Por Glenn Greenwald

Cada vez que é perpetrado un acto horríbel de violencia política considerado terrorismo, comeza de inmediato a busca para encontrar responsábeis a quen culpar, alén das persoas que realmente cometeron a acción violenta ou apoiaron o grupo que as levou a cabo. Vía de regra é só cuestión de horas antes de que o ataque sexa aproveitado para defender os propios pontos de vista políticos e sinalar os adversarios como responsábeis, cando non directamente cómplices, da violencia. Amiúde acompañando a busca dos viláns aparece unha lista de liberdades civis fundamentais que deben, dísenos, ser recortadas en nome de evitar outros actos de violencia similares no futuro.

Todo isto acontece case sempre moito antes de sabermos nada sobre o asasino, as súas verdadeiras fontes de inspiración, a súa saúde mental, ou as súas relacións. A medio do efecto de horror que tal violencia produce naturalmente, o alvo máis fácil para estas tácticas de culpábel-por-asociación son aquelas persoas que defenderon os dereitos legais do grupo de que o atacante individual forma parte e/ou aquelas que defenderon o seu dereito de expresar opinións en nome das cales o ataque foi levado a cabo.

Estas tácticas resultan moi familiares cando un Musulmán perpetra un acto de violencia nunha cidade occidental, dirixido a occidentais. Antes de sabermos nada sobre o atacante, alén da súa identidade relixiosa, a acción violenta é instantaneamente declarada terrorista. A seguir, as investigacións diríxense a encontrar alguén que poda ser considerado responsábel da violencia por ter “encoraxado” ou “posibilitado” o extremismo islámico, moitas veces por non ter feito máis que defender os dereitos legais do grupo acusado do ataque.

No topo da lista de culpábeis sempre encontramos unha ampla variedade de imáns que predican o Islam -mesmo aqueles que nunca na súa vida defenderon ningún tipo de violencia- así como activistas que defenden as persoas musulmás contra a intolerancia e a persecución. Mais ocupando tamén un lugar proeminente neste xogo de vilipendios están os grupos de xuristas, tales como o Consello de Relacións Americano-Islámicas (CAIR nas súas siglas en inglés) ou a Unión de Liberdades Civis Americanas (ACLU nas súas siglas en inglés), que defenden o dereito á liberdade de expresión e outras liberdades públicas dos musulmáns e o seu dereito a non seren perseguidos ou censurados. Recentemente, son consideradas cómplices mesmo aquelas plataformas mediáticas sociais que permiten os musulmáns expresarense libremente, sen censura do estado.

Ligar o CAIR aos ataques terroristas polo seu traballo en defensa das liberdades civis é un lugar común entre a dereita islamofóbica. A ACLU -que defendeu acusados de ser terroristas de Al Qaeda, tentou impedir que a administración Obama matase Anwar al-Aulaki sen o debido xulgamento, e opúxose á persecución de extremistas musulmáns en base ao dereito á liberdade de expresión- é constantemente vilipendiada pola dereita anti-musulmá por apoiar terroristas e defender as liberdades civis. E agora, por se ter negado a obedecer as ordes do goberno británico sobre as visitas que deberia censurar, cada vez que se produce un novo ataque, o goberno do Reino Unido acusa rotineiramente Facebook e outras redes sociais de “axudar e facer apoloxía” do Estado Islámico e Al Qaeda.

Que toda persoa que defenda os dereitos fundamentais dos terroristas ou lles proporcione unha plataforma é culpábel da violencia que cometan foi o tópico empregado polos neoconservadores e a cantilena da extrema dereita durante décadas. Un dos exemplos máis odiosos aconteceu en 2009 cando un grupo novo promovido por Bill Kristol e Lynne Cheney -autodenominado “Keep America Safe”- publicou anuncios en que se afirmaba implicitamente que os avogados do Departamento de Xustiza de Obama defensores de acusados de pertenza a Al Qaeda apoiaban a violencia jihadista contra os EUA.

Demonizar avogados e defensores das liberdades públicas presentándoos como “cómplices” nos actos abominábeis dos seus clientes é unha fraude coñecida de longa data que chega alén das fronteiras dos EUA. O avogado belga que representou un dos atacantes musulmáns de Paris, Sven Mary, afirma que “sofreu ataques físicos e verbais e que a súas fillas tiñan que ir con escolta policial á escola”.

