Até hoxe o sufrido contribuínte español viuse abocado a rescatar bancos e concesionarios de autoestradas varios, mais non se dera o caso até o momento de nos pediren que rescatásemos un xuíz. Con todo, iso é exactamente o que está a acontecer. O maxistrado Llarena, co dubidoso apoio do seu amigo Lesmes, o amo do calabouzo do Consello Xeral do Poder Xudiciario (CXPX), pretende que se utilice diñeiro público para pagar a representación legal de Pablo Llarena nun preito civil en Bruxelas e, ademais, caso de este perder e ser condenado, se empregue o diñeiro de todos para pagar a indemnización, que sería simbólica, e facer fronte aos custos procesuais, que non o serían tanto.

 

El juez Llarena, increpado por un grupo de independentistas en Mont-ras (Girona)

 

Xa saben, era esa demanda civil presentada por Puigdemont e os ex consellers Serret, Comin, Puig e Ponsatí de protección da honra por manifestacións privadas realizadas polo maxistrado en conferencias (patrocinadas por BMW, en FAES e en universidades de verán) en que foi vulnerado o seu dereito á presunción de inocencia por parte do xuíz que instrúe o seu caso. Esa demanda civil que partía a caixa a Llarena e ao resto do mundo e que o que era na altura xuíz decano de Madrid considerou que non debía nin facerlla chegar. Esa demanda que seguiu o seu curso legal e que mantén a súa citación para setembro. O que era unha piada e unha ocorrencia hai dous meses terminou pondo en marcha mecanismos inauditos para o rescate de Llarena. Co diñeiro de todos. E ollo a iso. Porque o que se sustancia en Bruxelas -lugar de residencia dos demandantes- é se o maxistrado Llarena, que nos seus escritos xudiciais considera supostos autores dun delito de rebelión e malversación aos cataláns, cometeu un ilícito civil ao dar por feito en manifestacións privadas que o cometeron. Preguntaranse: e que ten que ver o CXPX e o Ministerio de Xustiza e, sobretodo o noso diñeiro, se o Llarena é un linguateiro ou lle escapa algo do subconsciente cando vai por aí de xira? Pois iso mesmo pregúntome eu e paréceme que tamén Xustiza debe estudar moi ben a situación antes de tomar unha decisión que puider supor unha mala utilización de fondos públicos, xa que isto ten un nome moi feo. Xa saben.

Estabamos en que Llarena e os demais rían a bandeiras despregadas hai dous meses pola demanda e que este desestimou rapidamente a recusación que se lle fixo por considerar que tiña preito con estas persoas, o cal é motivo legal para abandonar o caso. A el non lle interfería nada! Hai uns días, con todo, o xuíz presentou unha petición de amparo perante o CXPX ao sentirse perturbado na súa independencia. E como pode un non ter interese algún e desestimar unha recusación por un tema e semanas despois afirmar que ese tema o perturba tanto que precisa amparo? Pois xa ven. Vou tentar explicalo. O imperturbábel maxistrado deuse conta de que o procedemento civil belga continúa para adiante e que podía optar por estar representado ou en ausencia. Isto último non permite ningunha defensa así que tiña que contratar un avogado e pagalo dos seus cartos? O que faltaba. Ademais, pensando ben, mesmo podía perder e aínda que as indemnizacións ascendesen a cinco euros, o pagamento das custas procesuais, incluíndo os honorarios dos avogados, podía dispararse a un pico. Co peto propio ameazado, Llarena pediu papas. Estas papas non eran de fácil cocción. Cóntanme que o propio Lesmes afirmou na Permanente que tivo unha conversa coa Avogada Xeral do Estado para ver como se podía facer para que fose a Avogacía a que se fixese cargo da situación. Esta díxolle que así, sen que se excitase a cuestión desde o Consello, ía ser máis ben imposíbel. Así que, puxéronse a excitar e a excitación consistiu na utilización espuria da figura do amparo que está pensada para preservar a independencia xudicial respecto doutros poderes do Estado.

Non acaban aí as invencións e as anomalías. De facto para conceder o amparo viviuse unha sesión de alta tensión da Comisión Permanente do CXPX en que non faltaron literalmente os berros. E é que a solicitude de amparo de Llarena non debería ser nin sequera tramitada. A lei recolle un prazo preclusivo de dez días para presentalo desde o momento en que se producir o feito perturbador. Chegouse a rexeitar a tramitación de peticións de amparo por pasarse un día do prazo. Pois ben, a de Llarena pasouse non un día senón case dous meses. Este motivo foi alegado por unha das vogais que se negaba sequera a estudar a petición ao consideralo ilegal. Nada importou ao bulldozer Lesmes. Ademais, a petición de amparo leva un erro conceptual dado que o mecanismo para garantir a independencia pouco ten a ver coas accións privadas dun maxistrado e a posibilidade de que estas lle custen os cartiños. Así que se fala de protexer fronte a inmisións do estranxeiro á indemnidade da xurisdición española cando ningún risco sofre nun procedemento persoal, mais é que, ademais, iso non constituiría tampouco motivo de amparo. O certo é que na tumultuosa reunión chegou a resoar a frase: ‘A ver, que estamos a falar de diñeiro a respecto dunha persoa que vive do seu soldo!’. Así que se esixe o rescate do maxistrado Llarena e así llo fixo chegar o CXPX ao Ministerio de Xustiza.

A demanda civil presentada en Bélxica di textualmente: ‘o xuíz Llarena cometeu unha falta Á MARXE DA súa FUNCIÓN XURISDICIONAL’. Agora Lesmes decidiu que, se o maxistrado foi un linguateiro, temos que pagar todos. O Ministerio xa dixo que a Avogacía do Estado non pode actuar e que, en todo caso, habería que contratar avogados. Ollo con isto. Ollo. Usar fondos públicos para pagar avogados en asuntos privados é algo non aceptábel. De nome feo.

Non hai motivos para que os cidadáns rescatemos un maxistrado linguateiro. A ver como o explican.