Insultar o rei Guillerme Alexandre pode supoñer até cinco anos de cárcere en Holanda. Iso é o que estipulan as leis, polo menos até o de agora pois esta mesma semana –de non se produciren novidades- o Parlamento holandés debaterá a posibilidade de eliminar os crimes de inxurias á coroa do Código penal. A reforma, conta Ara, pretende que insultar o rei deixe de ser un delito en Holanda se ben seguirá protexendo o monarca contra os “discursos de odio”.

 

A proposta púxoa sobre a mesa a formación liberal Demócratas 66 e a mesma xera debate na sociedade holandesa e no propio goberno neerlandés, do que D66 fai parte. Na oposición (laboristas, socialistas e verdes) están a favor da reforma. No executivo, apoiado por catro partidos, hai división. A principal desas forzas, VVD, que ten 33 escanos, mantense dubitativo. D66 está a favor e CDA e CU, en contra.

Holanda, canda España e Dinamarca, destaca Ara, é un dos poucos países de Europa que aínda conserva leis que ‘protexen’ o rei da opinión ou insulto dos cidadáns. A última vez que se aplicou a norma foi en 2016 e condenouse a un home de 44 anos a 30 días de cárcere por “insultar intencionadamente” o monarca holandés en Facebook. A reforma tamén aboliría a lei que prohibe insultar o xefe de estado dun país amigo.