Os axentes levaron a cabo varias redadas na sede e os domicilios dos membros da organización Zwiebelfreunde, que xestionou durante anos doazóns de toda Europa para impulsar iniciativas como Tor. A escusa da Policía é rocambolesca: alega supostas ameazas contra Alternativa para Alemaña nun blogue cunha dirección de contacto de Riseup, un servizo de correo cifrado apoiado por Zwiebelfreunde.

 

 

O pasado 20 de xuño a Policía alemá levou a cabo varias operacións contra Zwiebelfreunde, organización que ofrece apoio legal e financeiro a iniciativas que favorecen o anonimato dixital. Segundo comunicaron os propios activistas esta semana, os axentes rexistraron a súa sede na cidade de Dresden e os domicilios dos membros da súa xunta directiva, incautando numeroso material informático e documentación. Entre a información retida pola Policía están os datos persoais e bancarios de millares de activistas e mecenas de toda Europa que apoiaron proxectos que impulsa a organización.

Zwiebelfreunde é desde hai anos uno dos nodos centrais onde efectuar doazóns para proxectos que aseguran a privacidade dixital. Torsevers, que proporciona servidores para asegurar o funcionamento de Tor, un navegador de correo que blinda o anonimato de quen o usa; Tails, unha distribución de Linux deseñada para asegurar a privacidade; ou Riseup, que ofrece correo electrónico seguro que permite o cifrado das mensaxes; están entre elas.

É precisamente a súa relación con este último servizo o que provocou a acción policial. O motivo dos rexistros é a investigación dunha suposta incitación á violencia contra os asistentes a un acto do partido xenófobo Alternativa para Alemaña, vertidas nun blogue de extrema esquerda. A información de contacto dese blogue limitábase a unha dirección de correo de Riseup e unha clave para enviar comunicacións encriptadas.

A conexión de Zwiebelfreunde con Riseup derivou nas batidas policiais. ” A policía alemá estaba interesada en encontrar os autores do blogue, mais non considerou apropiado solicitar información ou perseguir o fornecedor de correo electrónico que usa o blogue, riseup.net, senón que o fixo contra a entidade alemá Zwiebelfreunde“, explican os activistas.

“Se algunha vez doache a Torservers, Tails ou Riseup através dunha transacción bancaria europea, é moi probábel que os teus datos estean agora en mans da Policía alemá. (Número de conta ÍAN, nome do titular da conta, cantidade e data)”, lamentan. No entanto, aseguran que a infraestrutura que sosteñen en Torservers, Riseup, as cryptoparties ou as chaves de cifrado dos diferentes servizos non se viron afectadas.

Varias organizacións hacktivistas e pola privacidade das comunicacións denunciaron a extralimitación da Policía contra Zwiebelfreunde (que en alemán significa “amigos da cebola”, en alusión ao método de anonimato por capas que emprega Tor). Algunhas sospeitan que “os motivos reais” dos rexistros “son a intimidación e a recompilación ilegal de información dos activistas”. A directora de ciberseguridade da Electronic Frontier Foundation, organización de referencia na defensa dos dereitos dixitais, cualificou os feitos de “terribeis”.

Por ofrecer apoio, tamén inspeccionada Chaos Computer Club

No entanto, as accións da Policía non acabaron en Zwiebelfreunde. Chaos Computer Club, outra das asociacións hactivistas máis importantes de Europa, ofreceu apoio á primeira inmediatamente, o que lle valeu outra revista dun dos seus hacklabs. Alí, os axentes irromperon e incautaron material sen orde xudicial, confundindo ademais a información escrita nunha lousa con instrucións para fabricar bombas, o que derivou na detención de tres persoas ( sempre segundo o comunicado de Chaos Computer Club).

Non é a primeira vez que a Policía considera un elemento sospeitoso ou un agravante a utilización de ferramentas de cifrado e privacidade das comunicacións. No Reino de España, o uso de Riseup polos “anarquistas veganos” detidos en 2015 acusados de terrorismo provocou que o xuíz Gómez Bermúdez (Audiencia Nacional) os mantivese en prisión preventiva por, entre outros motivos, usar ” correos electrónicos con extremas medidas de seguranza”. O xuízo contra eles comezou no pasado mes de xuño.

Fonte: El Diario