A Plataforma de Profesionais do Dereito, formada por máis de 200 profesores e xuristas, considera que a sentenza do caso Altsasu «é cruel», cando o Estado «non pode selo, ten que ser xusto».

Lasagabaster  Iñaki Lasagabaster, durante a súa comparecencia no Parlamento foral. (Jagoba MANTEROLA / FOKU)

 

O seu portavoz Iñaki Lasagabaster compareceu no Parlamento navarro a petición do cuadripartito. UPN e PP optaron por non asistir. A Plataforma de Profesionais do Dereito sostivo que a xustiza require equilibrio e que neste caso fíxose «unha interpretación cruel» da norma, con «asañamento», polo que é «difícil achar un caso mais claro de arbitrariedade, cando o Estado debe garantir os dereitos das persoas».

Lasagabaster subliñou que a cidadanía «non pode permanecer ausente, hai que resistir, porque caso contrario periga a propia democracia», e reclamou en nome da Plataforma a posta en liberdade dos procesados que xa «recibiron suficiente castigo».

Na súa exposición, comezou por afirmar que a cualificación xurídica dos feitos como «terrorismo» foi «inapropiada e desmesurada, unha interpretación disparatada porque se afasta dos principios de obxectividade e imparcialidade».

Na instrución «non aparecen consignadas as circunstancias favorabeis aos supostos reos» e «non se constatan feitos alén da mera sospeita».

Foi «unha disputa de madrugada nun bar que só pode ser relacionada con terrorismo forzando desproporcionadamente o razoamento humano».

E engadiu que esta forma de instruír «é contraria a un estado de dereito», e atribuíuna «a unha reacción desmesurada» para seren xulgados pola Audiencia Nacional española e non polos tribunais de Nafarroa, «os competentes».

Lasagabaster subliñou que se trata de «un novo exemplo da aplicación do dereito penal do inimigo nuns feitos non premeditados e probabelmente impulsados por unhas circunstancias, de madrugada nun bar e un estado físico non nas mellores condicións».

Para avalar as súas afirmacións, lembrou que no tribunal había unha maxistrada casada cun membro da Garda Civil e condecorada por este corpo, mais non se admitiu a súa recusación. «Tampouco se admitiron probas presentadas polos procesados» e cando finalmente se admitiu un vídeo «non se tivo en conta o seu contido».

Rodas de recoñecemento sen parecido

A isto sumou que nas rodas de recoñecemento «non se respecta» que exista algún parecido físico entre os procesados e as persoas que se situaron xunto a eles para a identificación, e nos feitos probados a sentenza «establece unha sorte de responsabilidade colectiva. Non sinalan quen agrediu quen».

Lasagabaster sinalou tamén que as lesións dos agredidos «son moi pouco compatibeis cunha agresión dun numerosos grupo de persoas».

Do delito de desordes públicas comentou que require planificación e afectar dereitos de terceiros, mais neste caso foi aplicado «para impor a condena en grao máximo acumulando cargos e agravantes, para forzar o monto da pena cando o racional era centrar a tipificación nas lesións».

E así se chegou a unha pena en conxunto de 76 anos de cárcere e 100.000 euros de indemnización, «próxima ao cadro penal do homicidio, aínda que se recoñece que non houbo un delito de terrorismo, o que se afasta de toda idea de xustiza».

Fonte: Naiz