Hoxe (21/11/2017) a asociación Drets, o Col-lectiu Praga, a ANC e Òmnium Cultural presentan un manifesto no Col·legi de l’Advocacia de Barcelona para denunciar a politización da xustiza. Intitulánno ‘Cop a l’estat de dret’ (Golpe ao estado de dereito). Desde a represión do referendo do 1-O, decenas de persoas foron encausadas por un ou outro motivo: piadas sobre a policía española (os casos de El Jueves ou do actor Eduard Biosca), falar nas aulas do 1-O (oito docentes da Seu d’Urgell), aprobar unha moción contra a presenza dos corpos policiais españóis (a causa xeral aberta en Reus)… Estes últimos días xa se ameaza con perseguir os autores de chíos no Twitter.

De todo isto, e da situación de encarceramento de Jordi Sànchez, Jordi Cuixart e dos oito consellers e conselleres, falamos co presidente de Drets, Sergi Blázquez. Di que non esperaba que se chegase a forzar a lei e o código penal para reprimir o independentismo, mais confía na profesionalidade dos xulgados de base porque están lonxe das influencias politicas que se inxeren na fiscalía, o Tribunal Supremo ou o Tribunal Constitucional españóis.

 

Hoxe tivestes un acto no Col·legi de l’Advocacia de Barcelona, intitulado ‘Golpe ao estado de dereito’. Que explicastes?

Presentamos un manifesto asinado por máis de mil xuristas. Denuncian a utilización partidista da xustiza con finalidades políticas e a utilización da procuradoría e dos órgaos xudiciais para organizar unha vulneración flagrante dos dereitos, as liberdades e o estado de dereito. Era un acto contra os encarceramentos preventivos ditados contra Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, mais evidentemente o encarceramento do vice-presidente do goberno e dos consellers fixo que o modificásemos.

Como foron vulnerados os dereitos de Sànchez, Cuixart e os consellers?

Ningunha das denuncias nin das acusacións poden constituir nunca na vida sedición, nin alzamento nin rebelión. Tamén denunciamos que a Audiencia española non é un tribunal competente. Vulnérase o artigo 24 da constitución española porque tería de ser un xulgado de instrución o que valorase os posíbeis delitos. Tampouco se pode ditar prisión provisoria porque non se cumpre ningún dos requisitos que establecen a lei de axuizamento criminal e o código penal. Quero lembrar que a prisión preventiva é a última opción, mais decretouse sen que se cumprise ningún dos requisitos. Nin risco de fuga, nin posibilidade de facer desaparecer probas nin reiteración do delito. Son actitudes arbitrarias que se abeiran da prevaricación. Como xuristas, denunciámolo publicamente. Son presos políticos e pedimos a liberdade inmediata.

Algúns dirixentes do PP, como Xavier García Albiol, din que se os consellers acatan o 155 poderán sair da prisión

Algún falan máis da conta, mais parece que hai membros do PP que saben exactamente o que fará a procuradoría e o que farán os tribunais. O 12 de outubro, entre copas, xa se falaba do que faría a xuíza Carmen Lamela a respecto de Jordi Sànchez e Jordi Cuixart. Falábase do seu encarceramento con toda normalidade en círculos do PP que xa sabían o que acontecería. Agora parece que Albiol xa sabe o que pasará a Puigdemont se volta. Parece que teñen todo falado. É moi, moi grave. Iso pon en causa, mais unha vez, a separación de poderes no estado español.

Credes que a xustiza belga ten suficientes argumentos para negarse a entregar o presidente Puigdemont e os consellers que están en Bruxelas?

A xustiza española vulnera dereitos e liberdades fundamentais. Entendemos que iso, unha xustiza imparcial, verao rapidamente. Eu creo que ten argumentos suficientes, que os avogados mostrarán estas vulneracións e que nunha situación normal non haberá extradición nin cumprimento da euroorde.

Foi forzado o estado de dereito para criminalizar e perseguir o independentismo?

Completamente. Fórzanse e interprétanse todas as leis segundo o seu criterio. Perséguese a ideoloxía, o pensamento político e unha maneira de pensar. Fórzanse os tipos delitivos, ainda que até agora houbo impunidade total. Drets presentou centenares de denuncias por razon ideolóxica, por delito de incitación ao odio e a violencia e por discriminación contra os cataláns, mais sempre houbo impunidade e non se perseguiu nunca. nin a policía, nin a procuradoría nin os xulgados. Agora casualmente hai moita sensibilidade na procuradoría para abrir causas contra calquera por ter feito unha piada, un chío, ter defendido a independencia ou o proceso soberanista. Hai dous pesos e duas medidas: uns contra o independentismo e outros en defensa dos seus intereses.

O deito de incitación ao odio serviu para abrir causas contra docentes, para abrir unha causa xeral en Reus… Pode ser aplicado nestes casos?

A incitación ao odio, a violencia e a discriminación é por razóns de sexo, relixiosas, étnicas ou ideolóxicas. Todas as ameazas, insultos e coaccións que denunciamos eran por razón de orixe nacional. Agora din que se crea un odio por razóns ideolóxicas contra os colectivos da policía española. Temos o actor Eduard Biosca encausado por ter feito un chiste, temos El Jueves, a causa xeral aberta en Reus, a xente dos hoteis de Calella… Hai unha razia, unha persecución contra a xente que critica a presenza da policía española e contra as críticas por teren mallado na cidadanía. Non lles agrada e utilizan este artigo para dicir que hai unha persecución contra a policía. Veremos que determinan os xuíces.

Credes que estas denuncias poderán ter éxito? Poden ser aceptadas por un xuiz?

