A Comissió d’Ajuda al Refugiat País Valencià e a Unió de Periodistes presentan en València o manual Deu propostes contra el discurs xenòfob als mitjans de comunicació con suxestións para un adecuado tratamento da información sobre as persoas migrantes e refuxiadas e a súa representación nos media.

 

A responsabilidade dos media

O relatorio Racismo en Internet: webs, redes sociales y crecimiento internacional mostra como na internet, a xenofobia é sementada con total normalidade e como é asumida nos discursos dos média -tamén dos públicos- ilustrando con algúns títulos achados na rede este pendor xenófobo: “Hungría sabe lo que hace: sus vallas antirefugiados logran reducir la inmigración ilegal en un 99%”, ou este, que explica un feito falso: “Suecia publica una guia para enseñar a los jóvenes refugiados a no violar”.

Diante desta situación, a organización Comissió d’Ajuda al Refugiat del País Valencia (CEAR-PV) e a Unió de Periodistes presentou en València un manual – –Deu propostes contra el discurs xenòfob als mitjans de comunicació–  que poida servir de guía a xornalistas na hora de afrontar unha noticia. O texto, elaborada pola xornalista Laura Julián, plantexa a necesidade de elaborar un xornaismo responsábel contra a xenofobía através de dez preguntas que terían de facerxe as redactoras antes de escribir. Algúns dos temas sobre os que se debruza son a humanización das cifras, a diversificación das fontes, o fomento do discurso de convivencia, os estereótipos, o tratamento das imaxes e a terminoloxía. “O discurso xenófobo afecta toda a sociedade, e combatelo con información é responsabilidade nosa”, subliña a autora do texto, quen cre que as xornalistas han de ser combativas, libres de preconceitos e han de denunciar e non reproducir o discurso que sinala de maneira indiscriminada as persoas racializadas.

“Estamos fartas de ver nos medios de comunicación noticias que non son verdade, cun maltrato ás persoas refuxiadas, e vimos tamén como ultimamente aumentou exponencialmente a xenofobía e a islamofobía”, sinala Jaume Durà, coordenador de CEAR-PV. O avogado explica que decidiron apostar por un proxecto centrado na comunicación porque esta é unha das principais ferramentas para combater a islamofobía e a xenofobía: “os medios de comunicación chegan a moita xente, e temos de desmontar o discurso que utiliza a ultradereita para difundir o racismo e captar adeptos”.

A utilización perversa dunha lexislación contra a discriminación xenófoba

O texto de reflexión xornalística encádrase no proxecto Alça la veu, unha iniciativa contra a discriminación e os delitos de odio que se puxo en marcha xusto cando van 25 anos do asasinato de Lucrecia Pérez, morta a tiros en Madrid o 13 de novembro de 1992 por un garda civil neonazi, coa axuda de tres menores de idade. Este asasinato impulsionou, xuntamente con outras agresións xenófobas ou por cuestións ideolóxicas, como por exemplo o asasinato de Guillem Agullló, a loita para que fosen recoñecidos os delitos de odio e se actuase contra aquelas persoas que os exercían. Actualmente, no entanto, estamos asistindo ao feito insólito de a lexislación contra os delitos de odio ser utilizada precisamente contra as persoas defensoras da igualdade e os dereitos humanos, como o demostra, entre outros moitos casos, o das docentes acusadas de adoutrinaren as alumnhas por falar dos feitos do 1º de outubro nas aulas.

Por iso, no proxecto Alça la veu tamén foi posto en marcha un protocolo para a atención individual a vítimas de discriminación e delitos de odio. Durante o desenvolvemento do proxecto foron detectados máis de trinta casos de discriminación e racismo que foron denunciados diante dos tribunais, como por exemplo o dun vendedor ambulante de orixe senegalesa a quen a polícia local de València insultou e partiu o brazo no momento da detención, ou o dun veciño de orixe hondureña a quen un grupo de mozos insultou, agrediu e roubou a bicicleta na rúa. Finalmente, a iniciativa tamén contou cunha parte de sensibilización en que se realizaron accións grupais, como cineforuns e debates para promover a defensa das vítimas ou posíbeis vítimas. As responsabeis do proxecto aseguran que terá continuidade co seguimento dos casos de racismo e xenofobia. Durà explica que tentarán que “os medios de comunicación asuman como propias as propostas contra o discurso xenófobo”. E tamén queren impulsionar, xunto con outras entidades, un observatorio de medios de comunicación para denunciar as noticias de pendor racista ou que fomenten a desigualdade.

Fonte: La Directa