Antes de seren despexados na pasada semana, centos de mozos esperaban neste porto do oeste do país para tratar de meterse nalgún dos camións que parten en ferris con destino a Italia. Moitos deles malvivían nunha das fábricas abandonadas fronte ao porto no seu intento de saír do país e continuar a súa rota por Europa

“Só quero iniciar de novo a miña vida, por que teño que facelo desta maneira?”, di un mozo que fuxiu da violencia en Afganistán

 

Un grupo de migrantes trata de saltar la valla del puerto de Patras, Grecia.                  Mozos à espera de poderen saltar o valado en Patras –  ALMUDENA SÁNCHEZ-REY LÓPEZ

 

Desde primeira hora, mais sobretodo despois do mediodía, centenares de mozos apiñábanse ante as grades do valo do porto de Patras, no oeste da Grecia. Observaban a chegada dos camións, o lugar en que está a Policía e a seguranza do porto, saltaban e comezaban a correr para non seren interceptados e tratar de colocarse nos baixos ou no interior dos camións.

Sempre os acompañaba unha pequena garrafa de auga, encostada ás costas cunha corda para non a perderen durante os saltos. Non se afastaban nin un instante dela, porque en calquera momento podía presentarse a opción de saltar o valo e introducirse nun dos camións. Caso o conseguiren, esa garrafa sería o único que os acompañaría durante toda a viaxe, que ás veces pode durar até 72 horas. Descoñecen a que cidade italiana chegarán.

A escena repetíase día tras día até o pasado 15 de maio. Nesa altura, os voluntarios que traballan na zona recibiron unha mensaxe: a Policía despexara as dúas fábricas abandonadas fronte ao porto que servían como refuxio aos centenares de migrantes que trataban de meterse nos distintos ferris que transportan mercadoría con destino a Italia e parten a diario deste estratéxico e transitado porto.

Coa rota dos Balcáns selada, sen opcións de pediren asilo na Grecia ou negándose a que esa sexa a única opción e co medo a seren deportados ao Afganistán ou o Paquistán, o porto de Patras converteuse nunha das poucas vías de saída para completar a travesía ao centro de Europa, principalmente a Francia e Alemaña. A forma de conseguilo era perigosa e extenuante.

Hikmat era un deles. Ten 24 anos e deixou atrás o seu lar no Afganistán para buscar un lugar seguro onde completar os seus estudos e achar traballo, lonxe da violencia e a falta de oportunidades no seu país.

Despois de cruzar Paquistán, Irán e Turquía chegou a Grecia coa intención de continuar a rota até Francia, onde lle gustaría instalarse. Mais o programa de recolocación de refuxiados, ao que non pode optar pola súa nacionalidade, e o acordo entre a Unión Europea e a Turquía, que deixou en 2016 millares de persoas atrapadas no país heleno, empurráronno á clandestinidade.

“Algúns amigos morreron no camiño até aquí. Temos moitos problemas nos nosos países, por iso vimos a Europa e atopámonos con este tipo de problemas, de castigo e de dificultades”, criticaba o mozo.

Centos de persoas despexadas
Hikmat vivía xunto máis de 300 mozos, todos homes, nunha das fábricas despexadas. A maioría ten uns 20 anos, aínda que tamén hai menores de 14 e 15. As lúgubres e precarias condicións en que están as instalacións -nun estado de abandono moi alto- aumentaban o sufrimento de ter que xogar de novo a vida.

Non dispuñan de auga corrente, nin de luz. Durmían en tendas de campaña e só contaban coa comida que a ONG FoodKind lles repartía a diario. “En Semana Santa rumoreábase que ía vir a Policía e moitos se foron a Atenas, os que tiñan os papeis, para evitar seren detidos”, comenta Manuel Asencor, voluntario da organización.

 

Un joven afgano en una fábrica abandonada de Patras. En el tejado, la basura y los zapatos de decenas de inmigrantes que pasaron por ese recinto/ Fotografía: Aitor Sáez Mozo afgán nunha fábrica abandonada de Patras. Lixo e zapatos de migrantes que pasaron polo recinto/ Fotografa: Aitor Sáez Imaxe de arquivo.

 

Así foi. Ás 4:30 horas da madrugada do 14 ao 15 de maio, 350 axentes da Policía irromperon nas fábricas abandonadas coa orde de despexar todas as persoas que houbese no interior. Segundo os datos oficiais, 611 migrantes foron despexados das instalacións.

En conversa con eldiario.es, o capitán da Policía do oeste da Grecia, Ignatios Triantafyllou, esgrime tres motivos para a operación: “Razóns humanitarias, porque as condicións en que vivían eran moi malas, polos perigos de accidente [cos vehículos cando cruzan a transitada estrada que separa o valo e as fábricas] e os problemas que causan no interior do porto”.

Despois de tres horas e media de inspección e retención, foron transportados en autobuses a dous centros. Triantafyllou asegura que a un deles foron levados os que pediron ou están en proceso de solicitude de asilo na Grecia, polo que non é de estadia obrigatoria. O outro é un centro de detención, en Corinto. Nestas instalacións viven entre reixas e sen ningunha opción de saír, segundo a ONG. O capitán confirma que algúns serán deportados.

Mais hai quen persiste no seu intento de saír do país. Nos últimos días, 76 persoas regresaron ao porto e refuxiáronse nun novo edificio segundo confirma Kai Wittistock, coordinador da organización DocMobile. “Descoñecemos o que faremos. Non sabiamos se regresarían ou virían novos, mais en menos dunha semana xa voltaron varios. Aquí todo muda moi rápido”, comenta. A Policía asegura que custodia as dúas fábricas para “evitar” que se instalen de novo.

Meses esperando para saltar
Algúns dos despexados levaban varios meses esperando poder cruzar a Italia desde o porto. “Se non nos permiten saltar, durante canto tempo queren que esteamos aquí?”, preguntaba un mozo afgán. Segundo o seu relato, levaba dous meses tentándoo a diario, varias veces ao día.

 

Centro de detención griego de Corinthos/ Fotografía: Aitor Saéz                 Centro de detención grego de Corinthos/ Fotografía: Aitor Saéz. Imaxe de arquivo.

 

Un dos principais escollos é evitar que a seguranza do recinto portuario e a Policía os intercepten durante a corrida até os camións e os deteñan. “É duro. Se a Policía nos colle, malla en nós”, asegura o mozo. Sarah Galastri, doutora voluntaria en DocMobile, confirma que atenderon feridas producidas por estas supostas agresións, ademais doutras ocasionadas cando trataban de cruzar o valo.

Segundo os últimos datos -decembro 2017- da Oficina grega para os refuxiados, o país rexistrou algo máis de 58.600 solicitudes de asilo. Estas persoas permanecen varadas en territorio heleno con escasas opcións de chegaren a outros Estados, o que a miúdo as empurra a percorrer a rotas clandestinas perigosas e a redes de traficantes.

Hikmat só desexaba poder saír de Grecia para retomar os seus estudos de Enxeñaría Informática, que tivo que abandonar após o aumento dos atentados terroristas en Afganistán. “Chega xente aos nosos aldeas e disparan, sen ningún sentido, tamén a crianzas. Os talibán impedíronme continuar os estudos. Queren que non teñamos coñecementos, evitan que vaiamos á escola”, relata o mozo.

“Só quero ir a Italia. Quero iniciar de novo a miña vida. Comezar o meu futuro”, resume. “Por que non me permiten ir desde aquí? por que teño que facelo desta maneira?”, conclúe.

Fonte El Diario