Despois da súa detención como posíbeis culpábeis da morte do axente da Guàrdia Urbana de Barcelona Pedro Rodríguez, que apareceu calcinado no pántano de Foix, son moitos os indicios que apuntan a que dous membros dese mesmo corpo policial (un home e unha muller) poderían ser culpábeis doutro homicidio: o dun manteiro morto na montaña de Montjuic en agosto de 2014. 

 

O estraño caso do garda urbano de Barcelona con tres números de placa

No 9 de agosto de 2014, na montaña de Montjuic, tres membros da Guàrdia Urbana de Barcelona -R.P., A.L. e un terceiro axente da Unitat de Suport Diürn (USD)- foron as únicas testemuñas da queda do cidadán José Antonio González -de 50 anos, nascido en Utrillas (Terol)- por un acantilado do parque de Miramar. Un cabo e outros dous axentes que tamén participaban no operativo estaban no momento de se producir o suposto accidente afastados do lugar. No encabezamento do atestado daquela intervención fíxose constar que a Placa de Identidade Profesional (TIP) do terceiro axente testemuña do incidente respondia ao número 26356. Curiosamente, na terceira páxina do mesmo atestado faise referencia ao policía asignándolle outro número, o 26536, quer dicir, trócase o 3 polo 5.

Pois ben, ningún destes dous número de placa daquel atestado corresponden á identificación que o propio axente fixera constar anteriormente nun atestado xudicial elaborado en relación cun incidente na praza do Duc de Medinaceli en agosto de 2012. Naquel caso o policía reiterou -en fase de instrución e durante a vista oral- que o seu TIP correspondía ao númemro  26365. Isto é, temos un único garda urbano e tres números de placa diferentes.

Os datos de identificación do axente achegounos á causa o sub-inspector da Unitat de Suport Diürn, despois de llo reclamar o xulgado de instrución 25 de Barcelona. Durante meses, no entanto, os axentes da USD tentaron que a xuíza pensase que os feitos da praza Duc de Medinaceli aconteceran o 24 de agosto, cando realmente o incidente se tiña producido no dia 27, como ficaria demostrado máis adiante en sentenza firme. O avogado de SOS Racisme que compareceu na causa subliñou nun recurso perante a Audiencia de Barcelona as súas dúvidas: “a diverxencia de datas é a existencia dunha posíbel actuación policial destinada a encobrir a agresión cometida”.

Os Mossos reabren a causa da morte de vendedor ambulante en Montjuic

Despois de aparecer calcinado no pántano de Folix o tamén axente da Guàrdia Urbana Pedro Rodríguez e ter sido encarcerada a súa parella (R.P.) e o policía con quen supostamente ela mantiña unha relación (A.L.), os Mossos d’Esquadra reabrion a causa sobre o incidente do 9 de agosto de 2014 na montaña de Montjuic.

Entre os investigadores paira agora a sospeita de que o vendedor ambulante José Antonio González non tería morrido de maneira accidental, senón que teria sido empurrado, tal como recoñeceu a propia R.P. diante da xuiza de Vilanova que investiga o caso.

Segundo numerosos indicios, o axente que apareceu hai uns días calcinado no pántano de Foix (Pedro Rodríguez)-, coñecedor desta circunstancia, tería feito chantaxe á súa parella (R.P.) e ao compañeiro desta (A.L.), ao saber que mantiñan unha relación sentimental en segredo. Esa chantaxe podería ter sido o desencadeante do homicidio.

Montaña de Monjuic: agosto de 2014

Segundo a versión oficial dos feitos acontecidos o 9 de agosto de 2014, á unha menos cuarto do mediodía, no camiño de terra que une a pasaxe das Bateries e o mirador da montaña, só había catro persoas: dúas son a parella de axentes agora en prisión (R.P. e A.L.) e asoutras dúas son as que agora están están mortas: o home que supostamente se precipitou montaña abaixo  e morreu aquela mesma noite no Hospital Clínico (José Antonio González) e o policía que utilizaba tres TIP diferentes, morto uns meses máis tarde nun accidente de tránsito cando conducia a súa motocicleta por unha estrada sen curvas e se lle cruzou un animal selvaxe.

Segundo datos en poder de SOS Racisme, a TIP 26356 –unha das dúas identificacións deste terceiro axente que aparecen no atestados dos feitos de Montjuic- tamén figura na documentación dun dispositivo contra a venda ambulante do 15 de abril de 2014 no centro de Barcelona. Daquela o axente testificara contra un manteiro, explicando que este fixera caer unha muller cando fuxía dunha batida policial, mais o manteiro desmentira esta versión dos feitos.

Os anos de chumbo contra os manteiros

As actuacións na montaña de Montjuic ou na Praza Duc de Medinaceli, que agora voltan a primeira liña de actualidade por causa da morte do axente Pedro Rodríguez no pántano de Foix, non foron feitos isolados. Formaban parte dunha política planificada polo alcalde Joaquim Forn (CDC), que asignou a tarefa de persecución da venda ambulante á Unitat de Suport Diürn de la Guàrdia Urbana, con sede na comisaria da Zona Franca. Unha unidade que mantivo a súa actividade os dous primeiros anos do mandato de Ada Colau. O Servizo de Atención e Denuncia para as Vítimas do racismo e a xenofobia de SOS Racisme atendeu no período 2010-16 até 77 denuncias de abusos perpetrados por axentes da Guàrdia Urbana de Barcelona, 44 dos cales contra vendedores ambulantes. Agresións físicas, identificacións por perfil étnico, insultos xenófobos ou detencións irregulares forman parte da longa lista de agravos que levaron perante a xustiza.

No entanto, “a mala praxe xudicial”, segundo valora a entidade antiracista, “é moitas veces un grave impedimento na denuncia das vulneracións de dereitos levadas a cabo polos axentes de policía”. Nun documento que divulgaron a través do seu web reflecten que “lamentabelmente constatamos que as prácticas policiais racistas en Barcelona non son casos isolados e que a sanción de actitudes e actuacións racistas no corpo da Guàrdia Urbana non foi, até o día de hoxe, unha prioridade para o Concello de Barcelona”.

A.L., sospeitoso do crime do pántano de Foix, foi condenado pola agresión da praza Duc de Medinaceli, e mesmo así, non foi afastado do corpo, mantivo as súas funcións no ámbito da persecución da venda ambulante.

Máis información aquí.