A legalidade internacional ampara a lei do referendo do 1-0 e a aplicación da lei de transitoriedade caso o resultado ser favorábel ao “si”. Así se argumenta no relatorio Catalonia Legitimate Right to Decide elaborado por docentes de diferentes universidades e amplo recoñecemento internacional (Nicolás Levrat da Universidade de Ginebra, coordenador do estudo, Sandrina Antunes da Universidade do Minho, Guilleume Tusseau de Sciencies Po de Paris e Paul Williams da American University de Washington).

Da mesma maneira, e contra un dos argumentos habituais do goberno español, o referendo de independencia non é unha cousa rara no mundo. Nos últimos 25 anos, un grande número de países conseguiu a independencia a medio dun referendo, moitos deles de maneira unilateral, como é o caso catalán. Tal como explica o Relatorio, durante o século XX (1905-1991), 52 territorios sen estado celebraron referendos de independencia. Desde a queda da Unión Soviética, esa cifra aumentou: entre os anos 1991 e 2017 houbo 53 referendos de independencia e hai catro máis previstos até finais do ano 2019. En total, desde 1905, houbo 105 referendos de independencia, e nen todos co consentimento dos estados matrices.

Mais non sempre os referendos de independencia foron levados a cabo de maneira unilateral. O goberno español esgrime amiúde o argumento de que nos  “países serios” o dereito de autodeterminaión non está permitido, mais a evidencia indica que moitos estados europeos aceptaron referendos para que unha parte do seu territorio preguntase á populación se quería converterse nun estado independente. Ainda que cada caso é diferente, “a práctica dos estados pode ser un bo indicador para entender que pode pasar con Catalunya”, explica o profesor Nicolas Lavrat, coordenador do relatorio.

Hai diversos exemplos de estados que permitiron referendos: no ano 1995, o Reino Unido permitiu que as Bermudas fixesen un referendo. Nese caso, a maioría de votantes decidiu non separarse do Reino Unido. O caso de Escocia é ben coñecido: no ano 2014, os escoceses decidiron continuar a formar parte do Reino Unido a partir dun referendo acordado. No ano 2013, a Franza autorizou un referendo en Córsega en que tamén se impuxo o “non”. Por último, Holanda permitiu moitos referendos: en Bonaire, Curação, Saba, Sint Eustatius e Sint Maarten.

Referendo unilateral e recoñecemento internacional

Os estados, no entanto, non sempre aceptan os referendos de independencia. Nese caso, a práctica mostra que tamén é posíbel conseguir a independencia pola vía do referendo unilateral. Un número significativo de territorios que conseguiron a súa independencia fixéroo celebrando un referendo sen o consentimento do seu Estado matriz e, despois, a maioría dos antigos estados acabaron por os aceptaren como un estado de pleno dereito. “O recoñecemento internacional non é obrigatorio, decide cada estado. Contodo, chegar mediante un proceso legal e democrático aumenta moito a posibilidade de ser recoñecido”, defende Lavrat.

Boa parte das ex-repúblicas soviéticas independizáronse pola vía do referendo unilateral. A URSS, nun principio, rexeitou a súas declaracións de independencia e actualmente son estados normais. Paradoxos da historia, a pasada cuarta feira hai 26 anos, unha URSS en decadencia encabezada por Mikhaïl Gorbachov recoñecía as independencias de Estonia, Letonia e Lituania. As tres repúblicas bálticas independizáranse de maneira unilateral e despois das advertencias tanto dos soviéticos como de algunhas grandes potencias. A día de hoxe, as tres repúblicas forman parte da Unión Europea e da OTAN.

Tamén os territorios da antiga Xugoslavia celebraron referendos sen o consentimento do Estado matriz e este opúxose ás respectivas declaracións de independencia, e agora tamén son estados independentes. Outro exemplo é o de Serbia, que se opuxo á declaración unilateral de independencia do Kosovo, e agora é un estado recoñecido por 111 países da ONU e 23 países da UE (o Reino de España non o recoñece, como tamén non Venezuela ou Rusia, entre outros).

O papel da Europa

No que á legalidade europea di respecto, non existe ningunha disposición específica nos tratados que prohíba o dereito de autodeterminación dun pobo europeo sen estado no territorio da Unión Europea. De feito, argumenta o relatorio, a Unión Europea recoñece o dereito a decidir. Lembra que en ausencia dunha disposición específica sobre o dereito de autodeterminación dunha nación sen estado europea, o dereito da UE non prohibe o exercicio do dereito a decidir das nacións europeas. “Non obstante, o catalán sería o primeiro caso en que se producise unha situación deste tipo no seo da UE, e iso tería un impacto importante”, explica Lavrat.

Desde 1991, a UE recoñeceu 26 dos 27 estados que conseguiron a independencia. Son: Armenia, Azerbaixán, Bielorusia, Bosnia e Hercegovina, Croacia, a República Checa, Timor Oriental, Estonia, Eritrea, Xeorxia, Kazakistán, Kirguizistán, Letonia, Lituania, Macedonia, Moldavia, Montenegro, Rusia, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, Sudán do Sur, Taxikistán, Turkmenistán, Ucraína e Uzbekistán. “Recoñecer outro estado é un acto soberano dos outros estados. A práctica mostra que o recoñecemento dun novo estado por parte dos antigos estados é a norma”, argumenta o profesor. “O máis probábel é que haxa forte presión dos líderes europeos para que o goberno español acepte unha solución negociada”, subliña.

A maioría destes 26 estados recoñecidos por Europa conseguiron a independencia pola vía unilateral. Aliás, argumenta o estudo, “os estados membros reaccionarían positivamente a unha nova candidatura para unirse á Unión”, tal como indica a experiencia recente. En calquera caso, a pertenza ou non de Catalunya á UE implica que se recoñece o territorio como Estado independente, tamén por parte do Reino de España. Abriría nesa altura “un período de negociacións complexas, creatividade legal e boa vontade de todas as partes”.

Bernat Surroca

Artigo publicado en Nació Digital.