A.M.C.B., preso en Teixeiro desde hai meses en condicións que é difícil calificar dado o seu extremo rigor, tivo de ser ingresado de urxencia no Hospital Clínico Universitario de Compostela en estado grave. Segundo fontes próximas á familia, o ingreso tería sido debido a unha nova tentativa de suicidio. A.M.C.B., apesar das severas patoloxías que padece non recibe atención profesional adecuada e é obrigado a permanecer en cubículo acristalado 23 horas ao día.

 

 

No pasado mes de xuño, EsCULcA enviou Queixa Urxente á Defensora del Pueblo sobre a situación de A.M.C.B. informándoa de que, apesar das graves patoloxías mentais que padece (epilepsia e transtorno da afectividade) e apesar de estar incluído no programa de prevención de suicidios, o interno non recibe atención psicolóxica nin psiquíatrica, non ten apoio de traballador social e é obrigado a permanecer nun cubículo acristalado situado na enfermaria 23 horas ao dia sen contacto con outros penados. Unhas condicións de reclusión que só poden ser calificadas de inhumanas.

Desde a súa chegada a Teixeiro, A.M.C.B., que foi transferido do penal da Lama, non foi examinado por psicólogo nin psiquiatra. E iso a pesar de estar incluído no programa de prevención de suicidios e mostrar tendencia a autolesionarse. De feito, na súa visita do 16 de xuño de 2017, o avogado de EsCULcA observou un corte no pescozo do interno realizado ese mesmo día.

Por outra parte, ainda que se encontra suxeito legalmente ao réxime de vida establecido no art. 91.2 RP, a A.M.C.B. só lle é permitido desfrutar dunha hora de paseo ao día, o que supón aplicarlle unha situación reximental máis restritiva (a contemplada nos arts. 75 ou 72 RP) que a que lle corresponde.

A esta xa grave situación temos ainda de acrecentar que durante as 23 horas que debe permanecer encerrado, A.M.C.B. está recluido na enfermaría nun cubículo acristalado transparente, sen contacto con outros presos.

Esta situación provoca que o interno viva en estado de permanente alteración a pesar da medicación pautada, como igualmente pudo comprobar o avogado de EsCULcA,

Na súa queixa á Defensora del Pueblo do xuño de 2017, EsCULcA subliñaba que os feitos descritos non só supoñen infracción dos dereitos fundamentais á dignidade e á integridade moral e física do penado (arts. 10 e 15 da CE), senón que determinan unha situación de extremo risco para a súa vida, obviamente exposta a un desenlace faltal de que sería responsábel a administración penitenciaria.

En consecuencia, EsCULcA instaba a Defensora del Pueblo a abrir de inmediato investigación sobre a situación de A.M.C.B., a acordar entrevista persoal co penado por medio de Comisionado da oficina da D. del P. e que fosen tomadas as medidas precisas para garantir a súa integridade física, o seu dereito aos mínimos reximentais e a recibir unha atención médica adecuada a patoloxías que padece.

Silencio da Oficina do Defensor del Pueblo

Infelizmente, mais unha vez a oficina do Defensor del Pueblo, que alberga o chamado Mecanismo Nacional de Prevención de la Tortura, fixo gala do seu nulo interese ou capacidade para acudir ás persoas que son vítimas de tortura, malos tratos, tratos degradantes ou inhumanos nos cárceres do Reino de España. A súa pasividade neste caso resulta particularmente grave dadas as circunstancias en que se encontra desde hai meses A.M.C.B., cuxa gravidade non pode negar xa que foi informada mediante Queixa urxente por EsCULcA.

Se o resultado da súa inacción finalmente non resultou fatal grazas á intervención dos servizos médicos do Hospital de Compostela, non hai dúbida de que as consecuencias sobre a xa deteriorada saúde de A.M.C.B. serán en extremo severas.

Máis información aquí.