O Tribunal Supremo acaba de condenar un mozo de 22 anos á pena de 2 anos e 6 meses por escribir os seguintes tuits na rede social Twitter, segundo os feitos probados da sentenza:

 

“53 asesinadas por violencia de género machista en lo que va de año, pocas me parecen con la de putas que hay sueltas.” –

“Y 2015 finalizará con 56 asesinadas, no es una buena marca pero se hizo lo que se pudo, a ver si en 2016 doblamos esa cifra, gracias” –

“Marta del Castillo era feminista y se tiró al río porque las mujeres se mojan por la igualdad.” –

“A mi me gusta follar contra la encimera y los fogones, porque pongo a la mujer en su sitio por parte doble.” –

O 16 de xaneiro de 2016 partilla a imaxe dunha muller (non consta se foi vítima de maltrato ou violencia de xénero), co lema “Ya la he maltratado, tu eres la siguiente.”

 

Esta persoa foi condenada o 26 de xaneiro de 2017 pola Sección 4ª da Audiencia Nacional, sendo relatora a maxistrada Teresa Palacios, á pena de 1 ano de prisión polo “delito de odio” previsto no artigo 510 do Código Penal e a outro ano de prisión por enaltecemento de terrorismo, por escribir tres tuits desexando que a Porta de Sol de Madrid explotase con moita xente e desexar maior masacre que a cometido nos atentados do 11 de marzo de 2004 en Atocha.

O artigo 510 do Código Penal establece que cometerá delito “quen publicamente fomentar, promover ou incitar directa ou indirectamente ao odio, hostilidade, discriminación ou violencia contra un grupo, unha parte do mesmo ou contra unha persoa determinada por razón da súa pertenza a aquel, por motivos racistas, antisemitas ou outros referentes á ideoloxía, relixión ou crenzas, situación familiar, a pertenza dos seus membros a unha etnia, raza ou nación, a súa orixe nacional, o seu sexo, orientación ou identidade sexual, por razóns de xénero, doencz ou discapacidade.”

 

Neste caso, o tuiteiro machista sentou no banco dos acusados por incitar publicamente ao odio ou violencia ou discriminación ás mulleres -discriminación por razón de xénero-.

 

Tanto o fiscal como o acusado recorreron a condena e o Tribunal Supremo acaba condenando unicamente polo “delito de odio”, que leva unha pena de 1 ano a 4 anos de prisión. Así mesmo, aplícalle a agravante prevista no artigo 510.3, consistente na utilización de medios de comunicación e de Internet. Cando a agravante se aplica, a pena a impor será de 2 anos e medio a 4 anos de prisión. A Audiencia Nacional, portanto, non aplicou esta agravante ao mozo machista, o que o Tribunal Supremo corrixe, a instancia do Fiscal.

A condena de 2 anos e medio de prisión obriga a que este tuitero machista teña que entrar en prisión porque aínda que é a primeira vez que delinque, a súa condena excede de 2 anos de prisión, que é o límite que non se debe exceder para evitar o ingreso no cárcere.

Dunha focaxe democrática do que ha de significar a aplicación do Código Penal para limitar a liberdade de expresión, convén precisar que o mal denominado “delito de odio” é un delito cualificado tecnicamente como delito discriminatorio, que adianta a barreira de protección de colectivos discriminados -como etnias, colectivo LGTBI ou as mulleres- ao momento en que se expresa unha opinión ou unha idea de forma pública, que leve un perigo de crear un ambiente hostil ou de violencia contra estes. É un delito, portanto, que protexe a dignidade das persoas prohibindo determinadas expresións que puideren animar ou provocar feitos violentos ou discriminación.

Mais o seu significado transcende o principio de igualdade ou non discriminación no cadro da convivencia democrática ou, digamos, está englobado pola idea mesma de democracia. Neste sentido, todas as voces nunha sociedade han de participar do debate público e ser ouvidas a fin de levar a cabo proxectos que melloren as nosas vidas naqueles temas que teñen verdadeiro interese comunitario. Non cabe silenciar ningunha voz con grande significado e importancia social, polo feito de haber institucións, corporacións, medios de comunicación masivos, poderes económicos e financeiros e potentes estruturas patriarcais.

 

Protesta contra la violencia machista.

 

Quer dicir, o Estado non debe permanecer neutral ante o incontestábel feito de existiren colectivos en inferioridade de condicións sociais e materiais que non poden alzar a súa voz por si mesmos. Ante isto, a solución é implementar políticas educativas, sociais e -por que non- punitivas para remediar este desequilibrio.

