O feito de haber decenas de nenos e nenas obrigados a percorrer centos de quilómetros para poderen visitar o pai e/ou a nai  presos en cárceres españois e franceses non é un fenómeno novo. Con todo, esta problemática case non saiu á luz até agora. Por que razón?

Enara Izagirre: Non sei. Quizais porque temiamos estigmatizalos ou que fose percebido como se os utilizabamos.

Iñaki Barrutia Arregi: Ben, en situacións complicadas e dramáticas como é o caso, a tendencia é normalizar e protexer o menor. No caso das nais (que son maioría) a necesidade de normalizar lévaas á negación porque conectan co sentimento de culpa que habitualmente asoma nos pais e nais logo que os nosos fillos e fillas teñen dificultades. Creo que o acontecido hai agora un ano a Izar foi un pouco o detonante que fixo reparar á comunidade nestas vítimas silenciadas e axudou a emerxir a situación que tantas nenas e nenos viviron e continúan a vivir.

V. realizou recentemente un estudo sobre esta temática. Como procedeu?

I.B.A.: En primeiro lugar reunímonos con tres grupos diferentes: dous de pais e nais de crianzas entre 0-11 anos e de rapaces e raparigas de 12-18 anos e un terceiro de xovens. Das vivencias recollidas, elaboramos un cuestionario e da análise das respostas extraemos que tipo de sintomatoloxía presentan, que elementos comúns teñen, cales son máis específicos? A conclusión máis relevante é clara: foilles arrebatada unha parte da súa infancia debido ás enormes distancias que teñen que percorrer para ver o pai ou a nai. Tiveron que optar por unha visita de hora e media ou abandonar as actividades propias de calquera neno nun fin de semana (xogos, celebracións, festas…).

A sintomatoloxía máis frecuente no que respecta á semana da viaxe é a ansiedade. Uns días antes da visita aparecen síntomas como inquietude, trastornos do sono, humor instábel. Despois, durante a viaxe a tensión. As crianzas absorben a tensión das persoas adultas, a tensión de como estará a estrada, a inseguranza. E, evidentemente, a volta, o ter que separarte desa persoa querida e o cansazo xeneralizado tanto físico como psicológico. Necesitan un tempo para voltar á normalidade.

O peso da educación e da crianza destas nenas e nenos recae principalmente nas nais. Na práctica o 88% son familias monoparentais de nais. Como leva iso?

E.I: No noso caso temos unha especie de vacuo legal. A nosa situación non está recoñecida. Á hora de pedir axudas sociais ou solicitar unha vivenda en Etxebide, por exemplo, cóntannos como parella con fillos e non como unha unidade familiar cun só pai ou nai. Non teñen en conta que o pai dos teus fillos non está. En realidade, é unha situación peor que a dunha familia monoparental sempre que, ademais do peso da crianza e educación dos fillos, tamén tes que atender ás necesidades da persoa presa e facerche cargo dos gastos das viaxes. Nese sentido, vivimos unha situación bastante desamparada. Menos mal que temos moito apoio da familia e da contorna.

No caso das crianzas que están no cárcere, un dos momentos máis difíceis é o da separación da nai cando fan 3 anos.

I.B.A: Sen dúbida. E é un momento que hai que preparar moi ben porque é case sempre traumático tanto para a nai como para a filla/oa. No cárcere loxicamente desenvólvese un vínculo de apego moi potente, non só porque está en exclusiva coa nai, senón porque a necesidade de afecto de ambos compleméntase sobre todo nun contexto moi hostil e nada facilitador de manifestacións de afecto. Por tanto, a exclusividade afectiva de nai e fillo retroalimenta e intensifica ese vínculo de afecto, chegando á hiperfusión. Por iso, é moi importante antecipar e traballar con tempo unha figura de apego alternativa e elixir a persoa adecuada (amama, aita, izeba?) mantendo o lazo afectivo con elementos transicionais, obxectos cheos de contido simbólico desa relación fusional. Unha casa, un trapo de cociña, un boneco de trapo, un coxín…

E.I: Ademais, cando as crianzas son pequenas (as miñas teñen 2 e 7 anos) normalmente adoitamos limitar as visitas ás de vis-à-vis familiar porque é moi frustrante para elas ver a nai ou o pai desde un locutorio e non poder tocala ou abrazalo.

Como é o trato dos funcionarios cara a eles cando van de visita?

E.I: O cárcere é un universo hostil tamén para as crianzas. Os funcionarios non andan con consideracións con elas, non as ven do prisma de seren crianzas. Costuman tocarme situacións de revistas corporais, mesmo de facernos tirar o cueiro. Valos “educando” para que non cren situacións de tensión e a verdade é que se adaptan.

E a pesar de todo, no pouco tempo que están co pai ou a nai, establécese un vínculo moi especial.

E.I: É certo. Eu alucino cos meus fillos. Non se se é maxia ou que… Talvez é o que lles transmitimos tanto o pai como eu e eles perciben ese sentimento.

