Con motivo dunha comparecencia do ex-xuíz Baltasar Garzón nunha comisión do Parlament de Catalunya, o grupo da CUP quixo aproveitar a ocasión para lle facer chegar o documentario intitulado Operación Garzón, a sentenza do Tribunal Internacional os Dereitos Humanos que condenaba o Reino de España por non investigar as torturas e as declaracións que varias das persoas procesadas fixeron ante el explicando as torturas a que foran sometidas.

 

Estes últimos documentos son especialmente relevantes porque foron asinados por Garzón, instrutor do caso, e polos procesados. No programa “Salvados” do día 16 de novembro de 2012 dedicado a el, Garzón dixo: “Das persoas que compareceron ante min, nin unha soa, nin unha soa, denunciou torturas”. Mentía, pois, o ex-xuíz naquela ocasión.

A deputada da CUP Gabriela Serra entregoulle o material e lembroulle as razóns de fondo. O señor Garzón respondeulle que el non puidera facer nada máis do que fixera, e mesmo chegou dicir que foi grazas á súa actuación xudicial que máis tarde se gañou o caso a Estrasburgo.

Depoimento das persoas torturadas na Operación Garzón de 1992 en Catalunya contra grupos independentistas

Varios procesados, xunto coas deputadas Gabriela Serra e Mireia Aboia, esperamos que terminase a comparecencia de Garzón para falar con el. Falamos non máis de dez minutos, sen a presenza de xornalistas, condición posta polo mesmo ex-xuíz. Preguntámoslle se lembraba o caso e díxonos que si, mais que non era xusto que se pedisen responsabilidades unicamente a el para que o dependía dun xulgado ordinario, que el non puido facer nada máis do que fixo. Considera que o feito de ter recolleito, nas declaracións, os relatos das torturas foi suficiente, e insistiu en que non puidera facer máis. Engadiu que moitos colegas seus non facían nin iso.

Garzón recoñeceu de maneira explícita que, durante aqueles anos, as torturas que se cometían non eran nunca investigadas. Pedímoslle se podiamos explicar na prensa iso que acababa de dicir: o recoñecemento explícito de que podía haber torturas e que non se investigaban. Na súa resposta, deu entender que podiamos facelo, aínda que puxo en dúbida o papel dos xornalistas.

Preguntamoslle por que, cando chegaba unha persoa cun estado fisicamente deplorábel e con lesións visibeis, el non sospeitaba, non vía que había algo que non era normal. A pregunta ficou sen resposta. Garzón defendeu que os detidos eran visitados por médicos forenses, mais non dixo nada cando lle lembramos que aqueles médicos non facían ningún tipo de exploración médica. Lembrámoslle o nome do médico forense e que era coñecida polo CPT (Comité para a Prevención da Tortura) por outras denuncias de torturas.

Díxonos que os responsabeis directos de que non se investigasen as torturas foran o xuíz de sala número 22 de Madrid e a fiscalía, que non emprenderon ningún tipo de investigación. Garzón insistiu en que a sentenza de Estrasburgo condenaba o Reino de España por non investigar e que el fixo o que tiña que facer e que non podía facer máis nada. En ningún momento, non vimos arrepentimento nin vontade de pedir perdón por ser corresponsábel da situación, como maxistrado que dirixiu a operación xudicial. Como moito, recoñeceu que se podía ter “enganado” nalgunha cousa, mais a seguir repetiu a cantilena de que non puidera facer máis nada. Como cando lle dixemos que tería podido parar a instrución ante as sucesivas denuncias durante as nosas declaracións.

Pola nosa banda, por falta de tempo, ficou no tinteiro preguntarlle polas razóns de mentir no programa de Jordi Évole, cando dixo que ningún de nós denunciara torturas ante el.

Ramon López, Eduard Pomar, Pep Musté, Vicente Conca e Ramon Piquei