Non é preciso dicir que ningunha destas organizacións ou avogados individuais aproba a violencia. Todos se opoñen vehementemente á ideoloxía e visión do mundo en nome dos cales esa violencia é exercida. No entanto, todos eles son responsabilizados por esa violencia e acusados de complicidade por defenderen o dereito á liberdade de expresión e outras liberdades públicas da xente que expresa opinións en nome das cales se cometen eses actos de violencia.

A mesma mentalidade deformadora -criminalización de avogados e avogadas que defenden as liberdades públicas polos actos dos seus clientes- foi exhibida onte na esteira do abominábel ataque cun vehículo en Charlottesville, Virginia, por un branco nacionalista contra un grupo de manifestantes anti-fascistas. No ataque matou unha muller, asistente xurídica de 32 anos, Heather Heyer, e feriu múltiplas persoas anti-racistas, moitas das cales eran membros de diferentes grupos, como Democratic Socialists of America e Industrial Workers of the World, agora castigados regularmente como “alt-left” (esquerda alternativa) como se tivesen algún parecido cos grupos da “alt-right” (dereita alternativa) contra os cales se manifestan valentemente.

O suposto atacante, James Alex Fields, Jr., de 20 anos, foi detido. Parece que fora fotografado participando antes do ataque na marcha de brancos nacionalistas. O xornal local de Ohio, informa que a nai de Fields declarou que “o fillo lle enviara unha mensaxe de texto na sexta feira en que lle dicía que deixara o gato no apartamento dela en Monclova Township para poder ir a unha manifestación da ‘Alt-right‘ en Virxínia”.

Algunhas das tentativas de facer recair a culpabilidade por esta violencia noutras persoas alén do perpetrador son razoábeis e racionais. En particular, podemos trazar unha conexíon informal lexítima entre a violencia e os dous anos de coqueteo de Donal Trump e moitos dos seus máis achegados conselleiros coa retórica e mesmo o activismo do nacionalismo branco, como por outra parte moitos dos propios supremacistas brancos recoñecen. Como defendin no pasado mes de agosto, parecía só cuestión de tempo que a visión do mundo de Trump inflamase accións violentas deste tipo:

“A retórica adoptada [por Trump] durante os pasados 18 meses é extraordinariamente inquietante, mesmo se perde, porque está encoraxando o nacionalismo extremista, o racismo e todo tipo de fanatismos. Dalles licenza para se manifestaren. Serve como forza galvanizadora de todos estes elementos perigosos, non só na cultura política americana, senón tambén na Europa e no resto do mundo através de grupos de dereita.”

Mais outras tentativas de culpabilizar non só carecen de base senón que resultan profundamente perniciosas por si mesmas, a imaxe no espello da fea campaña Kristol/Cheney contra os avogados do Departamento de Xustiza de Obana que defenderan o dereito dos membros de Al Qaeda a un xuízo xusto.

A pasada semana, a ACLU acendeu a controversia cando anunciou que defendía o dereito á liberdade de expresión do activista “alt-right” Milo Yiannopoulos despois de o responsábel de Transporte da Área Metropolitana de Washington lle ter denegado permiso para publicitar o seu libro no transporte público. No debate ficou oculto que outros grupos cuxos dereitos defendía a ACLU simultaneamente tamén foron censurados en base á mesma norma: Carefem, colectivo de axuda a mulleres (control da natalidade e abortos cirúrxicos); o grupo animalista PETA; e a propia ACLU.

Por representar Yiannopoulos, o grupo de defensa das liberdades civis foi acusado con dureza de defender e apoiar o fascismo. Mais a ACLU non “defendia Yiannopoulos” senón que se opuña á norma que permite a censura estatal de mensaxes políticas polémicas que o estado desexa suprimir: unha norma que é amiúde aplicada a grupos apoiados por moitas persoas que nesta ocasión atacaron a ACLU.

