A Comisión 1ª (Administración Xeral, Xustiza e Interior) do Parlamento Galego aprobou por unanimidade no pasado día 8 de xuño unha proposición non lei contra o masacre perpetrado por Israel na Palestina. A proposta, defendida por Montse Prado (BNG) foi aprobada por unanimidade despois de seren introducidas diferentes enmendas.

No texto aprobado, a Comisión Primeira “rexeita a decisión de Estados Unidos de recoñeceren Xerusalén como capital de Israel ao tempo que tamén demanda unha rectificación por parte dos USA neste recoñecemento de capitalidade”. A Comisión tamén acorda “instar ao Goberno galego a dirixirse ao Estado español para que proceda a ter unha actuación contundente nas institucións internacionais nas que está presente, nomeadamente na Unión Europea e na ONU” e “esixir o cumprimento dos acordos internacionais a das resolucións da Nacións Unidas para rematar coa actual situación garantindo o exercicio do dereito de autodeterminación do pobo palestino”.

 

Palestina

 

A deputada Montse Prado (BNG) impulsora desta iniciativa fixo unha crúa descrición da situación que vive o pobo palestino “acosado polo estado sionista de Israel” a base de asentamentos ilegais, expulsións e asasinatos da poboación, “por iso pedimos apoio para unha poboación que está sendo masacrada e exterminada nun campo de concentración a ceo aberto,  todo retransmitido polos medios de comunicación, e por iso pedimos que o parlamento galego manifeste o seu apoio ao pobo palestino”, argumentou.

Dentro desta continuada e sistemática persecución da poboación palestina por parte de Israel, Prado citou como último exemplo as vítimas dos asasinatos de Israel durante a chamada Marcha do Retorno que desde o pasado 30 de marzo en que resultaron mortas máis de cen persoas (moitas delas de crianzas) e feridas millares (moitas con amputación de membros). A marcha pretendía mandar unha mensaxe ao mundo de que non renunciarán ao dereito de retorno ao seu territorio.

Proposta

Acordo