Entendo que non. Coa lei na man, non. Facer unha piada, unha broma ou un manifesto político dicindo que queren que a policía marche da vila é unha opinión. É a liberdade de expresión e de crítica politica contra a situación que vivimos. Non pode ser perseguida co código penal. Son cómplices tanto a procuradoría como os denunciantes, a policía en moitos casos, e algunhas entidades. Cando todo iso chegue ao xulgado en principio deixarase de lado a ideoloxía e todo será arquivado.

Fala dos denunciantes. Amiúde hai organizacións como a Societat Civil Catalana e Vox que tamén presentan denuncias. Esta é a maquinaria que fai que se abran todas estas causas?

É. Basicamente foi a procuradoría, polas instrucións do procurador xeral de perseguir todo aquilo que cheirase a referendo. Hai denuncias contra xente que penduraba faixas, contra xente que estaba nas paradas… Tamén entre a xente que se identificou nos colexios electorais, algunhas persoas son citadas por desobediencia. E estes grupúsculos como Vox, a extrema dereita, Societat Civil Catalana… que poñen querelas porque se senten fortes, co apoio da policía e a fiscalía.

Mesmo hai ameazas por ter escrito chíos. O ministro do Interior español sinalaba sábado un usuario do Twitter que facía burla da morte de Maza. Iso ten algún percorrido?

Nós temos moita experiencia, nestes casos. A actividade pública de Drets comezou por denunciar ameazas e burlas contra os cataláns polo único feito de seren cataláns. A procuradoría desprezou a maioría das denuncias. E son feitos gravísimos, como o accidente de Germanwings e o crime no instituto Joan Fuster. Denunciámolos porque críamos que eses chíos contra os cataláns era un delito. Non apoiamos que se fagan bromas pola morte do procurador xeral e condenámolas, mais a procuradoría tería de ter o mesmo criterio. Non pode perseguir uns casos e arquivar outros.

Todo este contexto crea unha situación de indefensión no cidadán. Até xa se comezou a falar de autocensura. Isto é consecuencia da falta de garantías?

As garantías do estado de dereito minguaron moito. A política recentralizadora e o corte de garantías, dereitos e liberdades dos cidadáns crean indefensión. O 155 aplicado en Catalunya ten un efecto clarísimo: vulnera o dereito de voto, o dereito de poder elixir os representantes e o goberno. Mais tamén a lei mordaza, por exemplo, fai que por calquera denuncia podas levar no lombo. Téntase crear un estado de medo para que a xente se autocensure, non opine nin faga bromas. É unha persecución en toda a regra.

O encerramento de páxinas web vai nesta liña?

Vai, vai, é claro. Mais non só o encerramento de páxinas web, senón tamén a persecución de toda a xente que as reabría ou reproducía. Hai dúas decenas de informáticos perseguidos por teren clonado webs. Secuestraron a revista de Òmnium, hai unha sensación de medo crescente entre os mestres nas escolas, dos xornalistas á hora de explicaren as noticias, os alcaldes e concelleiros á hora de faceren un comunicado que exprese un sentimento. Os avogados temos medo de defender os nosos clientes porque segundo o que digan tamén pode ser constitutivo dun delito. Isto é gravísimo!

Polo que di, teñen a sensación de que o estado de dereito vai converténdose nun estado policial?

Pois para aí imos indo. De entrada temos dez mil policías máis en Barcelona que hai mes e medio. Teñen un departamento informático específico que revisa as redes e todo o que nelas se di. A policía está para garantir a seguranza, mais de repente traen dez mil axentes para nos  vixiaren e impediren o referendo, que xa se fixo. Que fan aquí? Talvez agora teñen a función de coaccionar e meter medo.

Que pode facer o cidadán para se defender de todo iso?

Podemos utilizar os avogados e as ferramentas que temos: a lexislación, a xurisprudencia. E esperar que os tribunais impartan xustiza. Estou convencido de que os tribunais ordinarios e de base están formados por xente honrada, moi profesional e que fai o traballo ben feito. A dúbida está nos órgaos xudiciais onde hai influencia directa da política, como a procuradoría, o Tribunal Supremo español, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Audiencia española… os avogados temos que confiar na xustiza e defender todos os dereitos. Persoalmente penso que os cidadáns han de votar a favor da recuperacón das institucións e do goberno lexítimo nas próximas eleccións. E tentar defender os dereitos dos cidadáns desde o noso parlamento.

Antes falaba da situación dos presos políticos. O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos é a última instancia e a única válvula de fuga da gaiola xudicial española, ou hai máis?

Non se pode facer nada. O Tribunal de Estrasburgo é a última instancia e só se pode chegar a el cando foi esgotada toda a vía interna: un xuízo de primeira instancia, unha apelación, unha casación no Tribunal Supremo e no Tribunal Constitucional. E cando tes a resolución final é cando podes ir ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. Este é o procedemento, con excepcións, como nalgúns casos de torturas. O problema é que a sentenza pode demorar anos.

Como xurista, esperaba que se chegase a forzar tanto as leis e o código penal?

Nunca na vida. Hai anos pensaba que España era un estado democrático, onde podías discrepar e ser independentista, ou ser republicano e criticar o rei, ou ser comunista e ir contra o modelo capitalista… A constitución ampara ese dereito. Mais cando tocas a unidade de España vulnéranse todas as garantias, todas as leis, toda a constitución, porque todo está a disposición da unidade de España. Non temos un estado de dereito porque non hai garantías. Gostaría saber como os profesores de dereito penal explicarán ao seu alumnado os requisitos dunha prisión preventiva, porque un aluno pode levantar a mao e dicir que iso non se cumpre. Forzan tanto, tanto, tanto as leis no seu interese que liquidan o estado de dereito.

Fonte: Vilaweb