A mesma fórmula foi aplicada onte cando a xente soubo que a ACLU de Virgina intervira en favor dos manifestantes supremacistas brancos en Charlottesville despois de os funcionarios municipais tentaren prohibir o grupo reunirse na Parque da Emancipación (Emancipation Park) de onde a estatua de Robert E. Lee ia ser retirada (os funcionarios municipais tentaron desviar a manifestación para un lugar isolado a unha milla de distancia). Un membro da dirección da ACLU de Virginia, Waldo Jaquith, aguardou até a violencia estourar para anunciar en Twitter que se demitía en protesta pola defensa da ACLU dos manifestantes -como se non fose consciente cando accedeu á directiva que a ACLU defendera o dereito de liberdade de expresión dos neo-nazis e outros grupos supremacistas brancos (así como comunistas, musulmáns, manifestantes contra a guerra, e todo o espectro de minorias marxinalizadas e esquerdistas) durante décadas.

(Ironicamente, precisamente hai un mes, a ACLU foi alvo dunha campaña similar lanzada polo grupo dereitista anti-Islam e pro-Israel por defender a activista de Musulmás Americanas, Linda Sarsour; tal é a vida dun defensor con principios das liberdades públicas)

O defecto e perigos desta mentalidade contraria á liberdade de expresión son manifestos, mais contodo sempre vale a pena subliñalos, especialmente cando a violencia brutal provoca que a xente queira recortar as liberdades públicas para a frear. En resumo, pretender oporse ao fascismo permitindo o estado censurar opinións críticas é como pretender oporse aos abusos contra os dereitos humanos dando orde de torturar todas as persoas prisioneiras.

Un dos atributos definitorios do fascismo é a supresión forzosa de opinións (“Para o Ur-Fascismo, o desacordo é traizón”, escribiu Umberto Eco); lembremos que unha das primeiras propostas de Trump despois de gañar en 2016 as eleccións foi criminalizar a inxuria á bandeira. Non é posíbel loitar contra esa ideoloxía empregando e avogando por un dos seus trazos definitorios: a censura estatal baseada na ideoloxia.

Mesmo se esta posición pode estar moralmente xustificada, aquelas persoas que favorecen a supresión da liberdade de expresión, ou que se opoñen a que a ACLU defenda a universalidade dos dereitos de expresión, provocarán resultados que estarán exactamente no extremo oposto de aquilo que afirman querer. É unha estratexia radicalmente equivocada que acabará por as lesionar a elas e as súas ideas.

Vexamos un feito decisivo: a ACLU sempre defendeu, e ainda defende, o dereito á liberdade de expresión dos colectivos de esquerda máis marxinalizados, dos comunistas aos ateus, as persoas contrarias á guerra e pacifistas, e levou numerosas causas relacionadas coa liberdade de expresión apoiadas pola esquerda e abominadas pola dereita, incluindo a defensa dos dereitos de extremistas musulmáns e mesmo da ANMBLA.(1)

E o mesmo vale para calquera avogado ou avogada de dereitos civis coherente: defendemos os dereitos de aquelas persoas con ideas que odiamos para fortalecer a nosa defensa dos dereitos de aquelas que están máis marxinalizadas e son socialmente máis vulnerábeis.

A ACLU é basicamente unha organización de xuristas. Iso significa que defenden os dereitos da xente nos tribunais, sob os principios da lei. Unha das ferramentas que rexen os tribunais é o precedente: a aplicación de sentenzas anteriores a casos actuais. Se a ACLU permite ao estado suprimir o dereito á libre expresión dos nacionalistas brancos ou de grupos neo-nazis -recusando defender estes grupos cando o estado tenta censuralos ou permitindo que teñan unha representación legal inadecuada- entón a capacidade da ACLU para defender a liberdade de expresión de grupos e persoas que son do noso agrado verase severamente comprometida.

É fácil desdeñar este importante aspecto do debate cando unha persoa é americana branca ou americana non musulmá e exerce o dereito á liberdade de expresión sen correr o perigo de as súas opinións seren descritas como “apoio material ao terrorismo” ou ser criminalizada por outras vías. Mais cando unha persoa se preocupa polos ataques a radicais de esquerda, musulmáns, ou outros grupos marxinalizados, e trata de defender eses dereitos nos tribunais, é natural que esa persoa se sinta xenuinamente preocupada se vé consolidárense precedentes en sentenzas anti-liberdade de expresión que poden chegar a ser utilizados na súa contra cando chegue o momento de defender a liberdade de expresión. A ACLU non defende grupos supremacistas brancos senón un principio -un que debe defender se quere ter éxito cando defenda o dereito á liberdade de expresión da xente que apoiamos.

