Durante meses, moitas persoas creron que esta conta era a oficial da Garda Civil e así o denunciaron na conta oficial do corpo. Alguns axentes, individualmente, esclarecían a situación, mais defendían o chamado “Foro” reclamando a liberdade de expresión que alí se exercía. Pola maneira en que falaban, intuíase a intención de querer dar a entender que por detrás da conta “non oficial” había axentes da “Benemérita”.

 

Durante meses, a Garda Civil recibiu diversos avisos en público e en privado sobre a conta e a resposta foi o silencio. Ningunha explicación, ningún esclarecemento, ningunha desautorización, ningunha desvinculación públia desta conta que tan mala imaxe pública lle daba. Mais é que o corpo tamén coñeceu a existencia da conta através de denuncias presentadas contra ela, como a que unha avogada presentou nun xulgado de instrución. Fíxoo despois dun chío no pasado 30 de xaneiro e en relación á entrada pola forza de manifestantes no recinto do Parque da Ciutadella reclamando a investidura de Carles Puigdemont. O chio do “Foro” denunciado dicía: “Lo ocurrido hoy en la Ciutadella evidencia que junto a los Mossos o en ausencia de estos, deberían estar la Policía Nacional y la Guardia Civil para contener a esa turba de hijos de puta. No tienen otro calificativo”.

Sábado pasado as cousas mudaron. Twitter suspendeulles a conta. Un dos últimos chíos, que se tornou viral, foi este:

 

 

Fica claro, portanto, cal é o efecto da greve e a manifestación da pasada quinta-feira. O que non conseguiran denuncias xudiciais, conseguiuno este suposto gracexo sen graza. E iso talvez quer dicir que, como mínimo nesta cuestión, acabou a vista grosa e o deixar facer.

Agora veremos que pasa coa conta. Se volta ou non. No pasado outubro xa lla fecharan, mais apenas durante unhas horas. Abriron outra que na tarde do domingo continuaba aberta, mais inactiva, e que usaran a primeira vez que lles clausuraron a conta “oficial”.

 

Unha conta desde a cal rechiaban mensaxes de VOX:

 

E unha conta desde a cal eran insultados todos os membros dun partido político legal con representación no Parlamento e en diversos concellos.

 

A cuestión é que se unha persoa usuaria normal, como un servidor ou vós, sabe que existe esta conta de reserva, twitter tamén o sabe. E a conta oficial da Garda Civil ainda máis. Daquela, por qué continúa aberta se está claramente relacionada coa outra?

E, finalmente,  a grande pregunta: Por qué a Garda Civil tolerou este “Foro” parafascista que tanto mal facía á súa imaxe entre a cidadanía normal e que tanto pracer daba á xente de VOX? Eu non son ninguén para dar leccións, mais se alguén abrise unha conta que dixese “Foro lu Forn” e desde ela se dedicase a dicir barbaridades como as deste “Foro”, xa vos digo que faría o posíbel para que non durase nin 24 horas. E eu non teño nin os medios, nin a forza, nin a capacidade, nin o poder da Garda Civil.