A Xunta acaba de aprobar unha nova norma da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas. Unha orde que chega en pleno agosto e despois de a Consellería de Industria dar vía libre a creación dun polémico parque eólico en Cabana de Bergantiños. Precisamente, a norma exprés aprobada nesta segunda feira impediría que as entidades, asociacións, administracións ou particulares puidesen acceder a información “sensíbel” dos proxectos mineiros, como son “notas, rascuños, opinións, resumos, comunicacións e relatorios internos ou entre órgaos ou entidades administrativas, mesmo cando formar parte dun expediente”.

 

Poboado mineiro de FontadoPoboado mineiro de Fontado | Fonte: Asociación Buxa Lara

 

A orde chega despois das continuadas denuncias de colectivos contrarios a mina de Touro e o Pino, e tamén das protestas en Teo contra a planta de resíduos que quere construír a empresa Toysal. Deste xeito, a nova normativa require á persoa ou entidade solicitante que motive a súa solicitude. Unha vez motivada, a Xunta aprobará ou non esa solicitude de información. E cales serán os motivos de inadmisión?.

 

Entrega de firmas contra a mina de Touro-O Pino

 

INADMISIÓNS

A Dirección Xeral de Minas explicita varios supostos. Entre estes, a información que estiver en curso de elaboración, quer dicir, o acto administrativo concreto que estiver en proceso de redacción e que aínda non for asinado por quen deba ditalo.

Tamén fica excluída a información que estiver en curso de publicación xeral. “Esta causa de inadmisión aplicarase cando resultar preceptiva a publicación dun acto ou dunha información nun momento determinado do procedemento e a solicitude de información se presentar con carácter previo á fase en que corresponda a publicación”, recolle a nova orde. Ademais, fica fóra dos cidadáns e entidades a información que tiver carácter auxiliar ou de apoio, quer dicir, as notas, rascuños, opinións, resumos, comunicacións e relatorios internos ou entre órgaos ou entidades administrativas, mesmo cando formar parte dun expediente.

A nova norma tamén exclúe as accións previas de reelaboración, quer dicir, a obtención de copias de documentos non abranxe a reelaboración da información nin a redacción de relatorios específicos nin a elaboración de estatísticas ou agregados de datos. Tampouco inclúe o asesoramento xurídico sobre interpretación ou aplicación de normas xurídicas. “En todos estes supostos inadmitirase a solicitude”, engade a orde.

Finalmente, a Xunta rexeitará as solicitudes “manifestamente repetitivas ou que tiveren un carácter abusivo non xustificado coa finalidade de transparencia da lei”. Un requisito que choca directamente coas accións que teñen realizado diferentes entidades contrarias a proxectos mineiros nos últimos anos, que teñen pedido información en reiteradas ocasións acusando o Goberno galego de negarse a informar. “Considéranse repetitivas as solicitudes presentadas por unha mesma persoa que presente unha identidade substancial canto á información que se solicita”, aclara a Dirección Xeral de Minas.

“Os actos de exercicio de calquera dereito, sen ningunha excepción, están sometidos ao límite do abuso de dereito. Concorre abuso de dereito sempre que estean presentes dous elementos: que o seu exercicio supere os límites normais do dereito e que se cause un dano a terceiro. Constitúe dano a terceiro a utilización de recursos humanos, económicos ou técnicos por parte da Administración para atender unha solicitude que supón unha extralimitación respecto dos límites normais do dereito de acceso á información pública”, engade a Xunta na orde.

Galicia Confidencial