O xefe de Policía de Cantabria, Héctor Moreno García, foi condenado por torturas en 1994 e indultado polo PP de José María Aznar. A sentenza xudicial da Audiencia Provincial de Madrid nunca foi empecillo para a carreira de Moreno García, que continuou ascendendo na hierarquía policial até chegar ao seu actual destino. O caso deste comisario non é unha excepción. É máis, a impunidade para os membros de Corpos e Forzas de Seguranza denunciados e/ou condenados por torturas é unha práctica habitual neste país chamado España.

 

Cuerpo de Joseba Arregi, muerto por torturas.                                        Corpo de Joseba Arregi, morto por torturas

 

Así o testemuña, por exemplo, José Manuel Sánchez Fornet, histórico líder do Sindicato Unificado de Policía, de que xa non forma parte. “Isto é o habitual na Policía desde polo menos 1980, que é cando eu entrei. Os ascensos a axentes que vulneraron os dereitos civís dos cidadáns forman parte da cotidianidade. O problema é que practicamente ninguén lles prestou atención até agora”, denuncia Sánchez Fornet, que pon como exemplo o tamén recente nomeamento como xefe superior de Policía en Castilla-La Mancha de Félix Antolín, investigado por un delito contra a integridade moral e outro de lesións por un suposto caso de acoso a un subordinado.

Héctor Moreno García.                                                                                           Hector Moreno García

Son dous casos recentes. Entre todos os policías disponíbeis, o ministro do Interior elixiu estes dous para seren ascendidos. As súas razóns terá, aínda que de momento permanecen ocultas. O xornal Público solicitou información ao Ministerio do Interior por primeira vez na pasada cuarta-feira 12 de abril, mais aínda non obtivo resposta. O presidente de Cantabria, Miguel Anxo Revilla, tamén se dirixiu por escrito a Interior, igualmente sen éxito. Agora sumouse o PSOE, que solicitou a comparecencia do ministro Zoido.

 

 

Sánchez Fornet, en conversa telefónica con Público, xustifica as súas palabras anteriores deitando a vista atrás. Pon como exemplo, entre outros, o caso do garda civil Manuel Sánchez Corbi, que foi condenado o 7 de novembro de 1997 pola Audiencia de Biscaia a catro anos de prisión e seis de inhabilitación por torturar Kepa Urra nun escampado, antes de o conducir detido ao cuartel de Sálvea, en Bilbao. Sería indultado en 1999. Apesar desta condena, Sánchez Corbi continuou o seu imparábel ascenso até coronel xefe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil.

Sánchez Corbi
Hai apenas un ano, Sánchez Corbi sinalou que “é inxusto” que unha persoa como o secretario xeral de Sortu, Arnaldo Otegi, “condenado por terrorismo” de ETA agora “queira ser lehendakari e pasar páxina”. Contodo, el si que puido pasar páxina e non cumprir a condena que lle impuxeron os tribunais. “A democracia e a ditadura foron o mesmo neste sentido. Ser un torturador e estar condenado non afecta a carreira dun policía. Oxalá mude e se comece a medir se un policía merece o ascenso segundo o seu expediente profesional e non outras consideracións de amiguismo político”, prosegue Sánchez Fornet.

SResultado de imagem para sanchez corbiSánchez Corbi

 

Así as cousas, este histórico sindicalista considera que non se debe pedir a dimisión do novo xefe de policía de Cantabria porque sería “facer pagar” a Moreno García “os erros do modelo”. Na súa opinión, os esforzos deben ir encamiñados a tentar mudar de raíz o “plano operativo de actuación de Policía e Garda Civil”. “É un problema de fondo. A Policía para que está? É posíbel pedir 40 identificacións por cada 8 horas de servizos? Lembro noites en que os policías competían en Benidorm a ver quen identificaba máis cidadáns”, sentencia este policía.

