Diversos sindicatos do Corpo Nacional de Policía española interpuxeron unha denuncia contra o director da revista satírica El Jueves, Guille Martínez-Vela, por un suposto delito de inxurias. O xulgado de instrución 20 de Barcelona citouno a declarar en calidade de investigado a pasada cuarta feira 8 de novembro pola mañá.

Os feitos remóntanse ao 5 de outubro, cando a revista publicou na sección de noticias falsas unha entrada co título “La contínua presencia de antidisturbios acaba con las reservas de cocaína en Cataluña”. A noticia facía referencia indirecta aos millares de efectivos da Garda Civil e o Corpo Nacional de Policía (CNP) española que desde o 20 de setembro estaban aloxados nos cruceiros GNV Rhapsody e Moby Dada -máis coñecido como Piolín– do Porto de Barcelona e GNV Azzurra do Porto de Tarragona. A peza humorística publicada por El Jueves é unha sátira, mais quixemos facer un repaso das múltiplas causas xudiciais instruídas durante o último ano contra axentes de ambos os corpos de seguranza por supostas connivencias con redes de tráfico de cocaína, haxixe e marihuana. Unha ralidade que, apesar de ser pouco visíbel mediaticamente, existe.

No último ano foron instruídos unha decena de procedementos penais

Mataró (Maresme) e Cornellà de Llobregat (Baix Llobregat) foron os municipios onde máis recentemente a imaxe do Corpo Nacional de Policía foi vinculada xudicialmente co tráfico de estupefacientes. O 20 de xuño de 2017 foi detido o comisario Fèlix Riesco, máximo responsábel da comisaría de Mataró, que, segundo a unidade de Asuntos Internos do CNP, cometeu os supostos delitos de revelación de segredos e suborno en connivencia cunha rede de traficantes desartellada no bairro da Mina de Barcelona. Riesco ingresou preventivamente nun centro penitenciario por orde do xulgado de instrución 4 de Mataró.

O pasado 26 de setembro, un membro do CNP foi detido no cadro dunha operación contra o tráfico de cocaína en Catalunya desenvolvida polos Mossos d’Esquadra. O axente formaba parte da Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO), residía en Cornellà de Llobregat e segundo o xuiz instrutor pertencía a un “grupo criminal” integrado por once persoas.

Son apenas dous exemplos dun incesante goteo que no último ano xa suma unha decena de procedementos penais en todo o Estado español.

Droga confiscada

A conexíon dos policías coas redes de narcotráfico investigadas nalguns casos ten a ver co rubo da droga confiscada. É o caso do policía nacional español J.L.H.C., de 37 anos e destinado na comisaríade Portbou (Alt Empordà). A sección tercera da Audiencia de Girona condenouno a dous anos de prisión e unha multa de 4.000 euros por ter substraído un paquete de 1.012 gramos de haxixe do depósito de efectos confiscados. Cando foi detido, na carteira onde gardaba o identificativo policial, foi encontrada, tamén, unha bolsiña de plástico con cocaína. Apesar da gravidade dos feitos, beneficiou de atenuantes por un suposto transtorno de ansiedade e, por iso, a petición fiscal de catro anos de prisión ficou rebaixada a dous anos -con sentenza firme de 24 de outubro de 2017- e, en consecuencia, non ingresou en prisión.

Un caso similar aconteceu na comisaría do CNP en Gandia (la Safor), onde un axente do corpo substraiu, en como mínimo dúas ocasións, as drogas confiscadas que se gardaban nas dependencias policiais. A Sala Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana condenouno a dous anos e medio de prisión, unha multa de 4.800 euros e a inhabilitación durante catro anos e medio para o exercicio como funcionario de policía por un delito de infidelidade na custodia de documentos e por unha falta de furto.

A casuística delitiva entre policías, ao punto de revender a droga confiscada para conseguir un sobresalario, chega a todos os cantos da xeografía do Estado español, tamén á capital.

