O pasado domingo (1-O) unha pequena delegación de EsCULcA viaxou a Catalunya para observar o desenvolvemento da votación do referendo en varios colexios electorais do barrio barcelonés de Sarriá-Saint Gervasi.

Eis o relato do que viron.

Crónica da observación de EsCULcA o 1-O en Catalunya

“O día comeza cunha visita ao Centre d’Ensenyament, onde numerosos veciños e veciñas fan garda ante a ameaza de encerramento dos colexios que, segundo resolución do Tribunal Superior de Xusticia de Cataluña, deben realizar os Mossos antes das seis da mañá. O ambiente festivo, compartindo almorzos e ilusións. Os Mossos estiveron antes levantando acta da situación e mantéñense cun coche ás portas do Centre. Moi semellante é a situación na Escola Augusta, na Escola Nausica e no IES Menendez Pelayo, onde moitas persoas, familias enteiras incluídas, pasaron a noite. Moita xente fóra, á espera do comezo das votacións, moi interesadas en como está informando a prensa na Galiza. A presenza de persoas con roupas reivindicativas ou bandeiras é prácticamente nula. O importante para elas é que o día 1-O a xente vote.

Comeza votación no IES Menéndez Pelayo (Vídeo de EsCULcA)

No momento do comezo da votación, estamos no IES Menéndez Pelayo. Hai algunha demora por problemas informáticos, problemas que tamén nos comentan noutros colexios, mais que son resolvidos satisfactoriamente. O patio do IES (un patio grande onde collen tres canchas de baloncesto e outra zona con mesas de ping-pong), está ateigado de xente de todas as idades. A fila, nunha mañá de choiva continua, ten forma de serpe e as persoas teñen que dar sete voltas até chegaren ás mesas de votación. A organización facilita o acceso ás persoas con movilidade reducida. Momentos emotivos, como a emocionada aperta dunha nena duns dez anos con quen posibelmente é o seu avó, mentres lle di “vas votar, vas votar!”. Sobre as once da mañá, escoítanse sereas de policía. Péchase a entrada exterior do patio e a xente comeza a berrar “Votarem, votarem!”. Moitas furgonetas pasan de longo, avenida arriba. Así que abren a porta, nos imos atrás das furgonetas, temendo que estexan no Centre d’Ensenyament, o primeiro dos lugares que visitamos pola mañá, a uns douscentos metros do IES. O temor confírmase.

Trinta furgonetas con antidistubios están paradas fronte ao Centre. Mentres a xente canta Els Segadors, os antidisturbios abren camiño até entraren violentamente no lugar onde se vota.

Chegan dúas ambulancias. Após varios minutos de tensión, vemos como saen os policías cunha urna, e os traballadores do 061 levan dúas persoas feridas. Un intento de cortar a rúa por algunhas persoas para evitar a saída dos furgóns é rápidamente impedido polo resto da xente, e acaban facendo un corredor para despediren os antidisturbios, nunha demostración cívica fantástica. Inmediatamente entramos no Centre para informarnos, coa xente que tan ben nos recibira á primeira hora da mañá, sobre o acontecido no interior. Con o susto aínda no corpo, contan que os axentes do CNP sacaron violentamente as persoas que resistían pasivamente sentadas diante das urnas. Un mozo resultou ferido e unha persoa idosa tivo que ser levada pola ambulancia en estado aparentemente grave por causa da tensión vivida. A persoa que relata o acontecido, con voz quebrada pédenos, “por favor, contade o que pasa aquí”. En menos de media hora, e unha vez solucionados os problemas técnicos derivados da brutal actuación policial, volve formarse a fila para votar, co mesmo espírito festivo que no principio da mañá. “Volem votar, volem votar!”, repeten.

Nós voltamos ao IES Menendez Pelayo, onde as filas continúan medrando a pesar da fluidez da votación. Ante a ameaza da intervención policial, os membros da organización peden que nenos e persoas idosas non tenten impedir a probábel actuación policial, e indican por onde deben ser levadas as crianzas (a unha zona do edificio libre de perigo). A xornada no IES finalmente continúa con tranquilidade.

Nós imos observar o desenvolvemento da votación nas outras dúas escolas visitadas pola mañá. Alí infórmanos da normalidade da situación. As filas enchen as rúas onde están as entradas dos locais e esténdense polas rúas colindantes. A presenza de votantes é espectular. Os agradecementos a EsCULcA contínuos, e a petición de que contemos o que pasa, tamén. Aconséllannos irmos á Escola Infant Jesus, onde parece que houbo problemas. E, con efecto, unha vez alí, cóntannos que á primeira hora da mañá a policía cargou con dureza e tentou, sen éxito, entrar no colexio, arrasando coas persoas que estaban sentadas diante da porta. Moitas resultaron feridas debido a que eran arrastradas e lanzadas fóra do colexio, entre elas persoas idosas. Unha das feridas é a muller de idade avanzada protagonista dunha foto que despois se fixo referente das agresión polas redes.

A última visita da mañá é ao Col-legi Josep Maria Jujol, situado ao lado dun parque, ateigado de xente que espera para votar baixo unha faixa que declara: “Sense por”.

Diante do Col-legi Josep Maria Jujol (Fotografía EsCULcA)

Hai tanta xente que non nos é posíbel achegarnos para recoller información. Unha xornalista de CNN fai unha conexión en directo.

Unha tarde tranquila

Xa pola tarde, a tranquilidade é total en todos os colexios que visitamos. Centre Civic Casa Sagnier, Ceip Poeta Foix, e Agència de Residus de Tres Torres. A presenza da xente continúa a ser magnífica, sobre todo neste último colexio. Infórmannos que o día foi tranquilo canto a incidentes, salvo algún problema informático. A última hora, un grupo de xovens (non máis dunha ducia), vestidos con grandes bandeiras españolas, acuden á zona de votación de Tres Torres. Reciben como benvida a máis absoluta indiferenza, mentres son protexidos polos Mossos.

Fila de xente para votar na Escola Nausica (Fotografía de EsCULcA).

Acaba a xornada

Para fechar a xornada, acudimos ao Centre d’Ensenyament, onde a iniciáramos á primeira hora. Alí coméntannos que varias veciñas e veciños da localidade, de opinión contraria ao referendo, acudiron a votar pola tarde ao coñeceren a brutalidade das actuacións policiais,

Agardando os resultados entre cancións e bailes a xente saúda a partida das urnas con grandes aplausos. Tamén os Mossos d’Esquadra son despedidos con aplausos no momento de abandonaren o Centre.”

O día finaliza cun concerto de cacerolas ás dez da noite.”

Lucía Barros – Bletxu I. Valeiras