O SUP definde Moreno García: “A condena por torturas é de 1994, era novo e veríase involucrado nalgún altercado”
O portavoz do SUP, Ramón Cossío, non ve inconveniente no nomeamento do policía condenado por torturas como xefe da Policía Nacional de Cantabria. “Magnificouse todo moito. Moreno García vén de postos de relevancia como a Interpol ou a Udef. A condena por torturas é de 1994, era novo e veríase involucrado nalgún altercado. Neste tempo fixo o seu traballo con normalidade e con éxito”, destaca Cossío.

O coordinador da Agrupación Reformista de Policías, Luís Miguel L. Moreno, non partilla o criterio de Cossío. Moreno considera que este tipo de decisións supoñen unha secuela para o prestixio da Policía e sinala que debería ser elixido para o lugar un membro do Corpo que teña un expediente limpo. “Que os hai e son maioría”, di este policía, que considera que o actual modelo de nomeamentos na Policía está en moitas ocasións marcado por “amiguismo político” e non polo “expediente e traxectoria dos axentes”.

Así mesmo, Moreno reivindica unha mudanza total no modelo policial en que a protección dos dereitos dos cidadáns se sitúe no centro da súa actividade.

Os datos, desde logo, son preocupantes. A Coordinadora para a Prevención da Tortura, plataforma integrada por 46 organizacións de loita contra a tortura e a defensa dos dereitos humanos, contabilizou até 7.500 casos de persoas que denunciaron ter sido obxecto de torturas, trato inhumano ou degradante por parte de funcionarios públicos no exercicio das súas funcións.

Amnistía Internacional tamén denunciou reiteradamente que a práctica da tortura policial non é “sistemática”, mais tampouco se trata de casos isolados. Así, o relatorio Sal en la herida, de Amnistía Internacional, denunciou un bo número de casos en que cidadáns sufriran abusos policiais, malos tratos e/ou torturas sen ningún tipo de consecuencia para as carreiras profesionais das súas abusadores.

Un exemplo destes casos é o que sufriu o cidadán Driss Zraidi, que estivo detido e foi torturado na comisaría dos Mossos de Roses. Os axentes fracturáronlle varias costelas durante o interrogatorio. Após presentar unha denuncia, dez dos axentes foron procesados e acusados de tortura e lesións, e outros catro por torturas por omisión. Con todo, a Audiencia Provincial de Girona absolveu os axentes xa que era imposíbel determinar quen eran os autores das torturas. Unha testemuña chave para determinar que axentes eran responsabeis das torturas modificou a súa versión na última hora. Por acaso…

“En España hai un problema de falta de investigación efectiva das denuncias de cidadáns contra axentes da autoridade por torturas e/ou malos tratos. E cando se investiga e se logra que os axentes sexan xulgados, as condenas previstas polo Código Penal son moi baixas. E o cúmulo é que, nestes casos, os diferentes gobernos indultaron os condenados. Esta actitude do Goberno supón un incumprimento das obrigacións internacionais do Estado: previr e condenar os casos de tortura”, explica a Patricia Goicoechea, avogada que exerce de Vicepresidenta de Rights International Spain.

O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos condenou o Reino de España até en oito ocasións por non investigar suficientemente denuncias de torturas
A denuncia de Goicoechea susténtase en datos. O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos condenou o Reino de España até en oito ocasiones por non investigar suficientemente denuncias de torturas en que había indicios máis que suficientes para iniciar unha investigación. Así mesmo, o Constitucional amparou até once casos de cidadáns entre 2007 e 2016 que evidenciaron que os xulgados ignoraron as súas denuncias a axentes de Corpos e Forzas de Seguranza do Estado por malos tratos e/ou torturas.

O xuíz da Audiencia Nacional José Ricardo de Prada tamén afirmou que no Reino de España “a tortura produciuse de maneira clara”. “Eu tiven moitos casos de sospeita forte á que os tribunais non deron resposta como corresponde a un Estado de Dereito”. Estas declaracións de Prada provocaron que o que na altura era ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, tachase as súas palabras de “infames” e pedise ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) que tomase “algún tipo de medida”.

