Resultado de imagem para direito a saude

 

O Partido Popular, en contra de todos e sen convencer a ninguén, vai levar ao Parlamento de Galicia o proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde do ano 2008 (que estaba sen desenvolver nos seus capítulos principais, como eran a división territorial e a participación cidadá). Previsiblemente será aprobada grazas á súa maioría absoluta; pero que vai significar isto? Se consegue o seu propósito, as Áreas Sanitarias pasarán de 11 a 7, coa perda do seu xerente e a súa dirección, co que a Sanidade Pública alonxarase máis dos cidadáns e será máis dificil conseguir servizos vitais, que estarán nos hospitais de referencia das grandes localidades de Galicia. A calidade asistencial é evidente que se vai ver mermada e a comorbilidade e mortandade van aumentar de forma importante.

Ás veces parece que aos responsables sanitarios do PP só lle interesan os seus intereses persoais ou os do seu partido, pero non a calidade asistencial. Se a sanidade até o de agora era pública, universal, gratuíta e de calidade, foi porque o conseguimos entre todos e todas con moito esforzo, esforzo que seguimos facendo os profesionais, na primeira liña dos sistemas sanitarios públicos. Non se entende por que o PP se empeña en rebaixala de calidade, coas consecuencias tan terribles que vai ocasionar.

Non podemos aceptar que na nova Lei Galega de Saúde a participación social sexa algo anecdótico e promovido dende a Consellaría de sanidade por decreto. Que desapareza o contido do Consello de Saúde de Galicia e dos Consellos de Saúde de Área. Que se cren “distritos sanitarios” rebaixando a sanidade a segunda ou terceira división para moitos cidadáns de Galicia. Non podemos permitir que o PP privatice a docencia e a investigación. Que perpetúe as Estruturas de Xestión Integrada, sometendo a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias (hospitalcentrismo). Que a Atención Primaria deixe de ser a porta de entrada ao Sistema Sanitario Público, perdéndose o concepto de promoción, prevención e cercanía da asistencia sanitaria. Coa nova Lei, favorécese a aparición de novos chiringuitos como a Axencia Galega de Colocación e as Comisións Interdepartamentais.

Sabemos que a Lei de Dependencia está parada. Temos os índices máis baixos en atención á dependencia, en rendas mínimas de inserción, en prazas residenciais para persoas maiores, en servizos de axuda a domicilio ou en teleasistencia. Temos unha sociedade avellentada; nacen poucos nenos e os gobernantes miran para outro lado. É Galicia un xeriátrico? Se é así, a pregunta é se temos uns responsables políticos que toman as medidas necesarias para adaptarse á demografía do país. Segundo o informe do Índice de Desenvolvemento dos Servizos Sociais do ano 2017, Galicia está no posto 13º das CCAA do estado español. Temos 100.000 maiores galegos que viven sós e o goberno galego invirte en cada habitante de Galicia 274,91 euros fronte aos 278 euros do ano 2011 e moi por debaixo da media do estado español, de 339,69 euros no ano 2017. Como é posible que o goberno do PP sexa tan forte cos débiles e tan débil cos fortes?

Resultado de imagem para direito a saude

Manifestarémonos. Si. O 4 de febreiro ás 12 na Alameda de Compostela sairemos á rúa a dicirlle ao PP que non consentimos que privatice a Sanidade Pública Galega. Que teñamos unhas listas de agarda imposibles, que para unha proba diagnóstica, para unha consulta ou para unha intervención cirúrxica, teñamos que esperar un tempo tan longo que os problemas iniciais sempre están peor cando somos atendidos.

O Sr. Feijoo, dixo no seu panfleto de fin de ano: “o modelo galego garante a unidade, o benestar e a solidariedade, en momentos dramáticos como estos”. Non é certo e os feitos volven a desmentir os actos deste goberno do PP.

Outra Sanidade Pública Galega é posible. Que estea pensada para as persoas, na igualdade e na equidade. Que non primen os intereses económicos e que a saúde, o ben máis preciado que temos, sexa defendido por todas e todos.

Anímate e participa na manifestación do día 4 de febreiro ás 12 h. na Alameda de Compostela, e digámoslle ao PP que non queremos unha nova Lei Galega de Saúde que perxudique aos cidadáns e que sí queremos o desenvolvemento democrático e por consenso da Lei Galega de Saúde do 2008. 

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro do 2018.