A Sala Segunda do Tribunal Supremo confirmou en novembro de 2016 a pena de seis anos de prisión para José Manuel H.T., por un delito agravado contra a saúde pública. Segundo a sentenza, o penado apropiouse de 55 cápsulas de cocaína confiscadas no aeroporto de Barajas para revendelas na rúa. O valor estimado da mercadoría substraída foi estimado en 46.099 euros.

Involucrados axentes da Benemérita

A sombra da sospeita esténdese á Garda Civil. Constan diversas sentenzas en firme contra axentes do corpo.

A sección de Algeciras da Audiencia Provincial de Cádiz condenou recentemente dous axentes da Garda Civil e un do CNP a tres anos e nove meses de prisión por un delito contra a saúde pública. Os tres foron inhabilitados por un período de dezasete anos. Non poderán tornar a traballar nos corpos e forzas de seguranza do Estado. Os feitos xulgados remóntanse a 2013, cando foron interceptados con 250 quilos de haxixe procedentes de Marrocos.

Nesta mesma liña, o pasado mes de xuño o Tribunal Supremo confirmou una pena de 21 meses de prisión contra un garda civil de Costa Teguise (Lanzarote) acusado de apropiarse de droga confiscada en diferentes operacións. No seu domicilio particular encontraron haxixe, marihuna e cocaína.

Unha semana máis tarde un tribunal de Tetuán (Marrocos) condenou outro garda civil adscrito ao Servizo de Información a catro anos de prisión. A sentenza conclúe que pretendía introducir en Ceuta oitenta qilos de haxixe que transportaba no seu vehículo particular.

A rede tamén afecta a parte superior da cadea hierárquica

No outono de 2016, a Audiencia de Málaga condenou a dous anos e medio de prisión un tenente da Garda Civil que ostentaba o cargo de xefe do Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga. Sonlle atribuídos delitos contra a saúde pública e de falsificación en dúas operacións de narcotráfico nas costas de Marbella e Melilla.

Suma e segue

No 6 de xuño de 2017 foi rubricada outra sentenza condenatoria no outro extremo da xeografía peninsular, na provincia de Pontevedra. O cabo da Benemérita Enrique P. Martínez foi condenado a sete anos de prisión e quince de inhabilitación por un delito de tráfico de drogas. A sentenza confirma que organizara un falso control policial na estrada N-550 co obxectivo de confiscar substancias estupefacientes. Confisou e substraiu 379 gramos de cocaína pura, valorados en 52.515 euros.

O diñeiro dos narcotraficantes no punto de mira

Nalgúns dos procedementos penais en curso non se investiga o tráfico ou o consumo de drogas, senón o uso de información privilexiada para extorquir os narcotraficantes e así conseguir elevadas cantidades de diñeiro. É o caso de dous gardas civis de Igualada acusados de secuestro. Xuntamente con outros dous homes terían alxemado, retido pola forza e conducido a unha zona boscosa un veciño de Girona a quen esixiron diñeiro. Segundo información publicado polo xornal El Punt-Avui en outubro de 2016 e en setembro de 2017. A Fiscalía, nun xuízo que foi suspendido o pasado 27 de setembro, pedía nove anos de prisión para os axentes Jesús Isaac Martínez e José Antonio Salguero -destinados no cuartel de Igualada. A investigación sinala que os policías terían perpetrado os feitos xunto con outros dous homes: o dono dunha empresa de Sils, Manuel Raurich Pérez, e un veciño de Santa Comoma de Farners, Manuel Díaz Durán.

O escrito de conclusións provisorias da procuradoría indica que os dous gardas civis investigados obtiñan através dos arquivos do corpo información de supostos traficantes de droga. Estes datos servían para os subornaren. Neste caso levaron a vítima ao seu domicilio da Avda. Lluís Pericot de Girona e reclamáronlle 10.000 euros, mais o secuestrado aproveitou unha distracción dos secuestradores para alertar a policía municipal.

Nesta mesma subcarpeta de subornos encontramos tamén a ratificación por parte do Tribunal Supremo (con data de 2016) dunha condena a sete anos de prisión para un exinspector do CNP de Ávila, acusado de recibir diñeiro dun traficante de cocaína en troca de protección policial.

Fonte: La Directa