Como se responde ás crianzass cando comezan a preguntar a razón pola que o aita ou a ama están no cárcere ou cando volverán a casa?

I.B.A: É complicado porque esixen respostas absolutas a cousas moi concretas e as respostas costuman ser relativas. O contexto leva á polarización bo-malo. Non hai elementos de matiz. O que observei nos cuestionarios é que as nais utilizan moita creatividade e imaxinación para conseguir ultrapasar binomios como cárcere-malfeitor ou terrorista-heroe. O fundamental é o vínculo que van establecendo e iso desfai calquera categorización maniquea.

E cando se dan conta de que eles mesmos son castigados coa dispersión?

E.I: Cando toman conciencia de que hai cárceres máis próximos, o sentimento de rabia de ter que facer tantos quilómetros convértese en indignación e ira por ese castigo engadido.

Tamén adoita haber épocas en que non queren ir ás visitas?

I.B.A: Ocorre principalmente na adolescencia. É importante actuar con flexibilidade e sobre todo de forma cohesionada entre a persoa presa e quen está no exterior. É máis eficaz estimular o desexo que forzalo. Se a persoa presa ten unha comunicación eficaz e afectiva co fillo ou a filla iso facilita moito ese transo porque a adolescencia é o que é e hai que aceptalo e entendelo desa perspectiva.

E.I: Eu non me vexo obrigando os meus fillos a ir ver o pai e el tampouco. Creo que a respecto doutras xeracións si houbo unha mudanza cultural nisto porque antes se priorizaba o preso e o desexo do adolescente ficaba en segundo plano.

Como se leva socialmente, na escola ou na rúa, ser filla ou fillo de preso/a?

E.I: No meu caso sintome afortunada porque teño unha contorna que nos arroupa moito mais non todas teñen a mesma sorte. O cárcere é tabú na sociedade, tamén no ámbito do ensino. Moitas veces os profesores dinnos que non saben como tratar o tema. Para iso estamos a elaborar unha unidade didáctica específica da perspectiva da diversidade das realidades familiares que conviven na ikastola para poderen traballar e visualizalo nas aulas. Queremos fomentar a empatía do profesorado, para que por exemplo teñan en conta o estado emocional do alumno despois dunha visita ou para que se poidan tomar decisións como o de non pór exames os luns.

Con todos os problemas e obstáculos que leva ser pais e nais nestas circunstancias, non será fácil tomar a decisión de selo. Hai quen non o entende?

E.I: Ben, entendo que non o entendan. Mais no universo do cárcere hai que elixir entre vivir ou morrer. Apostamos polo primeiro. É verdade que son decisións moi difíceis mais tamén moi meditadas.

Téndese a pensar que nesa relación pai-nai/fillo-filla todo é bastante duro, triste. Mais tamén haberá momentos bos?

E.I: Moitos. Diría que a maioría. Agora estamos a pór o foco nas dificultades mais son crianzas que están rodeadas de moito agarimo e moi arroupados. Creo que con todo, son crianzas felices. Iso si, non merecen ter que vivir con esta carga engadida pola política penal de excepción.

Se houbese unha mudanza na política penal a súa situación non sería tan dura?

E.I: Evidentemente. Se se deixase de aplicar a dispersión, por exemplo, as nais que actualmente están no cárcere coas súas crianzas (hai dúas en Picassent e outra que vai ser nai en pouco tempo), poderían estar en Zaballa. É máis; se se aplicase a lexislación ordinaria, tanto elas como o 94% de pais e nais presos poderían acceder á liberdade condicional ou a mudanzas de graos, o que lles permitiría estar cos seus fillos. E se se priorizasen os dereitos das crianzas como propugnan todos os textos e convenios internacionais, todos eles deberían estar cos seus fillos e fillas, en casa. Isto é o que imos voltar reclamar, entre outras cousas, o día 13 en Bilbo porque é posibel e porque os necesitan agora e non dentro de 20 ou 30 anos.

Estes rapaces e raparigas, alén dos libros, debuxos ou cartas, levan moitas máis cousas na mochila. No seu estudo, destaca a súa capacidade de resiliencia?

I.B.A: Levan, si. Tiveron un segmento importante da poboación e a familia extensa que as axudou a entender o sufrimento continuado, o que lles permitiu integrar o sufrimento de forma adaptativa na súa vida. Co cal, desenvolveron unha maior capacidade de resiliencia, isto é, unha maior capacidade de enfrontar con éxito futuras crises persoais. Fíxoas, probabelmente, máis fortes emocionalmente. O cal non quita para que a política penal arbitraria baseada na vinganza e na crueldade que se impuxo aos presos políticos vascos transcende a persoa que está presa e afecta a familia e, máis en particular, a parte máis vulnerabel que son os fillos/as. En moitos casos isto silenciouse ou eles mesmos silenciaron o sufrimento por non agravaren máis a xa dura situación mais elas tamén padeceron e están a padecer as consecuencias inxustamente.

Fonte: Naiz