Desde había algún tempo a ACLU de New Jersey viña recibindo múltiplas queixas de persoas presas e as súas famiias que protestaban pola prohibición do libro. A asociación requereu información enbase á lei de acceso público á información e a resposta confirmou que “a Prisión Estatal de New Jersey e o Correccional do Sul do Estado prohibiran o libro como medida de política interna”.

 

 

The New Jim Crow: Mass Incarceration in the Age of Colorblindness, de Michelle Alexander.

 

 A prohibición vulnera a Constitución, afirma a ACLU

“A prohibición de The New Jim Crow viola o dereito á liberdade de expresión establecido na Primeira Emenda da Constitucións dos EUA, e a proteccion correlativa do art. 1, parágrafo 6 da Constitución de New Jersey”.

“O libro de Michelle Alexander mostra como a xente de cor non só fica trancada dentro do cárcere senón tamén excluída da vida civil fora, e o estado de New Jersey exilia dobremente estas persoas ao prohibir un texto que trata especificamente delas”, afirma o Director Executivo da ACLU Amol Sinha. “As ratios e percentaxes do encarceramento masivo desenvólvese en termos de vidas humanas. Tirar das mans un libro que examina unha traxedia nacional ás vítimas suma o insulto á inxuria”.

Eis a resposta á solicitude de información formulada pola ACLU.

Contodo, a quen coñece o sistema prisional de New Jersey, non pode sorprender que se prohiba o libro de Michelle Alexander. New Jersey continúa liderando o ranking da disparidade racial entre persoas pretas e brancas encerradas nas prisións estatais. Encanto a disparidade media dos EUA é do aberrante 5 persoas pretas fronte a 1 persoa branca, neste estado a ratio é de 12 a 1. O que significa que as persoas afro-americanas, que representan o 15% do total da populación de New Jersey, atinxen a inacreditábel proporción de 60% das persoas encarceradas polo estado.

Unha disparidade en modo algún accidental. A desproporción non pode ser atribuída exclusivamente á pobreza. E iso é exactamente o que Michell Alexander esclarece en The New Jim Crow. As persoas afro-americanas lideran o ránking de encarceramento como resultado dunha serie de políticas e prácticas complexas. Amiúde disfarzadas de guerra contra as drogas ou mesmo de guerra contra a pobreza, estas politicas e estas prácticas son en realidade unha guerra contra a xente negra pobre.

 

Fonte: The Intercept

The New Jim Crow é un libro imprescindíbel para comprender a situación da populación afro-americana pobre nos EUA das últimas décadas. Hai versión en español: El Color de la justicia. La nueva segregación racial en Estados Unidos, Kadmos, Salamanca, 2014. Ver aqui a recensión publicada por EsCULcA.