A contratación por parte de empresas de servizos de compañías de seguranza corporativa para espionar activistas é unha práctica bastante estendida, segundo centos de documentos filtrados aos que accedeu ese diario.

A policía británica xa manifestou anteriormente a súa “enorme preocupación” ante o feito de as tarefas que desempeñan esas empresas secretas de espionaxe estaren apenas reguladas e non se axustaren a ningún tipo de control.

As revelacións de The Guardian apóianse nos documentos confidenciais extraídos de dúas firmas corporativas de servizos de intelixencia.

Unha desas empresas, C2i International, empregou dous espías para obter avisos por adiantado sobre futuras manifestacións que se estaban organizando en protesta contra empresas a fin de ceder os datos obtidos ás compañías afectadas.

Esas persoas infiltradas finxiron ser activistas afíns ás causas promovidas polos grupos en que se introducían e mesmo chegaron a axudar a organizar manifestacións, ás que tamén acudían.

Ambos solicitaron documentos internos secretos, entre os que figuran correos electrónicos ou actas de reunións.

Caterpillar, unha das empresas manufactureras máis grandes do mundo, contratou os servizos de C2i International, para que obtivese información confidencial sobre a familia dunha activista que morreu durante unha manifestación, que estaba a adoptar medidas legais contra a empresa.

Rachel Corrie, de 23 anos, foi esmagada at a morte en 2003 por unha máquina aplanadora militar israelí cando participaba nunha manifestación contra a demolición de vivendas palestinas.

Segundo revela The Guardian, a familia da activista interpuxo un preito contra Caterpillar, alegando que esa firma era cómplice de crimes de guerra ao exportar aplanadoras aos israelís que podían ser empregadas para demolir vivendas palestinas.

En 2007, xuíces dun tribunal estadunidense rexeitaron o caso, ao concluíren que non contaban con xurisdición para dirimir sobre el.

Nove días despois, a nai da moza falecida falou nunha conferencia telefónica con 70 activistas dunha campaña en apoio do preito interposto pola súa familia, e C2i obtivo as notas referentes a esa chamada mediante espías infiltrados.

A nai da activista, Cindy Corrie, sinalou a The Guardian que considerou “realmente de moi mal gusto” o labor dos espías corporativos, cando ela pensaba que falaba para un grupo de simpatizantes.

Fonte: Insurgente