É, ademais, unha das poucas que incrementa o seu número de manifestacións, nun contexto de descenso xeral no conxunto do Reino de España: dende o 2012 (44.233 convocatorias) a cifra total acumula catro anos consecutivos de caídas, até as 27.880 marchas celebradas en 2016 (os datos do Ministerio non inclúen a información de Cataluña e País Vasco).

Con todo, analizando os datos galegos polo miúdo, atopamos que o incremento só se produce na provincia de Pontevedra (de 1.583 a 2.689) e un pouco na de Ourense (de 190 a 215), mentres que na Coruña e Lugo o número de manifestacións comunicadas en 2016 decreceu notabelmente (de 1.260 a 808 na Coruña e de 491 a 223 na de Lugo).

Outro dos indicadores que chama poderosamente a atención refírese ao número de manifestacións prohibidas pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra. En 2016 un total de 299 marchas foron expresamente prohibidas nesta provincia, o que a sitúa como o territorio do Estado con máis marchas non autorizadas, por diante doutras moito máis poboadas como Sevilla (187), Alacant (103) ou Madrid (77). De feito, nas outras tres provincias galegas só 4 manifestacións foron prohibidas (2 na Coruña, 1 en Lugo e 1 en Ourense).

A frecuente prohibición de manifestacións foi unha constante en Pontevedra entre 2013 e 2016. Se en 2012 ningunha marcha foi prohibida, en 2013 a cifra elevouse a 228, moderándose algo en 2014 (68) e 2015 (33), para de novo dispararse o pasado ano. As prohibicións coinciden coa xestión de Antonio Coello Bufill como Subdelegado do Goberno, un cargo do que tomou posesión en febreiro de 2012 e que abandonou en novembro de 2016.

A análise detallada dos datos revela igualmente que o incremento no número de manifestacións celebradas en 2016 en Galiza é debido unicamente a un tipo específico de convocatoria: a realizada por asociacións cidadás a conta de asuntos veciñais (na nomenclatura empregada polo Ministerio do Interior nos seus rexistros). Así, con respecto ao ano 2015, descen notabelmente as manifestacións convocadas por sindicatos (de 1.602 a 1.132), traballadores a través de comités de empresa (de 126 a 70) ou partidos políticos (de 99 a 85). Pola contra, aumentan moito as convocatorias de asociacións cidadás (de 1.574 a 2.536).

De igual xeito, redúcense as manifestacións por motivos laborais (1.489 a 1.059) ou de protesta contra medidas políticas e lexislativas (de 611 a 238). Tamén, de forma moi destacada, as protestas agrarias após a mobilización polos prezos do leite en 2015 (de 160 a 4). E, así mesmo, as manifestacións contra a violencia de xénero (de 90 a 57) ou por asuntos ligados á sanidade (de 100 a 45). Pola contra, só crecen de forma notábel as ligadas ao ensino (de 75 a 112, mais moi lonxe das 212 de 2013). E, sobretodo, as relacionadas con asuntos veciñais (de 366 a 1.954).