A análise do relatorio ‘Leis de difamación e insultos na rexión OSCE’ revela que a xustiza do Reino de España é a que máis a fondo se emprega para perseguir as críticas e ataques á xefatura do Estado.

 

 

 

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos foi contundente. Os reis e xefes de Estado non merecen maior protección fronte ás críticas e insultos que calquera outro cidadán. É máis, a lóxica democrática dita que debe ser máis ben ao contrario: os cidadáns (sexan reis ou non) que ocupan as institucións deben estar máis expostos á crítica. E a crítica política, afortunada ou desafortunadamente, non sempre é correcta. Ás veces é agresiva. Zafia. Maleducada. Ferinte. Noutras ocasións, mesmo, a crítica maniféstase en forma de fogueira. Mais, sexa como for, é crítica política e, por tanto, debe ser permitida.

Ao Reino de España, concretamente, o TEDH díxollo en dúas ocasións con senllas sentenzas condenatorias contra o Estado. A primeira no caso de Otegi, que foi condenado por dicir que o rei Juan Carlos era ‘o xefe dos torturadores’. A segunda, no caso dos dous mozos de Girona que queimaron unha foto dos reis Juan Carlos e Sofía durante un protesto. Nas dúas ocasións a xustiza europea explicou ao Reino de España que a crítica política non pode ser censurada con este delito.

A mesma lóxica aplícase ao resto de institucións do Estado e símbolos, tales como o himno ou a bandeira. O Comité de Dereitos Humanos da ONU, entre outros moitos, sinalaron que os estados non deberían prohibir a crítica ás institucións, como o Exército ou a Policía, e que deplora a existencia do delito de ‘difamación do Estado’ ou o ultraxe aos seus símbolos.

Todos estes delitos, no entanto, continúan estando presentes no Código Penal español. Tanto o de inxurias á Coroa (coas recentes condenas aos rapeiros Hasel e Valtonyc) como o de inxurias ás institucións do Estado (polo que tamén foi condenado Hasel) ou ultraxe ao Reino de España, polo que Santiago Espot foi sentenciado a pagar 7.200 euros euros por impulsar a asobiada ao himno de España na final da Copa do rei. A lista é aínda máis longa. A estas sentenzas habería que engadir a condena contra El Jueves pola súa xa célebre capa cos daquela príncipes Felipe e Letizia, ou as condenas contra o que fora alcalde de Puerto Real por dicir que ao rei é ‘fillo de crápula’ ou contra o coronel Martínez-Inglés. Tamén nos anos 80 producíronse condenas contra dous cidadáns vascos que publicaron un artigo dubidando do papel do monarca Juan Carlos I no golpe de estado do 23-F.

O Reino de España unha excepción na Unión Europea?

Mais o Reino de España é un dos únicos estados europeos que ignoran as recomendacións do TEDH e das organizacións supranacionales especializadas en Dereitos Humanos? É España unha excepción dentro dos principais países da Unión Europea cos que gustamos compararnos? É España o único país que sobreprotexe o xefe do Estado?

A resposta a estas preguntas é complicada e ten dúas vertentes. Por unha banda, hai que analizar os diferentes códigos penais dos países da Unión Europea e comprobar se o delito de inxurias á Coroa ou á xefatura do Estado aínda existe ou se foi eliminado, como no caso de Franza. Doutra banda, hai que analizar a parte práctica: como se interpreta e se aplica este delito no resto de países. É dicir, se é un delito activo ou en desuso e se se usa para perseguir a crítica política ou, por contra, só para perseguir os ataques á vida íntima dos xefes de Estado, sexan reis ou non.

Por partes. O estudo Leis de difamación e insultos na rexión OSCE, elaborado polo Comisionado da OSCE para a liberdade de prensa, reflicte como os reinos de Bélxica, Dinamarca, Suecia e Holanda, xunto co de España, manteñen nas súas lexislacións o delito de lesa maxestade. Con todo, ningún destes reinos ten un nivel de condenas por delitos de lesa maxestade, nos últimos anos, ao nivel do de España.

“O problema en España non é a existencia do delito de inxurias á Coroa en si mesmo. O problema é que se está utilizando, tal e como nos dixo o TEDH, para perseguir a crítica política. O delito pode existir sen contradicir as sentenzas europeas se só utiliza para perseguir os insultos ou ataques dirixidos contra a vida íntima do rei. É dicir, os reis ou xefes de Estado deben ter os mesmos dereitos que todos os cidadáns a defender a súa honra, mais non máis”, explica a Público o exletrado do Constitucional Joaquín Urías.