É máis, a Asociación de Vítimas do Terrorismo pediu a súa recusación en dúas das causas de loita antiterrorista porque, ao parecer, era incompatíbel esa afirmación coa loita antiterrorista. A Audiencia Nacional rexeitou ambas. A actitude do Goberno español na loita contra as torturas é, como se desprende da anterior declaración, negacionista. O Executivo nega a maior e asegura que “tanto a Policía Nacional como a Garda Civil actúan con escrupuloso respecto á legalidade no libre e pacífico exercicio dos dereitos fundamentais”.

Para apoiar esta frase, sinalan que entre 2008 e 2013 un total de 6.903 axentes de Policía e Garda Civil víronse implicados en supostos casos de malos tratos e torturas, e que deles as condenas firmes aos axentes só ascenden a 47. En opinión do Goberno o baixo cociente acredita que só unha ínfima parte dos casos investigados terminan sendo “denuncias de verdade”.

RIS: “En España hai un problema de falta de investigación efectiva das denuncias de cidadáns por torturas”

A resposta ao Goberno chega da man da experta Patricia Goicoechea: “Que unha denuncia sexa arquivada non significa que sexa falsa. Significa que o denunciante non puido probar a súa versión, polo que nesa afirmación o Goberno equivócase. Máis aínda co elevado número de casos en que se demostrou que os xulgados españois non investigan suficientemente este tipo de denuncias. Por tanto, o que si se pode dicir é que en España torturouse porque aí están as sentenzas xudiciais”.

A experta de RIS tamén denuncia que os sucesivos gobernos españois obviaron practicamente todos os consellos chegados desde institucións internacionais dependentes de Europa ou a ONU, que lle recomendan aumentar a prevención para evitar posibeis casos de tortura. “Hai unha evidente e clara falta de vontade política por parte dos sucesivos gobernos para acabar con esta práctica ou con esta sospeita”, di Goicoechea, que pon de exemplo a existencia de lugares sen cámaras en comisarías. “Iso sería ben fácil de aplicar e non se fai”, sinala.

No entanto, sería un erro pensar que as denuncias de torturas prodúcense única ou maioritariamente no contexto da loita contra o terrorismo. Neste sentido, o psiquiatra do Hospital Gregorio Marañón e asesor do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, Pau Pérez, sinala que a inmensa maioría das denuncias de torturas prodúcense no ámbito da represión dos movementos sociais e da inmigración, e que só un 10% das denuncias ten a súa orixe na loita contra o terrorismo de ETA.

Mensaxe de impunidade para torturadores
Ante tales circunstancias, unha lectura evidente é que estas actitudes dos gobernantes lanzan a mensaxe aos Corpos e Forzas de Seguranza do Estado de que os malos tratos a un detido e/ou a tortura non é algo grave que poida acabar coa súa carreira de policía. Aí están os datos dos 39 indultos concedidos por PP e PSOE a axentes condenados por torturas e o pasado non tan oculto de altos cargos da Policía como os nomeados nesta reportaxe. Ou o do Sebastián Trapote Gutiérrez, xefe de Policía en Catalunya.

E doutra banda, tamén están os datos da impunidade que acompaña os policías que espancan mozos na cabeza despois de os sacar dun bar após unha manifestación ou daqueles en que hai indicios máis que suficientes para crer que puideron faltar á verdade nos seus atestados policiais. “O respecto do policía ao cidadán en España brilla pola súa ausencia”, sentenza Sánchez Fornet.

Nestas circunstancias, non é fútil que un recoñecido torturador como Antonio González Pacheco, aliás Billy el Niño, sexa protexido polo Estado español impedindo a súa extradición a Arxentina para ser xulgado por crimes de lesa humanidade.

Fonte: Público