Alén diso, a contradición que aniña na defensa deste discurso anti-liberdade de expresión é óbia. Para moitas das persoas que atacan a ACLU agora, é un elemento básico da súa forma de ver o mundo que os EUA son un país racista e fascista e que os que controlan o goberno son persoas autoritarias de extrema dereita. Unha opinión a que non falta base.

Por qué, entón, as persoas que pensan así queren ao mesmo tempo delegar nas mesmas autoridades que apoian o fascismo os poderes para censurar e ilegalizar ideas que non aproban? Por qué pensan que a Lista de Ideas Prohibidas será fechada despois de incluir as ideas que odiamos e deixará fora as ideas que apoiamos? Moitos dos níveis do poder estatal están agora controlados polo Partido Republicano, e moitos demócratas defenden tamén a criminalización das ideas de esquerda. Por qué confiar que eses funcionarios suprimirán a liberdade de expresión da maneira que nos pareza xusta e nobre, e non opresiva?

Como escribin na extensa defensa da liberdade de expresión que publiquei no The Guardian en 2013, esta desbordante inxenuidade é o que sempre me fixo sentir máis confundido na actitude da esquerda contra a liberdade de expresión como dereito universal: esta crenza de que as autoridades estatais van exercer o poder de censura magnánima e responsabelmente: “En calquera momento, calquera discurso que mine a autoridade estatal pode ser considerado -nese caso lexitimamente- como un discurso de odio e até orientado a incitar á violencia”.

Este é o alicerce dos ataques á ACLU: “Ben, perfecto, estou a favor do dereito á liberdade de expresión, mesmo de Milo e os nazis, mais por qué non utilizan os seus recursos para defender a liberdade de expresión da xente boa e non a dos brancos supremacistas? Ninguén os obriga a defender eses casos. Tal como o expresou un artigo de Vox no debate sobre a ACLU: “Algunhas persoas cuestionan o feito de que a organización use os seus recursos para defender grupos de xente horrenda. Unha cousa é apoiar o dereito universal á liberdade de expresión e outra gastar tempo e diñeiro defendendo neo-nazis”. Este é un dos argumentos esgrimidos polo avogado da ACLU Chase Strangio para criticar a decisión do grupo de defender Yiannopoulous.

Curiosamente, este foi tamén o argumento dos activistas neo-con para atacaren os avogados do Departamento de Xustiza de Obana por defenderen membros de Al Qaeda: “Si, perfecto, todas as persoas teñen dereito á defensa, mais por qué escollen estes avogados representar Al Qaeda? Como precisou Andrew McCarthy da National Review nun ataque a estes avogados: “A cuestión principal na controversia sobre os avogados do Departamento de Xustiza que representaron terroristas inimigos detidos na Baía de Guantánamo é esta: “Fixérono voluntariamente”.

Deixan de lado o feito de a ACLU ter gastado vastos recursos en defender os dereitos dos inmigrantes, das minorías contra os abusos policiais e o sistema xudicial racista, e dos musulmáns. Alén diso, a razón pola que é vital gastar recursos en defender o dereito á liberdade de expresión de xente horríbel, mesmo de nacionalistas brancos, está en que é aí onde se libra, sempre e por definición, a batalla pola liberdade de expresión.

Son sempre aquelas persoas cuxas ideas son considerada máis odiosas polo maioría as que se converten no primeiro obxectivo da censura; é raro que o estado tente censurar ideas que mantén a maioría. Se permitimos que prosperen as primeiras medidas de censura porque detestamos as persoas afectadas, perdemos a capacidade de defender os dereitos de aquelas que nos son gratas porque o principio de censura foi santificado. Eis porque a ACLU, por exemplo, defendeu o dereito á liberdade de expresión do noxento Fred Phelps2, e un dos principais avogados LGBT xustificou esa decisión así:

“Fixemolo porque cremos no principio, e porque somos conscientes de que o dia que se recortan os dereitos de unha persoa, todas as demais estamos en risco… A liberdade de expresión non pertence só a aquelas persoas coas que estamos dacordo, e a Primeira Emenda non protexe unicamente o discurso agradábel e inofensivo. De feito, é precisamente nos casos difíceis cando o noso compromiso coa Primeiera Emenda é posto realmente a proba e resulta máis importante”.