A análise do relatorio da OSCE permite concluír que o Reino de España, apesar de ter unha das penas máis baixas polo delito de inxurias á Coroa, é dos países da Unión Europea, se non o que máis, que máis persegue e castiga polos ataques contra a xefatura do Estado. Para alcanzar esta conclusión é necesario realizar un repaso, país por país, tanto das lexislacións vixentes como da aplicación e interpretación do delito de lesa maxestade. Esta análise realizarase en primeiro lugar das monarquías e, posteriormente, das diferentes repúblicas.

Suecia e Dinamarca

Os reinos de Suecia e Dinamarca recollen no seu Código Penal penas máis altas que as do reino de España. En Suecia, este delito ten un castigo potencial de até seis anos de prisión. En Dinamarca, catro. Con todo, como é apreciábel no relatorio da OSCE, non se rexistrou nos últimos anos ningún procedemento xudicial por este delito. No caso da Gran-Bretaña, pola súa banda, non hai ningunha lei que protexa a honra da Coroa de maneira especial e tampouco se rexistrou ningún procedemento xudicial por este delito.

Holanda e Bélxica

Por último, quedaría por analizar o caso dos reinos de Holanda e Bélxica. Os dous recollen no seu Código Penal artigos que prohiben as ofensas á Monarquía. No caso de Bélxica, a ofensa ao monarca e á familia real e o insulto público ao rei está castigo con penas de seis meses a tres anos e unha multa. Se o insulto se diríxe a calquera outra persoa da familia real a pena baixa de tres meses a dous anos de prisión, máis a correspondente multa.

 

La reina Beatriz de Holanda junto a los reyes de España y el monarca emérito Juan Carlos I.- EFEA raíña Beatriz de Holanda xunto aos reis de España e o monarca emérito Juan Carlos I.- EFE

No entanto, non se rexistrou ningunha condena no país por este delito. Iso si, tal e como informa Alexandre Mato en CTXT, a Casa Real belga si acudiu ao Consello de deontología xornalística do país para protestar por un libro que versaba sobre supostas infidelidades no matrimonio real e a suposta homosexualidade do daquela Príncipe Felipe. O Consello resolveu que o xornalista recorrera a insinuacións e abusara da práctica do off the record. Non houbo multa nin proceso xudicial.

O caso de Holanda é diferente. Despois do reino de España, posibelmente sexa o país das democracias occidentais que máis uso fixo deste delito, aínda que a contía das multas e castigos non é comparábel. En 2007 un home sen abrigo foi multado con 400 euros por dicir que a raíña era ‘unha puta’. Unha semana despois, un xornalista acudiu a unha conferencia de prensa cunha camiseta con este lema: ‘A raíña Beatriz é unha puta’. O xornalista foi arrestado, aínda que finalmente non foi acusado de ningún delito.

O editor da revista Spunk, á que pertencía o xornalista, explicou que a intención era denunciar a condena que se producira unha semana antes. O último caso deste tipo que se viviu no reino holandés foi cando o activista Abulkasim al-Jaberi dixo nunha manifestación de 2014 o seguinte: ‘Que se foda o Rei! Que se foda a Casa Real’, tal e como recolle o relatorio da OSCE. No entanto, a causa foi arquivada pouco tempo despois.

A análise comparada das lexislacións e condenas por delitos contra a honra dos monarcas, portanto, tomba o argumento habitual de que o reino de España non se sae da normalidade europea ditando condenas polo delito de inxurias á Coroa. O Reino de España, tal e como se reflicte, é o país que máis está condenado por este delito nas monarquías da Unión Europea.

‘A recente sentenza do TEDH pon en evidencia que a existencia deste tipo penal en España non é o único problema en España. Tamén o é como se está aplicando: polo seu uso desproporcionado (fóra dos parámetros das Nacións Unidas) por parte da Fiscalía e por unha posterior interpretación dos tribunais allea aos estándares internacionais de Dereitos Humanos. Así o entendeu tamén o maxistrado do Constitucional que emitiu un voto particular no caso da queima da foto dos reis’, explica a Público Yolanda Quintana, portavoz da PDLI, que considera que o tipo penal das inxurias á Coroa é unha ‘ameaza’ tanto ‘real como latente’ contra un dereito fundamental como é ‘a liberdade de expresión’. ‘Por iso pedimos que este delito sexa eliminado do Código Penal esta mesma lexislatura’, sentencia.

