Segundo informa o Comité, a xornalista Ana Belén C.V. elaborou o pasado 6 de setembro unha nova para o informativo vespertino “A Crónica” sobre a desarticulación dunha célula terrorista en Marrocos e Sevilla. “Cando a traballadora locutaba a noticia en directo no estudio, xusto antes da lectura dun parágrafo no que informaba da que o presunto líder da célula xihadista “fora afiliado do PP de Melilla”, unha responsábel do programa ordenoulle non ler esa referencia, orde que a xornalista, que viu interrompido o seu traballo de xeito brusco e sorpresivo, acatou”.

 Fotografía Sermos Galiza

Na Catalunya profesionais denuncian “manipulación indigna”

O mesmo día 1 de outubro denunciaron a manipulación da información sobre o referendo desde o Consello de Informativos de Televisión Española, e o día 3 de outubro,  propios xornalistas do canal público na sede de Barcelona denunciaron nun duro comunicado como foron manipulados durante a difícil xornada do domingo en Cataluña.

Os profesionais de TVE-Sant Cugat, a través dun comunicado, relataron “a manipulación indigna e a censura dos acontecementos da xornada” do referendo do 1-O, cando “se impediu” que esa redacción “editase as informacións relacionadas coa xornada, en especial, as relacionadas coas cargas policiais, de forma que se mandaban os brutos a Madrid para que fosen elaboradas alí”.

Os xornalistas do canal público explican como, até “nas conexións en directo presionouse para que non se falase de cargas policiais e fose minimizada a acción da Garda Civil e a Policía Nacional”.

 

Información recollida dos xornais Sermos Galiza e Ara