Emilio Cao (O Carballiño, 1997) foi detido o 22 de maio de 2014 durante a concentración en Madrid das Marchas da Dignidade. Ese día, millares de persoas chegadas de distintos puntos do Estado ateigaron as rúas madrilenas coreando lemas como “pan, traballo e teito”. Cao, que non foi o único apresado ese día, enfróntase agora a unha petición do ministerio público de cinco anos e oito meses de cárcere e unha multa de 6.000 euros.

 

Emilio Cao

 

Fiscalía pide para este mozo 5 anos de cadea e unha multa de 6.000 euros por se ver envolvido en incidentes durante as Marchas da Dignidade de 2014. Emilio Cao pide que non se personalice o seu caso e afirma que a vaga represiva afecta centos de persoas: sindicalistas, rapeiros, independentistas…

“Hai centos coma min: xente que por facer música está sentada nun xulgado, outras que por conflitos sindicais pídenlles penas de prisión ou multas astronómicas… Por non falar da brutal persecución que está a haber en Cataluña”

Aínda que xa pasaron catro anos daquilo, Emilio recorda como a carga policial comezou nun momento en que a manifestación aínda estaba autorizada, “mesmo antes de acabaren de falar os ponentes”, explica. “Foi baixando Génova cara á praza de Colón, onde estaba o escenario das Marchas. Alí estaba un cordón policial, cando xa non había motivación para comezar a cargar e menos da forma en que o fixeron. A xente estaba escoitando falar Diego Cañamero e non había indicios de revolta nin disputas nin nada polo estilo. Nada que xustificase a atitude da policía”, destaca.

O auto inicial emitido pola policía pedía para Emilio Cao unha pena de seis meses de cadea sen multa, mais agora a Fiscalía reclama para el cinco anos e oito meses de cárcere, cunha multa de 6.000 euros. “Acúsanme de atentado á autoridade, desordes públicas e resistencia. Acúsanme, entre outras cousas, de facer dano nunha perna a unha policía durante a detención. Un disparate”, conta Emilio.

Cao non foi a única persoa detida durante a manifestación do 22 de maio. Até 24 foron as mobilizadas apresadas, entre elas tres galegas. “Sei que houbo xente que foi absolvida, outros están enfrontándose a penas e tamén os hai que aínda non foron xulgados. Hai unha rapaza de Zaragoza acusada do mesmo que eu, mais absolvérona por falta de probas”.

“Incertidume total”

Emilio asegura estar nunha situación de “incertidume total” fronte ó xuízo. “Tal e como está a cousa co tema catalán e co dos rapeiros [a Audiencia Nacional condenaba hai apenas dous meses doce rapeiros do colectivo La Insurgencia a dous anos e un día de cadea, acusados por un delito de enaltecemento do terrorismo], non son tempos para a esperanza”, sinala.

Para el, o máis importante é que o seu caso non se personalice. “Hai centos coma min: xente que por facer música está sentada nun xulgado, outras que por conflitos sindicais pídenlles penas de prisión ou multas astronómicas… Por non falar da brutal persecución que está a haber en Catalunya”, denuncia Cao.

Fonte: Sermos Galiza