As repúblicas da nosa contorna

A protección dos xefes de Estado non é unha particularidade das monarquías. Tamén ocorre nas repúblicas. De feito, na nosa contorna, os estados de Alemaña, Grecia, Italia, Malta, Polonia, Portugal e Eslovenia manteñen unha lei especial que castiga as inxurias e as difamacións contra os xefes de Estado.

A grande excepción, neste caso, sería a República de Franza, que eliminou en 2013 o artigo da Lei sobre liberdade de prensa, de 1881, que penaba as ofensas ao presidente da República cunha multa máxima de 45.000 euros. Antes, no ano 2000, o país galo eliminara as penas de prisión por delitos relacionados coas inxurias e a difamación. Con todo, a eliminación da sobreprotección do xefe do Estado non é total, xa que o presidente da República está entre a lista de funcionarios públicos que goza dunha maior protección contra as inxurias e a difamación que o resto de cidadáns (artigo 30 e 31 da Lei sobre Liberdade de prensa de 1881).

 

El expresidente de Francia Nicolas Sarkozy.- EFEO expresidente de Francia Nicolas Sarkozy.- EFE

 

A última vez que o país galo viviu un caso deste tipo foi no ano 2008, tal e como mostra o relatorio da OSCE facilitado pola PDLI. O militante socialista Hervé Eon foi condenado a pagar 30 euros por soster unha faixa en que podía lerse ‘Cala, pobre cabrón’. O TEDH condenou a Franza por vulnerar a liberdade de expresión deste militante socialista e a Asemblea francesa actuou rápido para eliminar da Lei de liberdade de prensa este delito.

Na Alemaña, pola súa banda, a difamación do presidente da República está castigada con penas de tres meses a cinco anos de prisión, mais o delito está practicamente en desuso. O relatorio da OSCE recolle que os xuízos por difamación do presidente son ‘raros’ aínda que non ‘descoñecidos’. Así, tamén cabe salientar que para poder iniciar un procedemento xudicial por este delito é necesaria a aprobación do presidente.

A última vez que ocorreu un caso similar foi en 2011 cando o presidente Christian Wulff outorgou permiso para que fose xulgado un blogueiro que realizara unha montaxe en que a esposa do agora expresidente aparecía realizando o saúdo nazi. Finalmente, Wulff retirou o permiso e o caso foi arquivado. ‘Entre 1990 e 2004, por exemplo, o permiso para xulgar outorgouse en dúas ocasións’, recolle o relatorio.

Un caso máis rechamante en Alemaña, aínda que sae das marxes deste texto, é a petición que presentou o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, en 2016 para que Alemaña iniciase un procedemento xudicial contra o presentador de televisión e humorista Jan Böhmermann polo delito de inxurias contra un xefe de Estado estranxeiro, un delito inexistente no Reino de España. Un mes despois da solicitude, Merkel anunciou que autorizaba o procedemento, aínda que tamén anunciou o procedemento para retirar ese artigo do Código Penal. Pouco tempo despois, a Fiscalía alemá anunciou que arquivaba a causa contra Böhmermann xa que o poema denunciado estaba protexido pola ‘liberdade artística’.

Condenas isoladas

No caso da Italia, o artigo 278 do Código Penal establece penas de entre un e cinco anos de prisión por ‘ofender a honra ou prestixio do presidente de Italia’. Contodo, as condenas por este delito son máis ben raras. O relatorio da OSCE non recolle ningunha, encanto o xornalista Pierluigi Morena, en CTXT, faise eco dunha condena a 18 meses de prisión ao político da liga Norte Umberto Bossi por dicir que Giorgio Napolitano, hoxe xa expresidente da república italiana, era un ‘terùn’, é dicir, un garrulo do sur, mentres facía o xesto dos cornos coa man.

Portugal castiga o insulto ou a difamación contra o presidente coa pena de tres meses de prisión ou unha multa, aínda que se o delito foi cometido con publicidade o castigo ascende a entre seis meses e tres anos de prisión. O relatorio da OSCE non recolle ningunha condena por este tipo penal, aínda que si chama poderosamente a atención o alto número de condenas por difamación de funcionarios públicos ou políticos.

Por último, compre salientar o caso de Grecia. A república helena castiga os insultos ao xefe do Estado con até tres meses de prisión e autoriza o confisco de publicacións que conteñen insultos ao presidente de Grecia. Mentres que a difamación, o insulto e a inxuria está penada en Eslovenia cun máximo dun ano de prisión. O relatorio da OSCE non recolle ningún caso específico de persoas condenas por insultaren o xefe do Estado nestes países.

Alejandro Torrús

Fonte: Público