Con data 26 de xaneiro de 2018, Fernando Blanco Arce, en nome e representación de EsCULcA, interpuxo Queixa perante a Defensora del Pueblo solicitando sexan investigados os feitos recollidos no Relatorio do C.P.T. do Consello de Europa relativo á visita que este Comité realizou ao Reino de España en 2016. En concreto, EsCULcA requer que se investiguen os malos tratos denunciados por presos de diferentes centros penitenciarios do EE.

 

Resultado de imagem para carcel teixeiro                                                        Cárcere de Teixeiro

 

No seu relatorio, o Comité Europeo para a prevención da tortura (CPT), órgao pertencente ao Consello Europeo que traballa desde o ano 1989 na prevención da tortura e dos tratos inhumanos ou degradantes, móstrase especialmente preocupado pola ampla incidencia e frecuencia dos maus tratos físicos nos cárceres do Estado español e denuncia que ningún dos procedementos penais iniciados entre os anos 2014 e 2016 por estas violacións dos direitos humanos chegaron á fase final da investigación.

Para o CPT, este feito non é fruto dunha coincidencia. A ausencia ou a deficiente calidade dos rexistros médicos, unido á falta de información referente aos casos sospeitosos de maltrato físico e ao traslado sistemático de reclusos despois dalgún incidente de importancia, fan destes centros penitenciarios un escenario en que, segundo as denuncias, son demasiado frecuentes os maus tratos e a tortura.

A visita de 2016

A delegación do CPT recolle no seu relatorio un número significativo de denuncias verosímeis de recentes maus tratos físicos, pretensamente cometidos por funcionarios a modo de castigo informal en módulos de réxime fechado e departamentos especiais dos centros penitenciarios, que no seu parecer deben ser clasificadas como provistas de credibilidade.

Resultado de imagem para carcel teixeiro

Son  precisamente estes os casos que agora EsCULcA demanda que sexan investigados por entender que pode existir posíbel infracción dos dereitos fundamentais consagrados no art. 10 (dignidade) e 15 (integridade física e moral) da CE de 1978.

Os feitos denunciados polos reclusos terían acontecido nos seguintes penais: CP de León (forte malleira a un preso con resultado de fracturas en costelas sétima e oitava), C.P. Puerto 1 (un preso en reclusión mecánica en réxime de isolamento despois de recibir brutal malleira); CP Puerto III (un preso con discapacidade mental leve, sometido a fixación mecánica durante 8 horas durante as cales recibiu golpes de porras nas costas e plantas dos pés propinadas por funcionarios); C.P. Puerto III: (un preso sometido a isolamento e suxeición mecánica dudrante 23 horas despois de os funcionarios lle propinaren unha malleira por suposta desobediencia); C.P. de Teixeiro (funcionarios do penal esparxiron gas pimenta na cela dun preso que foi posteriormente espancados, ao que despois obrigaron a permanecer nu durante 36 horas fixado boca abaixo sen comer) e C.P. Villabona (un preso obxecto de malleira que lle produciu diversos hematomas (comprobados por membros da delegación do CPT na súa visita a este cárcere).

No seu escrito de Queixa, EsCULcA lembra que a gravidade e reiteración destes feito, tantas veces denunciados por organizacións defensoras dos dereitos das persoas presas. ven agora avalada pola constatación directa dunha prestixiosa entidade supraestatal especializada na detección de casos de tortura e malos tratos, polo que insta a Oficina del Defensor del Pueblo a investigar todos e cada un dos casos denunciados e solicita se realice unha entrevista reservada con cada un dos presos que denunciaron a situación.

Tamén insta EsCULcA á Oficina del Defensor del Pueblo propor un protocolo a Instituciones Penitenciarias que evite a reiteración destes feitos tomando como punto de partida mínimo o proposto polo CPT na pág. 46 do seu relatorio.

Queixa de EsCULcA