ‘levan entre dous e seis meses en tres cárceres madrilenos, a máis de 600 quilómetros das súas familias.’

Réstanos o ‘por orde xudicial’. É certo que o ordenou un xuíz, mais levamos meses escoitando as dúbidas de xuristas sobre os autos de Llarena, a acusación de rebelión, o papel da fiscalía ou as investigacións da garda civil, por non falar do propio sistema xudicial español e a súa dubidosa independencia. Para non alongar a frase eu deixaríao en ‘un proceso xudicial cuestionado dentro e fóra de España’. E engadiría un dato importante: ningún dos encarcerados está relacionado con actos violentos.

A ver agora que tal soa:

Jordi Cuixart, Jordi Sánchez, Joaquim Forn, Oriol Junqueras, Jordi Turull, Carme Forcadell, Josep Rull, Dolors Bassa e Raül Romeva levan entre dous e seis meses en tres cárceres madrilenos, a máis de 600 quilómetros das súas familias, nun proceso xudicial cuestionado dentro e fóra de España, e sen ter relación con actos violentos.

Aínda é posíbel  ampliar a frase. Podemos engadir que só poden ver os seus familiares unha vez á semana, durante coarenta minutos e a través dun vidro, máis encontros mensais na sala de vis à vis. Algúns teñen fillos, mesmo fillos moi pequenos: o de Jordi Cuixart acaba de facer un ano, perdeu máis de seis meses da súa vida. Joana e Lluc, os fillos de Oriol Junqueras, teñen dous e cinco anos, e han viaxar 600 quilómetros de ida e outros 600 de volta para veren o seu pai nun locutorio carcerario, através dun vidro. Se queren abrazalo será nunha sala de vis à vis cada tres meses!

Hai máis: varios deles foron castigados sen saír da cela por concederen unha entrevista. Non teñen acceso a Internet, e chamadas telefónicas limitadas. Hai cárceres preto dos seus domicilios, a que pediron ser transferidos sen conseguilo. A xustiza dispón doutras medidas para controlar e restrinxir movementos. Ningún tentou fuxir, acudiron polo seu propio pé ao xulgado. O xuíz usa como argumentos para mantelos en prisión motivos ideolóxicos: a súa falta de compromiso coa Constitución, que non renuncien ao independentismo.

Outro día se queren discutimos sobre o procés, o nacionalismo, a burguesía catalá ou Pujol, que son cousas das que algúns sempre queren falar cando lles preguntas polos encarcerados. Mesmo podemos discutir sen son presos políticos ou políticos presos. Outro día. Hoxe o que me preocupa, entristece, asusta e enfada é este asañamento, o castigo e humillación contra ese nove persoas encarceradas.

Sei que non son o único, é un sentir maioritario en Catalunya, non só entre o independentismo, sindicatos incluídos; e no exterior cada vez máis voces piden a súa liberación. Mais que pasa no resto de España? Ola? Hai alguén aí? Eco, ecoooo!

En verdade parécenos tan normal que estas nove persoas leven até seis meses no cárcere? Non nos envergoña que vexan os seus fillos nun locutorio ou unha sala de vis à vis? Non nos importa esta barbaridade, con independencia da posición política de cada un? Non nos conmove por motivos humanitarios? Non nos preocupa o dano á democracia, ou o pouco que axuda á convivencia e á propia unidade de España?

Non deberiamos converter en prioridade a súa posta en liberdade? Non deberiamos facer algo máis que chiar ou escribir artigos como este?

Isaac Rosa

Fonte: El Diario