A reunión tivo lugar a instancias de EsCULcA , interesada en coñecer a situación do centro Príncipe Felipe despois das preocupantes noticias aparecidas en diversos medios de comunicación referidas a un posíbel conflito de competencias entre a entidade provincial e a Xunta de Galiza que podería ter consecuencias negativas para as e os menores de idade interna/os no centro.

A deputada delegada do Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, referiu aos membros de EsCULcA as circunstancias en que se desenvolve a actividade da institución, moi diferentes daquelas en que foi proxectado, e explicou que os problemas detectados na convivencia nun mesmo espazo escolar entre os diferentes grupos de alumnos e alumnas se orixinan no uso, distorsionado no parecer da deputación, que fai a Consellaría de Política Social da Xunta de Galiza da chamada Unidade de Primeira Acollida (UPA).

Esta unidade foi creada por convenio asinado coa Xunta de Galiza e nela acóllense menores en desamparo / tutela administrativa durante períodos que non poden exceder legalmente os 40 dias antes de as instancias responsábeis da Consellaría decidiren a que centro se há de destinar a ou o menor en cuestión.

A deputación entende que, nas actuais condicións, esta unidade non ten cabida no centro PF por carecer este dos recursos necesarios e o persoal cualificado que permitan garantir un funcionamento adecuado ás necesidades destas persoas, e insiste en que é preciso buscar solucións: non renovar o convenio, modificar os termos do actual para o adaptar ás necesidades reais, transferir a xestión íntegra á Xunta de Galiza, etc..

Eva Vilaverde afirma asimesmo que non sempre a Xunta respecta o prazo máximo de permanencia (40 días) e non raro utiliza esta unidade como solución para estadías temporais, sendo particularmente grave o caso de menores que se destina á UPA en máis dunha ocasión, o que contraria abertamente a finalidade de valoración que é teoricamente a que ten asignada.

Estadias prolongadas durante as que non reciben o tratamento adecuado por falta de medios e persoal cualificado leva a que nalgúns casos a situación deste/as menores poda ser calificada de abandono institucional, unha situación que por veces repercute tamén negativamente sobre o alumnado dos outros centros da institución e mesmo, en casos extremos, sobre o própio persoal docente e non docente da entidade.

EsCULcA solicitará entrevista coa directora de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, para coñecer a perspectiva da Xunta de Galiza sobre estres problemas e as medidas que pensa adoptar para lles dar solución.