Deste prisma, sen ningunha dúbida, cuéstionome que este cinco chíos do mozo machista condenado, sexan perigosos, que leven un risco concreto e certo de alimentar un clima de hostilidade ou discriminación contra as mulleres. E iso porque, precisamente, a rede social reaccionou a instancias de moitos usuarios para fecharlle unha das súas contas. Quer dicir, o uso de Twitter non supuxo unha posición de superioridade desde a que o machista se impuxo coas súas crueis e ofensivas mensaxes. Esta rede, como todas as redes sociais, propugna o seu uso a calquera, sen que se nos esixa sermos expertos en comunicación, nin posuír capital nin posición social determinada. Neste sentido, este machista usuario non fixo prevalecer o súa particular e agresiva voz desde ningunha situación privilexiadamente superior, salvo o feito, está claro, de pertencer a unha sociedade estruturalmente machista e ser membro activo da liga machista.

Tampouco entendo que o feito de ter 2.000 seguidores sexa un dato significativo, porcanto sabemos como funciona a rede: os followers non sempre se decatan dos chíos emitidos por todas as persoas que seguen, pois depende do momento en que cada cal se incorpore e active; para iso, existe unha aplicación que indica cales foron exactamente as interaccións de cada chío. Cantas persoas o leron, cantas o replicaron ou reproduciron e cantas gustaron del -aínda que non o reproducisen-. Isto, xa o sabemos, non foi probado no xuízo como sabemos que en ningún xuízo contra tuiteiros merece especial atención, o cal nos parece singularmente grave.

Con todo, quen acusou apoiouse nunha investigación policial da unidade policial Grupo de redes II (Unidade de control, seguimento e análise preventiva dos contidos publicados nas diferentes redes sociais, entre elas Twitter) que recibiu na súa conta de Twitter queixas doutros usuarios da rede, alarmados e ofendidos polos chíos do mozo machista. Quer dicir, este peculiar usuario da rede social, a unidade de prevención policial Grupo de Redes II non soubo acreditar o número de interaccións reais que tiveron os chios emitidos polo mozo condenado, o cal non deixa de chamar a atención.

É alarmante que non costume haber unha mínima actividade probatoria en relación á efectiva difusión das mensaxes, cando do que se trata é de penalizar, precisamente, a publicidade dos mesmas. Mais máis preocupante, se callar, é aplicar un especial agravante como é o uso de redes sociais ou de Internet, sen nin sequera probar no xuízo cal foi a incidencia real en termos de difusión. En resumidas contas: unha mensaxe discriminatoria que non chega a un número importante de persoas non ten capacidade real para promover un clima violento ou discriminatorio.

 

Moito máis rechamante parécenos que haxa un vixiante policial nas redes, que de forma preventiva está á nosa disposición para cando se nos ofenda.

 

Somos moi conscientes de que o problema que padecemos as mulleres ten que ver con preconceptos e actitudes machistas, forxados ao longo da historia, que estruturan o noso sistema provocando situacións claramente inxustas: foxo salarial, invisibilidade social e profesional, a carga do traballo de coidados non remunerado, as imposicións sobre o noso corpo, por exemplo. Este sistema patriarcal, sen dúbida, favorece o clima de violencia de xénero e non mensaxes isoladas de embrutecidas personaxes, produto do momento. Pois o que alarma non é o feito de expresalos, non desde logo desta maneira, senón o pensamento que o precede. E ese pensamento, esa cultura que o move é a que nos fai perigar na nosa dignidade como mulleres, como suxeitos de dereitos, responsabilidades e aptitudes.

O que este mozo machista pensa -e expresa basta e groseramente- oféndenos, dóenos e lémbranos o sufrimento de todas as mulleres mortas, daquelas que en todo o mundo sofren vexacións e tratos degradantes polo feito de seren mulleres. Anímanos tamén a loitar xuntas pola efectiva igualdade, mais a ofensa recibida non é suficiente para levar ninguén a prisión. Este empedernido machista non é máis do que unha minúscula achega, unha pinga de cisco, nun mundo gobernado por homes. Máis perigo ten o discurso educado, preparado e politicamente correcto de quen nos goberna e non dá importancia ao foxo de xénero, porque non lle toca falar diso agora. Máis ferinte, se callar, que desde a súa privilexiada tribuna unha muller diga que o foxo salarial e o machismo é responsabilidade das mulleres “con falta de formación para accederen a un posto de traballo”.

Mais non esperen estes homes togados do Tribunal Supremo que lexitimemos a represión da liberdade de expresión da que veñen facendo gala con pertinaz método persecutorio, especialmente desde o ano 2014. Non, non se creou con esta sentenza condenatoria ningún nicho de seguidoras dispostas a limparlles a tan deostada imaxe que veñen proxectando. Esta sentenza que obriga a ingresar en prisión un tuiteiro -moi machista si- non palia nadiña de nada a violencia machista nin o machismo estrutural que padecemos, e no entanto, lamentabelmente, enterra un pouco máis a liberdade de expresión, que é alicerce esencial da democracia.

Fonte: El Diario