Como dixo un xuiz federal, tolerar o discurso do odio é “a mellor protección que temos contra calquera réxime de tipo nazi neste país”.

Alén diso, finalmente, está o argumento sobre a eficacia. Como pode algúen crer que o neo-nazismo ou a supremacía branca desapareceria nos EUA, ou mesmo se debilitaría, se fosen suprimidos á forza polo estado? En absoluto é evidente que non fose acontecer precisamente o contrario: que a os convertermos en mártires da liberdade de expresión, non fagamos máis que reforzalos e estreitar os lazos de solidariedade entre eles.

Literalmente, nada axudou máisYiannapoulos a converterse nunha figura de culto nacional que os ben intencionados (mais errados) esforzos por negarlle unha plataforma. Ningunha estratexia podería ter sido mellor deseñada para axudar a súa causa que converter un grupo diminuto e marxinal de nazis declarados nunha especie de símbolo da defensa da liberdade de expresión.

É obrigado loitar contra o neo-nazismo e a supremacía branca alí onde apareceren. A táctica menos efectiva é tentar dar poder ao estado para suprimir a expresión das súas ideas. Neste caso, o tiro sairá necesariamente pola culatra en todos os sentidos: reforzando o movemento e garantindo que aquelas persoas que defenden a censura estatal hoxe sexan a diana indefensa mañá. E ainda hai máis, o impulso de reaxir aos ataques terroristas pedindo o recorte de liberdades fundamentais é sempre irracional, perigoso, autodestrutivo, por moi tentador que poda ser o impulso.

Esclarecemento do autor: Modificamos lixeiramente unha oración para deixar claro que foi a defensa do dereito á liberdade de expresión dos extremistas musulmáns e a NAMBLA o que encontrou apoio na esquerda -nom que eses dous grupos formasen parte da esquerda.

 

_______________________________

  1. North American Man/Boy Love Association (traduzível como Associação Norte-Americana do Amor entre Homens e Garotos, NAMBLA) é uma organização estadunidense, fundada em Boston em 1978. A ONG faz parte do contexto do ativismo pedófilo, defendendo a aceitação social da pedofilia e a eliminação ou reforma das leis sobre idade de consentimento.[carece de fontes] A NAMBLA defende as ideias de que crianças podem manter relações sexuais com adultos e de que não há prejuízos para essas crianças se as relações sexuais são consentidas.[carece de fontes]  A princípio ganhou o apoio de associações gays de esquerda bem como de alguns libertários, mas a crescente hostilidade política para os homossexuais, relacionados com a exploração sexual de menores, fez aparecer NAMBLA como um obstáculo para o movimento gay e pouco a pouco foi perdendo a aceitação da maior parte dos seus líderes.[1] NAMBLA é a organização mais importante e longeva do movimento pedófilo. Pertenceu à Associação Internacional de Gays e Lésbicas (ILGA) de 1984 até 1994, quando foi expulsa. A NAMBLA acusa a ILGA de tê-la expulsado com o objetivo de conseguir um status consultivo como ONG na Organização das Nações Unidas.[carece de fontes]. Atualmente a NAMBLA está reduzida a um pequeno grupo de membros fracamente associados.[2][3][4] (n.d.t.)

2.  Líder da Igrexa Bautista de Westboro, un grupo relixioso con sede na casa de Fred en Topeka. Opera independentemente de calquera otra Igrexbautista ou organización relixiosa. Phelps foi coñecido pola súa homofobia e por predicar que Deus odia os homosexuais e que os castigará, o mesmo que a todas as persoas que non se mostren suficientemente en contra deles (aos que dentro da súa igrexa chama despectivamente “fag enabler”, quer dicir, “consentidor de maricas“).

 

Artigo publicado o 13/08/2017 en The Intercept. Tradución EsCULcA.