A situación crítica de Ibon Iparragirre foi hoxe de novo exposta pola súa familia, que denunciou que anos de desasistencia médica levaron o preso de Ondarroa a que a súa vida penda dun fío. O seu irmán Gotzon desvelou que a nai mantivo onte unha conversa co médico de Alcalá-Meco en que este recoñeceu qu, de ser outra persoa, xa estaría en liberdade mais tratou de eludir calquera tipo de responsabilidade no que poda acontecer.

Iparragirre

Comparecencia de Sare, Etxerat, Iparra Galdu Baik, familiares, médicos e avogados de Ibon Iparragirre. (@goikodeustu)

Sare, Etxerat e a plataforma Iparra Galdu Baik, entre outros, esixiron no 18 de outubro, nunha comparecencia ofrecida en Bilbo, a «inmediata» excarceración do preso Ibon Iparragirre, ao entender que cumpre coas condicións para que lle sexa aplicado o artigo 104.4, ou no seu caso o 91.3, do regulamento penal. Antes, o seu irmán Gotzon detallou a grave situación médica do prisioneiro, incidindo en que a desasistencia e a política de vinganza levouno a unha situación extrema, en que non lle quedan case defensas.

Gotzon Iparragirre salientou que os dous últimos informes dos forenses corroboraron o que a familia e os médicos da súa confianza levan tres anos e medio alertando: que sendo portador de VIH e estando en fase C3, a última da escala, o irmán debe estar en casa. Así mesmo, incidiu en que o cadro pode ainda ter peorado, descoñecéndose o estado real das seus defensas.

Iparragirre engadiu que hai aspectos do estado de saúde do seu irmán que descoñecen, como a carga viral, aínda que sabendo que as defensas CD4 caeron a 20, a situación é extrema. En seis ocasións solicitaron a excarceración do preso, e todas elas foron denegadas. Gotzon Iparragirre sinalou ao xuíz de Vixilancia Penitenciaria da Audiencia Nacional, José Luís Castro, como o responsábel de que o seu irmán continúe na prisión de Alcalá-Meco.

Iparragirre desvelou que onte a nai, Angelita Burgoa, mantivo unha conversa telefónica co subdirector médico do cárcere madrileno en que lle chegou a dicir que era a primeira noticia que tiña sobre as dúas visitas de forenses da Audiencia Nacional para avaliar o estado do prisioneiro. Púxoo como exemplo da «descoordinación» entre as distintas instancias implicadas na situación que sofren e a súa falta de vontade para afrontar as súas responsabilidades. «Ese marrón eu non o vou comer», chegou a comentar o facultativo de Alcalá-Meco a Burgoa.

Chamamento á mobilización

Gotzon Iparragirre asegurou que todo é máis fácil, trátase de que o xuíz, á vista dos informes que obran no seu poder, proceda a asinar a orde de excarceración para evitar un «tráxico desenlace», que non son capaces de augurar cando se pode producir se non se actúa. En canto esperan unha resposta, animou á mobilización, a primeira esta tarde ás 19.00 diante das sedes xudiciais en Hego Euskal Herria, convocada pola iniciativa Kalera Kalera, e anunciou que se prepara unha mobilización para o domingo 22, ás 13.00, Ondarroa.

Inaxio Oiarzabal, de Sare, dixo que «non podemos permitir que o odio e a vinganza manteñan Ibon Iparragirre en prisión». «Non podemos permitir que o odio e a vinganza -insistiu- substitúan a legalidade e a democracia, e o caso de Ibon Iparragirre é un claro expoente desta realidade».

O representante da rede cidadá manifestou que o ondarrutarra está preso «por pertencer a unha organización que hoxe xa é unha organización desarmada, polo que non cabe posibilidade de reincidencia». En base á legalidade española e aos informes médicos, segundo comentou, a Iparragirre debe serlle aplicado «o terceiro grao por razóns humanitarias e de respecto á dignidade da súa persoa». «A lei española dio claro: Ibon ten dereito a recibir tratamento en condicións dignas e ese tratamento debe recibilo fóra do cárcere», subliñou.

Fonte: Naiz